DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Salustiano Mato confirmoullo ao xerente da Fundación Provigo

Investigadores da Universidade participarán activamente na elaboración do novo Plan Estratéxico de Vigo

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 23/06/2010

O reitor da Universidade de Vigo , Salustiano Mato, confirmou ao xerente da Fundación Provigo, José Armesto, a participación de persoal investigador da institución na elaboración de novo Plan Estratéxico de Vigo. Nunha reunión mantida no despacho do reitor, Mato, trasladou ao xerente da Fundación Provigo, a total disposición da institución académica a tomar parte de xeito “altruista” no proceso de redacción do documento estratéxico que establecerá os obxectivos a longo prazo da cidade de Vigo e da súa área de influencia. Para levar a cabo este traballo, a Universidade de Vigo determinará, en función das necesidades que a Fundación lle traslade, os investigadores e investigadoras máis acaídos para esta función. Cunha vixencia de 10 ou 15 anos, o Plan Estratéxico estaría redactado, segundo apuntou Armesto no seu encontro co reitor, nun prazo de 15 ou 18 meses.
Xunto á Universidade de Vigo que forma parte do padroado da Fundación Provigo, na redacción do novo Plan Estratéxico participarán outros centros de investigación, empresarios e sectores económicos da cidade e da contorna, aínda que a institución académica viguesa tería un papel nuclear no desenvolvemento do documento que tería un custo estimado duns 300.000 euros.

A aspiración de ser unha metrópoli moderna

O actual Plan Estratéxico de Vigo e a súa Área Funcional (Plan Vigo 2010), aprobado en 2003 e que ten vixencia ata este ano, contemplaba que mediante a súa concreción Vigo aspirará a se converter nunha metrópoli moderna, ben integrada no sistema europeo de cidades e capaz de articular un sistema urbano que lle dea unha posición máis competitiva en Europa. O plan articúlase arredor de seis eixos fundamentais que son: dimensión e centralidade urbana; benestar e calidade de vida; competitividade e desenvolvemento empresarial; coñecemento, innovación e cooperación; emprego con futuro e identidade e imaxe.