DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través dunha xornada promovida polo grupo CIMA no IES de Ames

Investigadores da Universidade achegan a tecnoloxía de impresión 3D ao estudantado de secundaria

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Duvi DUVI 14/05/2013
Nas últimas semanas a impresión en 3D ten acaparado espazo nos medios de comunicación a raíz da fabricación en EEUU dunha pistola con esta técnica. Pero estas impresoras en tres dimensións son xa unha ferramenta de uso habitual que permite prototipar, crear un obxecto, personalizalo ou experimentar. É posible ter unha impresora 3D na casa ou na oficina e a maioría delas imprimen en plástico, depositando capa por capa o material, aínda que se pode substituír por outro tipo de materia prima. Deste xeito pódense fabricar prototipos, maquetas ou facer probas de deseño abrindo novas fiestras ao futuro.

O grupo CIMA, Centro de Enxeñaría Mecánica e Automoción, dispón dunha destas impresoras en 3D que ademais de empregar para o deseño e fabricación, teñen convertido unha ferramenta didáctica e de divulgación. Este luns o IES de Ames acolleu unha demostración de fabricación de pezas mediante impresión 3D así como unha exposición representativa de pezas fabricadas polos estudantes. Detrás desta actividade están o vicerreitor e director do grupo José Antonio Vilán, e os investigadores Enrique Casarejos e Alfredo Iglesias, do Departamento de Enxeñaría Mecánica. Deste xeito, os estudantes do centro de secundaria inícianse no uso deste tipo de técnicas de prototipado rápido mediante impresión 3D.

O profesor Iglesias explica que “a colaboración con este centro botou a andar en outubro de 2012 e nestes meses desenvolveron varias actividades, como o montaxe e posta en marcha da impresora 3D de modelado por deposición fundida de ‘sobremesa’ tipo RepRap Felix 1.5 ou a fabricación de pezas representativas da súa capacidade de produción a partir de modelos 3D de uso libre dispoñibles a través de recursos web”. Ademais, esta cooperación permitiu tamén a xeración de modelos 3D con software libre e o prototipado rápido de obxectos de deseño propio por parte dos estudantes de Electrotecnia e TICs.

Obxectivo das actividades

Este tipo de actividades teñen un dobre obxectivo. Por unha banda, como indica Iglesias “promover a formación de estudantes de bacharelato nas técnicas de deseño e prototipado rápido de pezas, empregando unha impresora 3D FDM “de sobremesa” e software libre de deseño 3D”. Por outra, é unha oportunidade para que estes alumnos e alumas de secundaria coñezan as actividades de I+D levadas a cabo na Universidade de Vigo, neste caso facilitando a súa participación na produción de prototipos de compoñentes e sistemas desenvolvidos polo grupo CIMA. En concreto, traballan na construción dunha maqueta da estrutura mecánica do detector calorímetro CALIFA do experimento R3B para o centro de investigación en física nuclear FAIR en Alemaña. De feito, as pezas e maquetas que os estudantes fabrican están sendo postas á venda para poder axudar a financiar unha viaxe a este centro punteiro.

O funcionamento da impresión 3D

O funcionamento das impresoras 3D baséase na xeración dunhas coordenadas que a impresora segue para depositar o material fundido, ben sexa plástico, madeira, cerámica, etc. Pero o usuario precisa coñecer os límites físicos e mecánicos da impresora, para poder sacarlle un rendemento óptimo. Por iso a formación no seu emprego é básico para os profesionais do futuro pero tamén para o usuarios particulares, xa que esta tecnoloxía estase poñendo ao alcance de calquera persoa e, de cara ao futuro, semella que esta vai ser a tendencia, pasando da contorna industrial á doméstica.