DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus acolle a 3ª reunión do Foro Iberoamericano para a Capacitación en Ciencias do Mar

Investigadores de sete países debaten sobre baleiros e oportunidades da capacitación en ciencias mariñas

Salustiano Mato recibiu no seu despecho a unha representación dos asistentes

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 05/11/2012
16 investigadores de sete países da rexión iberoamericana participan esta semana no campus no Foro Iberoamericano para a Capacitación en Ciencias do Mar, unha xuntanza na que discutir sobre as prioridades, baleiros e oportunidades de capacitación en ciencias mariñas na rexión iberoamericana. O encontro, que se celebra na Facultade de Ciencias do Mar ata o vindeiro venres, é a primeira reunión de traballo que a rede BIODIVMAR, na que se agrupan 43 científicos dedicados ás Ciencias do Mar, celebra en Europa. Serán cinco xornadas nas que fomentar o intercambio de experiencias e a creación de vías de comunicación e difusión de información entre os países participantes: Cuba, Venezuela, Costa Rica, Brasil, México e España, aos que se engade Australia, cunha representante procedente da Universidade de Tasmania.

O reitor da Universidade,Salustiano Mato, recibiu esta mañá a unha representación dos asistentes ao encontro aos que lles subliñou que a temática de traballo desta rede entra de cheo nun dos principais “leitmotiv” desta Universidade, en clara referencia ao Campus do Mar, “un proxecto estratéxico para o noroeste peninsular”, subliñou, ao que engadiu que poder facer protocolos de colaboración que estreiten os lazos entre as diferentes institucións as que pertencen os diferentes grupos de traballo da rede “vai resultar clave para abrir novas portas e novos camiños de traballo para toda a comunidade investigadora”.

“A nosa intención é revisar o traballos que puxemos en marcha dende que se puxo en marcha a rede hai xa case catro anos e ver como podemos concretar as novas accións que se van iniciar”, subliñou Aida Hernandez, investigadora do Instituto de Oceanoloxía de Cuba e coordinadora xeral da rede que, ao igual ca o reitor vigués, afondou na “enorme oportunidade deste encontro” para sentar as bases que permitan iniciar proxectos conxuntos entre os diferentes grupos de traballo.

Nesta liña de fomento da cooperación internacional a investigadora cubana destacou tamén o papel do Campus do Mar, "un proxecto que coñecemos en Brasil, onde tivo lugar a segunda reunión da rede, da man da profesora Elsa Vázquez e xa entón nos pareceu marabilloso”, subliñou Hernández, que destacou a “enorme utilidade” dun proxecto que “abre unhas enormes expectativas de colaboración cos países latinoamericanos”, especificou, ao tempo que explicou que dende os diferentes grupos de traballo da rede se está tamén a axudar a divulgar o proxecto en toda Latinoamérica.

Biodiversidade, xestión de recursos, bioinvasións...

O debate e discusión sobre a capacitación en Ciencias do Mar será un dos puntos clave no que centrarán a súa atención os asistentes á reunión. “Buscaremos compromisos e formas de intercambio de estudantes nas catro etapas de formación universitaria: grado, mestrado, doutoramento e posdoutoramento”, subliñou a coordinadora da rede en España, ElsaVázquez, profesora da Universidade de Vigo e directora da Área de Captación de Talento do Campus do Mar, que adiantou que ao longo desta semana se discutirán diferentes metodoloxías de traballo nos catro ámbitos nos que traballa a rede: conservación da biodiversidade, factores ambientais, xestión dos recursos marisqueiros e bioinvasións.

Unha rede xa consolidada

A rede BIODIVMAR nace, enmarcada no proxecto CYTED de fomento da cooperación multilateral en Ciencia e Tecnoloxía, para fomentar o intercambio de experiencias e a creación de vías de comunicación e difusión de información entre os países participantes. Ademais tamén aspira a incentivar estudos de escenarios, impactos e medidas de adaptación ao cambio climático nos diferentes sistemas socio-económicos, físicos e biolóxicos e a impulsar o desenvolvemento de estratexias enfocadas ao manexo responsable dos recursos mariños a partir do análise de cada unha das problemáticas prioritarias de cada rexión.

Cada grupo membro posúe experiencias no estudo nalgunha das liñas de investigación priorizadas pola Convención de Diversidade Biolóxica (CBD/COP7/21) no tema mariño e costeiro e que inclúen temáticas como bioinvasións mariñas, ecosistemas costeiros e xestión de recursos mariños.