DUVI

Diario da Universidade de Vigo

III Congreso de Agroecoloxía e Agricultura Ecolóxica en Galicia ata o 26 de xuño

Investigadores e produtores únense a prol dun novo futuro para o rural

A soberanía alimentaria preséntase como ferramenta para cambiar a economía e a sociedade

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 24/06/2010

Avellentado e despoboado, o rural galego precisa buscar alternativas económicas e sociais que lle aseguren un futuro nun marco globalizado que o ameaza. A agricultura ecolóxica leva tempo tentando convertese nesa opción que faga posible que a vida volve a núcleos abandonados e evita a fuxida dos últimos habitantes de pobos do interior pero tamén pode representar un reclamo para novos poboadores, como alternativa económica, de mercado e tamén social e cultural centrada no respecto ao medio, no coidado da natureza e no desenvolvemento sostible, afastada de doutrinas capitalistas. Ademais, a agroecoloxía pode implicar en consecuencia un estado de soberanía alimentaria e nesta interacción céntrase do III Congreso de Agroecoloxía e Agricultura Ecolóxica en Galicia que este xoves botou a andar no campus de Vigo.
Organizado polo Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica e Agroecoloxía, GIEEA, este congreso está dirixido tanto a investigadores e estudantado como a produtores e calquera persoal interesada no desenvolvemento do rural. Como explicou o presidente do Comité Organizador, o profesor Xavier Simón, o que procuramos é un rural diferente, máis vivo e con futuro”, un compromiso que é tamén o da Universidade de Vigo, como apuntou o reitor Salustiano Mato. “O mundo rural ten unha tarefa pendente coa innovación, pero non no relativo á tecnoloxía, senón unha innovación que signifique volver á esencia, entender a terra e os xeitos de traballala”, argumentou Mato, que avoga por unha innovación baseada en recoller os modos tradicionais de facer as cousas, “ordenalos e poñelos en valor, cambiando os xeitos actuais de vivir e de xerar riqueza”. Neste sentido, o reitor salientou que a sostenibilidade para a Universidade de Vigo é un elemento transversal en toda a institución e os seus grupos de investigación. En definitiva trátase como puntualizou Xavier Simón de “conxugar a ciencia coas persoas” para facer o rural do futuro.

A soberanía alimentaria como resultado da transformación

Nesta terceira edición do congreso, o concepto de soberanía alimentaria planea sobre todo o programa e centrou tamén a conferencia de apertura da man de Eduardo Sevilla, catedrático da Universidad de Córdoba e director do Instituto Superior de Estudios Campesinos e principal referente da agroecoloxía en España. No seu relatorio fixo un percorrido polas bases e raíces que sustentas a agricultura ecolóxica para poder explicar así como se pode chegar á soberanía alimentaria. Segundo relatou a soberanía alimentaria é o concepto a través do cal a agroecoloxía pode intervir neste contexto de crise podendo ser unha plataforma para o cambio, afastada do libre mercado e as imposicións das multinacionais e provocando transformacións sociais asentadas nos movementos sociais colectivos e nos campesiños e freando as forzas produtivas que degradan a natureza. O catedrático resaltou tamén o compoñente local da agroecoloxía, que recoñece as identidades e características tradicionais dos grupos ao tempo que tamén lembrou a controvertida que este concepto ten coa ciencia, xa que por unha banda critica o pensamento científico global pero, por outra, reivindica o pensamento científico como elemento innovador, pero tamén cos seus contidos históricos. Durante todo o seu discurso, Eduardo Sevilla salientou a importancia no xermolo da agroecoloxía dos movementos campesiños e indíxenas e remarcou tamén as tres dimensións da agroecoloxía, “a ecolóxica, a socio-económica, que xera forzas de acción social e mercados alternativos e a socio-política, con elementos de liberación social e posibles incidencias nas políticas públicas, como foi o caso do Brasil. Estas reflexións levárono a definir soberanía alimentaria como “o dereito dos pobos a definir as súas propias políticas sustentables de produción, distribución e consumo de alimentos garantindo o dereito á alimentación para toda a poboación, con base na pequena e mediana produción, respectanto da propias culturas e a diversidade dos modos campesiños, pesqueiros e indíxenas de produción e comercialización agropecuaria e de xestión dos espazos rurais, nos que a muller desenvolve un papel fundamental”.

Tres xornadas de intenso traballo

Ao longo das tres xornadas que dura o congreso, na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais vanse a analizar distintos aspectos relacionados con doce áreas temáticas que inclúen políticas agrarias e desenvolvemento rural; protección de plantas, biodiversidade e recursos xenéticos; agroecoloxía e coñecemento tradicional; auga, solos e fertilización, produción de plantas e prácticas culturais; elaboración, transformación, comercio e consumo de produtos da agricultura ecolóxica; ética, ciencia e educación; transición á agricultura ecolóxica; sistemas ecolóxicos de produción animal; monte: silvicultura ecolóxica, cogomelos e pequenos froitos, valores sociais e culturais; seguridade e saúde alimentaria, calidade nos alimentos ecolóxicos; lexislación, normas e certificación e finalmente paisaxe, valores ambientais e turismo rural. Este temas abordaranse en sesións plenarias, mesas redondas e comunicacións nas que participarán persoas chegadas de Galicia e todo o estado español así como de Venezuela, Brasil, Colombia, México ou Arxentina.