DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No III Congreso de Agroecoloxía e Agricultura Ecolóxica en Galiza

Investigadores e produtores analizarán no campus as posibilidades de construción do novo rural galego

Afondarán nas potencialidades deste novo modelo de traballar a terra

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 15/06/2010
Baixo o lema Soberanía alimentaria e agricultura ecolóxica. Propostas de acción o campus de Vigo vai acoller o III Congreso de agroecoloxía e agricultura ecolóxica en Galiza entre os días 24, 25 e 26 de xuño. Baixo a coordinación do Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica e Agroecoloxía (GIEEA) da Universidade de Vigo, este evento pretende debullar as posibilidades que estes novos xeitos de traballar a terra ofrecen para a construción dun novo rural galego, deixando atrás o escenario actual ameazado pola despoboamento e o avellentamento.
A organización agarda a asistencia de arredor de 150 persoas, “a meirande parte delas de Galicia, máis tamén van a asistir ao congreso investigadores, produtores e estudantado doutras comunidades do Estado e mesmo doutros estados coma Brasil, Cuba, Venezuela, México, Colombia, Arxentina, etc.”, explica Damián Copena, secretario do comité organizador. O congreso está dirixido a investigadores, produtores e estudantado así como ao público en xeral que teña “interese e sensibilidade con respecto ao desenvolvemento do mundo rural”.

Un referente galego en agricultura ecolóxica

Esta terceira edición do congreso (a primeira tivo lugar en Lugo en 2006 e a pasada en Monforte de Lemos fai dous anos) quere reafirmarse como un referente galego da investigación teórica e aplicada en agricultura ecolóxica realizada nos distintos centros de investigación, axencias gobernamentais e non gobernamentais e en todo o tecido asociativo vinculado co rural. Con todo, dende a organización destacan que “preténdese dar voz a todas as persoas que, mediante o seu traballo diario coma labregas e labregos, gandeiras e gandeiros ou silvicultores, conseguen que o mundo rural se manteña vivo empregando estratexias socialmente activadoras, ambientalmente correctas e economicamente rendíbeis”.
Damián Copena pon en relevo estas achegas particulares nunha contorna como é a do rural galego “que conta con múltiples problemáticas, destacando sobremaneira o abandono e o avellentamento da poboación”. A agricultura ecolóxica e a agroecoloxía aparecen neste contexto como oportunidades “que teñen que ser parte dos piares fundamentais para a construción do novo rural galego”. Dende esta perspectiva os coñecementos tradicionais, o apoio mutuo e o emprego de prácticas respectuosas co medio natural son elementos clave para poder crear redes que permitan dinamizar o mundo rural.

Tres xornadas de intenso traballo

Ao longo das tres xornadas que dura o congreso, na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais vanse a analizar distintos aspectos relacionados coa agricultura ecolóxica e coa agroecoloxía, sendo a soberanía alimentaria un dos fíos condutores.
Dende a organización delimitáronse doce áreas temáticas que pasan polas políticas agrarias e desenvolvemento rural; a protección de plantas, biodiversidade e recursos xenéticos; a agroecoloxía e coñecemento tradicional; a auga, solos e fertilización, produción de plantas e prácticas culturais; a elaboración, transformación, comercio e consumo de produtos da agricultura ecolóxica; a ética, ciencia e educación; a transición á agricultura ecolóxica; os sistemas ecolóxicos de produción animal; o monte: silvicultura ecolóxica, cogomelos e pequenos froitos, valores sociais e culturais; a seguridade e saúde alimentaria, calidade nos alimentos ecolóxicos; lexislación, normas e certificación e finalmente paisaxe, valores ambientais e turismo rural.
Entre os expertos participantes, Damián Copena destaca a asistencia de Eduardo Sevilla Guzmán Santiago, catedrático da Universidade de Córdoba e director do Instituto Superior de Estudios Campesinos (ISEC), principal referencia da Agroecoloxía en España, que vai a impartir a conferencia de apertura Incorporando a soberanía alimentaria á agroecoloxía. Xunto a el, resalta tamén as importantes achegas de Santiago J. Sarandón, primeiro catedrático de Agroecoloxía nunha universidade arxentina, concretamente na Universidade Nacional de la Plata, que vai a ser o encargado de realizar a conferencia de clausura A socialización da agricultura arxentina e a soberanía alimentaria. Leccións para aprendernos.