DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tercio Ambrizzi e Rosmeri Rocaha están a traballar co grupo do profesor Luis Gimeno

Investigadores da Universidade de Sao Paulo visitan o campus para estudar o clima

Desenvolven un proxecto sobre as fontes de humidade en Sudamérica

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Raquel Feijóo DUVI 23/04/2010

O profesor Tercio Ambrizzi, director do Instituto de Astronomía, Xeofísica e Ciencias da Atmosfera da Universidade de Sao Paulo, asegura “non ter ningunha dúbida” de que camiñamos cara un cambio climático. Segundo as súas palabras, “todos os datos do ciclo pasado indícannos que a atmosfera estase quentando e coas proxeccións de escenarios futuros os modelos matemáticos revelan que se non facemos nada agora en materia de emisións aumentará o quentamento e teremos un cambio climático”, declara. Son moitas as materias pendentes a levar adiante neste ámbito para evitar que isto suceda, dende reducir as emisións de CO2 ata utilizar ben o solo e apostar polas enerxías renovables, entre outras. Nesta loita debe participar toda a sociedade e, por suposto, a universidade que desempeña aquí un papel fundamental potenciando investigacións sobre a temática.
Un destes estudos é o que está a levar adiante o profesor Luis Gimeno, do Grupo de Física da Atmosfera e do Océano da Facultade de Ciencias en colaboración con estudantes e profesores da Universidade de Sao Paulo e que ten por obxectivo investigar as principais fontes de humidade de Sudamérica. A visita do profesor Ambrizzi ao campus prodúcese, polo tanto, no contexto deste estudo que cualifica de “moi importante” ante a ameaza do cambio climático. “Para nós, os investigadores, é moi importante coñecer si existe unha grande variabilidade nas fontes de humidade de Sudamérica polo seu impacto nas chuvias”, explica. O investigador fai especial fincapé na relación que existe entre a humidade e a chuvia explicando que “para que unha rexión poida ter chuvia ten que ter humidade e, moitas veces, esa humidade ven de zonas moi apartadas de aí que o noso traballo se centre en estudar cales son esas fontes de humidade que permiten que poida chover nunha determinada rexión”, declara.

Sudamérica, un lugar rico en chuvias

Sudamérica é rica en chuvias e esta realidade fai do lugar unha rexión interesante para levar adiante o proxecto de investigación. Explica Ambrizzi que a zona ten unha parte tropical “onde as temperaturas son máis cálidas e chove bastante polo que hai unha distribución das chuvias ao longo de todo o ano” e outra subtropical “cunha grande influencia de fontes frías que fai que teña unha variabilidade intensa de temperatura e de chuvias”. Os resultados do traballo de investigación permitiranlles aos seus promotores “ter un coñecemento maior do clima global e, especificamente, do clima de Sudamérica asociando a teoría coas observacións climáticas”, declara.
O clima ten un impacto directo na economía dun país xa que afecta a moitos sectores produtivos como a gandería, a industria e o turismo, entre outros, pero ten tamén unha repercusión social porque, como explica o investigador, “as persoas con menos recursos son as que máis van sufrir cos cambios bruscos do tempo”. De aí a importancia de levar adiante investigacións punteiras neste ámbito.

Intercambio de coñecementos entre as universidades

O profesor Ambrizzi visita o campus acompañado pola tamén docente da Universidade de Sao Paulo, Rosmeri Rocaha, profesora do departamento de Ciencias da Atmosfera da institución académica. Os dous coordinan o Grupo de Estudos Climáticos do centro polo que no transcurso da súa estadía na Facultade de Ciencias imparten clase aos estudantes do Mestrado Universitario en Ciencias do Clima, uns estudos que centran os seus contidos nos aspectos científicos do clima global, de climas rexionais e do cambio climático xunto coa análise dos seus impactos. Ambrizzi valora “moi positivamente” a colaboración académica existente entre as dúas institucións posto que favorece tanto ao alumnado como ao corpo docente. “Iniciativas deste tipo permiten que os estudantes teñan un contacto fora do seu país con outros estudantes, profesores e, sobre todo, con outra cultura”, asegura. O investigador subliña así mesmo o traballo que está a desenvolver o grupo de Luis Gimeno, “un equipo formado por xente moi nova pero moi produtiva que están a desenvolver proxectos moi importantes do tempo e do clima e que manteñen unha intensa relación con grupos de distintos países de Sudamérica”, declara.