DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Deputación de Pontevedra outorga un total de 19.000 euros a oito traballos de investigación

Investigadores da Universidade de Vigo acadan a metade dos Premios Provinciais 2011

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 26/04/2012
Catro dos oito Premios Provinciais á Investigación que a Deputación de Pontevedra outorga na edición 2011 veñen de ser concedidos a investigadores da Universidade de Vigo que están presentes nas tres categorías que inclúe o galardón:Traballo de Investigación, Novos Investigadores e Teses de Doutoramento.
Sara Abalde Cela, licenciada en Ciencias Químicas pola Universidade de Vigo; Luis Antonio Medina Castillo, licenciado en Químicas pola Universidade de Granada; Ramón Álvarez Puebla licenciado en Química pola Universidade de Navarra e que actualmente traballa na Universidade de Vigo e Luis Liz Marzán, catedrático da Facultade de Ciencias da Universidade de Vigo acadaron o Premio a Traballos de Investigación en Ciencia e Tecnoloxía por Ultra detección de biotoxinas mariñas mediante Dispersión Raman aumentada por superficies. Esta categoría dotada cun galardón de 3000 euros complétase cos premios de Humanidades de Ciencias Sociais, outorgado ao xornalista abulense e especialista en historia de Vigo, Gerardo González Martín polo Diccionario de Vigueses 1875-1945, e o Premio Carmela Arias Díaz de Rábago que recaeu no docente do centro de bacharelato de A Xunqueira e licenciado en Ciencias Matemáticas pola USC, José Ramos González, autor do traballo Historia desvelada de una traducción. El binomio Millán-Murais.

Na categoría de Novos Investigadores no ámbito de Novas Tecnoloxías o galardón de 2000 euros recaeu na investigadora do departamento de Enxeñaría dos Recursos Naturais e Medio Ambiente da Universidade de Vigo, Susana Lagüela López polo traballo Calibración métrica de cámaras termográficas y aplicación a eficiencia energética en edificios.
Pola súa banda o Premio Novos Investigadores en Humanidades e Ciencias Sociais foi para a licenciada en Filoloxía Hispánica pola Universidade de A Coruña, Paula Martínez por Alegradvos amadores: vida y obra de un poeta singular del siglo XV llamado Sarnés.

Galardóns ás teses de doutoramento

No apartado de premios a teses de doutoramento no ámbito de Humanidades e Ciencias Sociais este foi concedido ex aequo a Eva Quintas Foufe, profesora na facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do campus de Pontevedra e ao tamén profesor no campus pontevedrés e doutor en Dirección e Xestión de Empresas, Miguel González Loureiro. Ambos percibirán 2000 euros polos seus traballos, Federico Ribas Montenegro. Obra Gráfica. Editorial y publicitaria. Análisis y catalogación documental (1916-1936) e Impacto de la gestión de la capital intelectual en el crecimiento de la actividad de pequeñas y medianas empresas innovadoras. Una aplicación al sistema de innovación de Galicia, respectivamente.

Mentres, Xoaquín Moreira Tomé gañou o premio de teses de doutoramento no ámbito de Ciencias e Tecnoloxía polo traballo Variación genética y afecto de la disponibilidad de nutrientes en las defensas constitutivas e inducidas de Pinus Pinaster Ait. Moreira que realizou a súa tese no Centro de Investigación de Lourizán, traballa cunha beca Fullbright na Universidade de Irvine en California.

O xurado encargado de outorgar os Premios á Investigación 2011 estivo integrado pola deputada provincial, Ana Isabel Vázquez e polos vogais representantes da Universidade de Vigo Álvaro Xosé López Mira, Josefina Garrido González, Luis Ortiz Torres, e Óscar Rubiños López. Pola súa banda, formaron parte do xurado Beatriz Rodríguez, en representación da UNED de Pontevedra; Rosa Ana Malvar, da Misión Biolóxica de Galicia; Antonio Ballester Álvarez- Pardiñas, da Real Academia Galega de Ciencias; Xosé Carlos Valle Pérez, director do Museo Provincial de Pontevedra; Miguel Pereira, xefe do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico; Mercedes Costas, en representación do Servizo de Cultura.