DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Grupo de Xeoloxía Mariña e Ambiental , Geoma, deseñou a embarcación, bautizada como Inndaga

Investigadores da Universidade dispoñen dun dos barcos oceanográficos máis pequenos e mellor dotados de España

Valorado en máis de 300.000 euros dispón dos equipos fundamentais para calquera estudo costeiro

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 21/09/2012
“Un dos barcos oceanográficos máis pequenos e mellor dotados de España e claramente competitivo a nivel internacional”. Así describen os investigadores do grupo de Xeoloxía Mariña e Ambiental, Geoma, a Inndaga, unha embarcación que eles mesmos deseñaron e crearon e que a día de hoxe constitúe unha referencia para toda a comunidade científica española. Con 8,5 metros e medio de eslora, 250 cabalos de potencia e un valor global que supera os 300.000 euros, Inndaga vai moito máis alá dun medio de transporte, é un instrumento de traballo no que se dispón de equipos de tecnoloxía punta para levar a cabo calquera tipo de estudo costeiro.

“Que un grupo de investigación consiga todos os fondos precisos para facerse cunha embarcación deste tipo é algo excepcional”, subliña a profesora Belén Rubio, investigadora do grupo Geoma, implicada no proxecto dende que xurdiu a idea, hai xa máis de dous anos. Foron meses de intenso traballo de todos os membros do grupo Geoma, xa que eles se encargaron “detalle a detalle”, recalca o profesor Daniel Rey, de todo o proceso de deseño e creación da embarcación.

Ideal para levar a cabo estudos en zonas de pouco calado

A idea de crear un barco deste tipo xurdiu da constante necesidade de alugar embarcacións para poder levar a cabo estudos en zonas costeiras. Gran parte do labor diario dos grupos de investigación que teñen como eixe central de traballo os estudos mariños requiren un monitoreo continuo, en moitos casos durante días, “o que ao final supón un custe enorme”, subliña a profesora Ana Bernabeu. A isto hai que engadir o feito de que a maior parte dos barcos dispoñibles son embarcacións de gran tamaño e, polo tanto, pouco axeitadas para facer estudos en zonas de pouco calado. “Para este tipo de actuacións de costa o ideal é ter un barco propio e que, ademais, estea dotado de todos os requirimentos técnicos precisos”, engade Bernabeu.

Desta necesidade xurdiu a idea de facerse cun sistema de protección da costa e do medio mariño que permitise o control constante de calquera actividade en zonas costeiras sen necesidade de ter que recorrer a barcos de gran envergadura .

Unha sonda multihaz, o equipo máis caro da embarcación

O financiamento inicial chegou a través do proxecto do Ministerio de Ciencia e Innovación Promares (Protección Medioambiental da Costa e do Medio Mariño). Logo, con cargo a diferentes proxectos de investigación, a esta axuda sumáronse outras da Xunta de Galicia e do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

Conseguido o financiamento, o traballo tivo dúas fases, unha inicial centrada na consecución da embarcación e unha segunda dirixida a lograr a súa dotación instrumental. A día de hoxe a embarcación está totalmente equipada e entre os equipos máis punteiros dos que dispón os membros de Geoma destacan unha sonda multihaz capaz de facer mapas batimétricos –topografía submariña- de moi alta resolución. “É un dos equipos máis grandes da embarcación e tamén o máis custoso, pois só este instrumento custa máis de 120.000 euros”, subliñou Daniel Rey, que explicou tamén que se trata dunha embarcación cabinada “o que nos permitiu dotala de todo tipo de material electrónico sen risco de que se molle”.

Un guindastre para sacar as mostras do sedimento, dous GPS, unha ecosonda para facer radiografías do fondo, tecnoloxía para medir a calidade das augas ou un sonar de varrido lateral que proporciona unha “imaxe acústica” do fondo ideal para atopar elementos mergullados ou para coñecer se un fondo é duro ou brando ou si está vexetado, son outros exemplos dos equipos dos que dispón a embarcación.

Traballos en Samil, Bouzas e Marín

Foron dous anos nos que levaron a cabo todo o proceso de montaxe dun barco. Para isto o persoal do grupo Geoma contou coa colaboración do persoal do Taller de Mecanizado do CACTI, onde levaron a cabo o deseño e fabricación de diferentes pezas creadas “exproceso”, e tamén da Unidade de Tecnoloxía Mariña do CSIC en Vigo.

No tempo que leva en funcionamento a Inndaga empregouse xa para facer a prospección xeofísica da zona de Samil. O obxectivo: coñecer o impacto do emisario submarino da depuradora na praia para valorar os posibles efectos da nova depuradora. “Nos traballos que levamos a cabo conseguimos unha batimetría con tanto detalle que se ven con claridade os actuais emisarios e o seu estado de conservación”, subliña Daniel Rey.

A embarcación está tamén sendo empregada no marco do proxecto Innodraval (financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación) co que se pretende levar a cabo o desenvolvemento de toda unha serie de ferramentas que permitan a aplicación dun tratamento de restauración ambiental das zonas costeiras con presenza de contaminantes orgánicos e inorgánicos. “Realizáronse toda unha serie de traballos portuarios na zona de Bouzas e tamén en Marín co obxectivo de analizar a incidencia dos dragados nos fondos e na súa evolución”, explica a profesora Belén Rubio, que engade que se está tamén a realizar unha actuación no estuario do Miño. “A idea é colaborar coas diferentes autoridades portuarias e coas empresas interesadas, xa que hai moi poucas embarcacións que poidan traballar a nivel tan costeiro”, engade Rubio.