DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Analizaron as oportunidades de negocio en Cambados, Nigrán, A Estrada, Tui e Marín

Investigadores da Universidade debullan as claves de emprender en cinco concellos pontevedreses

Enerxías renovables, turismo, produción ecolóxica, viño e artesanía son algúns dos campos con máis f

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Iolanda Fernández DUVI 14/10/2013

O turismo cultural, deportivo e vitivinícola, as enerxías renovables, o mar, a produción ecolóxica, a gastronomía e a artesanía son as principais oportunidades de negocio para aqueles emprendedores que queiran iniciar un proxecto empresarial nos concellos de Cambados, Nigrán, A Estrada, Tui e Marín, segundo un estudo elaborado polo grupo de investigación G4 Plus da Universidade de Vigo en colaboración coa Deputación de Pontevedra. A aposta polas novas Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TICs), concretamente polo comercio electrónico, e todas aquelas actividades relacionadas ou derivadas do coidado e da atención ás persoas maiores son outras das posibles opcións para reactivar a economía destas localidades, tal e como destaca o profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e director do informe, Pedro Figueroa.

Cambados, do mar á enerxía renovable

O Concello de Cambados foi a primeira destas cinco localidades en someterse a este pequeno estudo que identificou o sector enerxético, o mar, o turismo e as TICs como “oportunidades de negocio reais e viables” para desenvolver a curto ou medio prazo. Recorrer ás enerxías renovables (biomasa ou augas termais), aproveitar as algas ou outras plantas mariñas para destinalas á industria alimentaria, farmacéutica ou mesmo á cosmética son outras das opcións para crear emprego que se recollen neste estudo segundo pon de manifesto o profesor Figueroa. O comercio electrónico e a figura do community management tamén toman forza nun lugar no que son as mulleres entre 30 e 40 anos, e sen formación académica, as que definen o perfil emprendedor desta poboación que vive principalmente do sector primario (agricultura e pesca).

Nigrán, unha aposta segura polo turismo

Tamén son as mulleres de entre 30 e 45 anos, cun ciclo de Formación Profesional ou titulación universitaria, as que determinan o perfil do emprendedor medio en Nigrán. A pesares de que a economía desta localidade se sustenta principalmente grazas á construción e á automoción o estudo, no que tamén participaron os investigadores da Universidade Ana Otero e Daniel Gallego, asegura que a aposta polo “turismo de experiencias e sensacións xunto á satisfacción das necesidades básicas da poboación, especialmente de nenos e maiores, como fonte para a creación de emprego”. A maiores, a Administración Local comprometeuse a crear unha concellería de Promoción Empresarial, Comercio e Emprego e unha Escola de Emprendedores en colaboración cos diferentes concellos do Val Miñor, explica o director do estudo.

Produción ecolóxica e gastronómica na Estrada

A produción ecolóxica e a gastronomía típica da Estrada é xunto ao investimento en enerxías renovables, o turismo, as TICs e o benestar social unha das oportunidades de negocio que presenta este informe da Universidade de Vigo para unha localidade “que debe innovar no seu produto estrela, a madeira, e tamén na súa Feira do Moble”, destaca Pedro Figueroa. Como contrapunto aos concellos de Cambados e Nigrán, o perfil do emprendedor nesta localidade é o dun home de entre 30 e 45 anos, cun ciclo de Formación Profesional ou titulación universitaria. Para contribuír ao desenvolvemento socioeconómico “a Administración Local puxo riba da mesa a idea de remodelar de novo o edificio do mercado, que contaría cun viveiro de empresas, residencia e unha ludoteca, e crear o ente A Estrada Dixital que facilitaría o acceso á banda ancha ás empresas dos novos emprendedores”, salientan os tres investigadores

Viño e artesanía en Tui

O sector vitivinícola e a aposta do Concello de Tui como Centro de Artesanía e Oficios Tradicionais de Galicia centran as oportunidades de negocio para os emprendedores dunha localidade na que o turismo e rehabilitación das antigas vivendas do casco vello tamén toman peso e se converten noutra opción máis, explica o profesor Figueroa. Nesta localidade volven a ser as mulleres de entre 30 e 45 anos, demandantes de emprego de curta duración, as que conforman o perfil de emprendedor tipo. Para axudarlles neste labor, a Administración Local propón, tal e como se recolle no informe elaborado polo grupo de investigación G4 Plus, a rehabilitación do Edificio de Chans a través dun obradoiro de emprego, cedendo este espazo para a creación dun viveiro de empresas, asegura o director do informe.

Marín, un Porto e máis posibilidades

A localidade de Marín é a que presenta un maior abano de posibilidades de novos negocios no que a elaboración de estudos de mercado e proxectos de internacionalización figuran como prioridades. O turismo, os produtos ecolóxicos e artesanais, o benestar dos novos e maiores, o mar, a restauración e as TICs son espazos nos que os seus emprendedores, homes e mulleres sen estudos, vinculados á hostalería e ao comercio e cunha idade comprendida entre os 25 e os 40 anos, poden comezar xa a traballar segundo os datos extraídos do informe “Definición de áreas prioritarias de apoio ao emprendemento para o desenvolvemento local”. Con todo, o Porto da localidade segue a ser un dos seus principais activos económicos e debe prestárselle a atención que merece, asegurou Pedro Figueroa.

Apostando polo desenvolvemento local

Os cambios que se están a producir na estrutura económica dos territorios “obrigan a abrir unha nova etapa de reestruturación económica, tecnolóxica e organizativa, onde a introdución de elementos innovadores xoga un papel fundamental á hora de optimizar os niveis de produtividade e competividade empresarial, alentando o crecemento de sectores emerxentes e contribuíndo á reestruturación dos sectores económicos en declive”, explica o profesor e investigador Figueroa. Neste contexto, é onde cobran cada vez máis importancia as iniciativas de desenvolvemento local nas que se pretende pór en valor os recursos endóxenos de cada territorio e a procura de novas fontes de emprego, á fin de adaptar as economías locais aos cambios e tendencias locais, salientou.