DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nace co obxectivo de incrementar o uso das matemáticas no sector produtivo

Investigadores de toda España unen forzas na Rede Española de Matemática-Industria

Na rede participan 30 grupos de investigación, tres deles da Universidade de Vigo

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
DUVI 30/09/2011
Co obxectivo de incrementar a utilización dos métodos e técnicas matemáticas no sector produtivo este venres constituíse en Santiago de Compostela a Rede Española Matemática- Industria, unha iniciativa que xurde do esforzo común de trinta grupos de investigación, dez deles galegos, de dezanove universidades españolas. En total son preto de 300 investigadores que na última década lideraron arredor de 300 proxectos de investigación de carácter autonómico, estatal e europeo.

Á presentación da rede, “exemplo de cara onde debemos avanzar e de como debemos traballar”, tivo lugar no Edificio Fundación Empresa-Universidade Galega en Compostela e contou coa participación dos reitores das universidades de Santiago de Compostela e a Coruña e a vicerreitora de Investigación da Universidade de Vigo, Asunción Longo, quen subliñou que a comunidade matemática en España asumiu o reto de camiñar unida cara o fomento da transferencia e a valoración dos resultados da investigación. “O esforzo realizado ata o momento permitiu xa reforzar a posición dos matemáticos españois e situalos nunha posición de liderado internacional”, apuntou, ao tempo que subliñou que a creación da rede “abre unha nova etapa, na que haberá desafíos e dificultades, pero que producirá indubidablemente beneficios en todos os sentidos”.

Retos para os próximos tres anos

O papel da rede consistirá, por un lado, en funcionar como un foro de comunicación e intercambio de experiencias entre os grupos de investigación co obxectivo de mellorar a súa coordinación e optimizar recursos e, por outro lado, en actuar como unha “fiestra única” cara as empresas e centros tecnolóxicos, que identifiquen nela un interlocutor cando precisen resolver un determinado problema ou por en marcha unha iniciativa conxunta.

Xunto ao obxectivo principal da Rede de incrementar a presenza das técnicas e métodos matemáticos na industria, a presidenta da Rede, a profesora da USC, Peregrina Quintela, apuntou outros tres obxectivos: incrementar o número e a calidade das relacións estratéxicas entre os grupos e a industria; garantir a vantaxe competitiva dos grupos involucrados a través do rexistro e explotación dos resultados das súas investigacións; e reforzar a imaxe tecnolóxica da comunidade matemática en España.

En relación con estes obxectivos, a Rede marcouse unha serie de metas a cumprir no prazo de tres anos, entre elas: acadar 100 proxectos competitivos ou contratos directos con empresas, impartir 25 cursos de formación, publicar 25 artigos ou teses no marco de proxectos/contratos co sector produtivo, obter 10 inscricións no Rexistro da Propiedade Intelectual e solicitudes de patentes, crear 5 empresas de base tecnolóxica e difundir entre 900 entidades as capacidades da Rede.

Tres grupos vigueses

Da Universidade de Santiago de Compostela forman parte desta rede cinco grupos de investigación, da Coruña dous e tres de Vigo: o grupo de Simulación e Control, liderado polo profesor Lino Álvarez Vázquez; o grupo de Inferencia Estatística, Decisión e Investigación Operativa, do profesor Jacobo Uña Álvarez e o Grupo de Ecuacións Diferenciais e Simulación Numérica, dirixido por José Durany Castrillo.

Precisamente dende Vigo, o profesor Durany salientou que a constitución da rede facilitará as relacións estratéxicas entre os diferentes grupos de investigación e a industria “incrementando a presenza dos métodos e técnicas matemáticas no sector produtivo” e favorecendo a participación dos grupos de investigación do ámbito das matemáticas en proxectos estratéxicos colaborativos coa industria. Ademais, desde o seu punto de vista, “estase a crear un entorno favorable para a creación de empresas de base tecnolóxica que xurdan dos resultados das investigacións dos grupos do ámbito das matemáticas”.

Galicia lidera a transferencia en tecnoloxía matemática

O feito de que a Rede se presente en Galicia débese a que os grupos de investigación galegos (nove grupos de investigación de Matemática Aplicada e Estatística e Investigación Operativa das tres universidades galegas xunto co Centro de Supercomputación de Galicia) xogaron un papel especialmente relevante na plataforma Consulting do proxecto i-MATH, centrada no fomento da transferencia de tecnoloxía matemática á industria.

Ademais, cómpre sinalar que o 58,5% dos contratos con empresas e o 31% dos proxectos de investigación competitivos foron realizados por grupos de investigación galegos, segundo a Enquisa de Oferta Tecnolóxica por Grupos ou Entidades de Investigación realizada no marco do proxecto i-MATH. Estes datos sitúan a Galicia como líder no ámbito da Matemática Industrial.

Neste contexto, a presidenta da Rede quixo render unha homenaxe a un dos científicos galegos pioneiros na materia, o profesor Alfredo Bermúdez de Castro López-Varela.

Ampla presenza institucional

O acto de constitución da rede contou tamén coa participación director xerente da Fundación CESGA, Javier García; do subdirector xeral de Fomento da Innovación Empresarial do Ministerio de Ciencia e Innovación, Luis Cueto; da presidenta da Rede, a catedrática de Matemática Aplicada da USC Peregrina Quintela, que explicou os seus principais obxectivos e expectativas; e do conselleiro delegado de FerroSolar, Ramón Ordás, que mostrou o punto de vista da industria.

Asistiron ademais os presidentes da Real Sociedade Matemática Española e da Sociedade de Estatística e Investigación Operativa, membros da Sociedade Española de Matemática Aplicada, investigadores, representantes das universidades integrantes da Rede e dos gobernos das Comunidades Autónomas ás que pertencen, así como responsables das empresas e centros tecnolóxicos colaboradores.