DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A segunda campaña, financiada con 760.000 euros pola Xunta, será entre o 14 de agosto e o 13 de sete

Investigadores regresan ao Gran Burato para explorar unha superficie equivalente á cuarta parte da provincia de Pontevedra

Recollerán mostras nun área de 1130 quilómetros para comprobar a calidade e cantidade de gas na zona

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Noemí Rey DUVI 01/08/2011

Saber cánto gas hai, a que profundidade e se ten a calidade suficiente para dar o paso cara o procesamento industrial. Eses serán os obxectivos principais da segunda campaña de investigación da Misión do Gran Burato, unha viaxe ata o maior volcán submarino do mundo producido por unha erupción de gas a pouco máis de 220 quilómetros das costas de Vigo e que a Xunta financiará con 760.000 euros a través de fondos Feder que se suman aos 500.000 euros investidos na primeira expedición. “A Xunta apoia as fontes de enerxía autóctonas máis rendibles e limpas, dentro do que conta cunha política gasística ambiciosa orientada a acelerar o desenvolvemento económico e social de Galicia. A aposta pola busca no Gran Burato é o mellor exemplo. Confiamos no gas como un recurso enerxético de futuro e presente”, recordou Javier Guerra, conselleiro de Economía e Industria, tras a sinatura do convenio de colaboración co reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato. Nesta segunda campaña, liderada polo Grupo de Xeoloxía Mariña e Ambiental da universidade viguesa, tamén colabora o CSIC.

Con indicios inferidos bastante sólidos sobre a existencia de gas no Gran Burato atopados en novembro de 2010 e o achado de outras dous formacións similares, O Burato Cheo e A Orella, agora preto de 30 investigadores estudarán a uns 1700 metros de profundidade unha zona de 1130 quilómetros cadrados, o equivalente á cuarta parte da superficie da provincia de Pontevedra. A expedición terá lugar entre o 14 de agosto e o 13 de setembro a bordo do buque oceanográfico Sarmiento de Gamboa, aínda que os traballo continuará en terra firme co análise, “a posta a punto e a interpretación” dos datos recollidos, segundo explicou Federico Vila.

Unha extracción similar á petrolífera no Golfo de México

Organizada en tres fases e con novos métodos de exploración e de muestreo in situ, como un submarino a control remoto que se dirixirá dende o propio barco, con esta segunda expedición tratarase de “incrementar a baixa cobertura da campaña anterior” e comprobar “se a extensión de gas é o suficientemente importante para traballos máis específicos enfocados cara a unha perforación”, recalcou Daniel Rey, un dos investigadores que viaxarán a bordo do Sarmiento de Gamboa. En caso de ser así, habería que dar entrada á financiamento privado e xa hai “intereses modestos” por parte dalgunhas empresas. Sen embargo, haberá que esperar ata novembro para ter os primeiros resultados significativos.

En caso de chegar ata á extracción, para o que se precisaría un investimento de “decenas de millóns de euros”, segundo explicou Guerra”, habería que valorar a relación entre o costo e a rendibilidade da explotación do xacemento, que precisaría “unha estrutura de extracción similar á empregada polas petrolíferas no Golgo de México”, insistiu Rey. Dende a Xunta non o ven un problema, xa que en Galicia “existe certa infraestrutura que se podería empregar e o resto crearíase rapidamente. Ademais, a construción dos buques para a explotación deste gas construiríase nos asteleiros galegos. Pero imos paso a paso, non creemos expectativas”, recomendou o conselleiro de Economía e Industria.

Sen embargo, facendo contas, para os axentes políticos e sociais involucrados nesta nova misión do Gran Burato o intento paga a pena. “Estamos falando da posibilidade de que existan recursos propios de Galicia e, aínda que economicamente sexa viable ou non, as inversións que se están a facer xa se recuperaron soamente co valor patrimonial hipotético recollido na primeira expedición. A aposta é un investimento claro, é un gasto produtivo”, subliñou o reitor da Universidade, Salustiano Mato. Mentres, co peso de todas as esperanzas postas enriba deles, os investigadores aseguran que se trata dun “soño, unha intuición, un proxecto audaz e o futuro de Galicia pode estar se non neste proxecto noutro similar”, subliñou Rey.

Novas colaboracións entre mans

O reitor aproveitou a visita ao campus do conselleiro Javier Guerra para tratar outros asuntos nos que ambas institucións pretenden colaborar de agora en diante. O Campus do Mar é un dos eixos principais, xa que Xunta e Universidade queren traballar conxuntamente en proxectos relacionados con temas emerxentes como pode ser a enerxía mariña ou unimotriz. Con esta colaboración tamén pretenden aproveitar os fondos tecnolóxicos para recadar financiamento, colaborar no ensaio da electromobilidade dentro dos tres campus universitarios para “estudar en vivo proxectos de eficiencia enerxética” e buscar investigacións que poidan proxectarse de forma práctica na economía real da rexión.