DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa sinatura dun convenio co Colegio de la Frontera del Norte, COLEF

Investigadores da Universidade crean sinerxías con México para dar pulo á Eurorrexión galego-portuguesa

A colaboración tamén abrangue intercambio de alumnado e de profesorado

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijóo DUVI 10/09/2012

Co obxectivo de afondar nas investigacións sobre a realidade transfronteiriza, profesores do Grao en Dirección e Xestión Pública buscaron en México novas fórmulas para dar pulo ás políticas da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Así, a Universidade de Vigo vén de asinar un convenio de colaboración co Colegio de la Frontera del Norte, COLEF, promovido polo corpo docente e investigador da Área de Ciencia Política e da Administración. Como explica o profesor Enrique Varela, “a realidade da Eurorrexión galego portuguesa non é única no mundo e podemos aprender moito das relacións transfronteirizas de México con Estados Unidos xa que, habendo particularidades en cada rexión, si que hai moitos procesos comúns”.

En representación do COLEF visitou a Universidade a profesora Rocío Barajas, que amosou o seu interese por desenvolver proxectos de investigación conxuntos de corte internacional sobre a cooperación transfronteiriza coa creación de grupos de traballo mixtos. A pesar da distancia e do diferente contexto, “podemos aprender moito un dos outros”, recoñece o profesor Varela que destaca a relevancia de asinar un convenio cun centro “creado hai 30 anos ex profeso para a investigación sobre temas fronteirizos”. Segundo apunta Barajas, a zona da raia entre México e Estados Unidos é o espazo de maior crecemento económico do país norteamericano “coa renda per cápita máis alta de todo México”, hexemonía que foi perdendo o caso galego portugués “non polas propias políticas internas da Eurorrexión, senón por dinámicas esóxenas relacionadas co centralismo e coa posición dos estados con respecto ás fronteiras”, subliña Varela. Non obstante, a realidade galego portuguesa dispón dunha lóxica institucional da que non goza a mexicana “e que debemos adoptar para ter unha maior entidade”, acentúa Barajas.

“O enriquecemento é mutuo”, reflexionan os dous profesores pois “mentres que a fronteira estadounidense mexicana é un excelente referente dada a súa dimensión e volume, a galega portuguesa pode achegar e compartir a súa experiencia no proceso de europeización e de construción das Eurorrexións”, engaden.

Tema de investigación de “primeira orde”

Enrique Varela fai especial fincapé na importancia de afondar e dar pulo ás investigacións sobre a cooperación transfronteiriza. “Estamos nun mundo global, nun mundo de fronteiras”, sinala o docente vigués, “de aí que a fronteira pasase de ser unha entidade de investigación de segunda orde a converterse, por forza dos feitos, nunhas das rexións de máxima potencia, vivacidade e dinamismo”, apunta.

A colaboración tamén abrangue outros temas de investigación, especialmente aqueles relacionados coas políticas públicas das administracións, co obxectivo de dar dimensión internacional aos estudos e equipos de investigación deste eido. “Os profesores da Área de Ciencia Política e da Administración, a través do noso Observatorio de Gobernanza, queremos que as nosas liñas de traballo se proxecten fóra do noso país, así imos engadindo pouco a pouco colaboradores internacionais, como agora en México e, hai pouco tamén na Universidade do Minho”, sinala o profesor Varela. Ademais dos proxectos de investigación, o convenio contempla tamén a implantación de programas de intercambio tanto de alumnado como de profesorado “cun especial interese de que docentes dunha e doutra institución participen nos mestrados especializados neste eido e codirixan investigacións achegando esa visión complementaria”, conclúen Barajas e Varela.