DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A bordo do Hespérides ao longo dun mes traballan xunto a unha trintena de científicos españois

Investigadores da Universidade de Vigo afondan no estudo do ecosistema mariño antártico

A bióloga e vicerreitora de Investigación Elsa Vázquez considera un “privilexio” participar do proxe

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 15/01/2010

Temperaturas entre -3 e -2 graos, pero que acompañadas por fortes ventos, producen unha sensación térmica de moito máis frío. Días con 22 horas de luz. Xornadas de traballo de 24 horas diarias, sete días á semana, só interrompidas por unhas condicións adversas no mar que impidan desenvolver a actividade a bordo. Estamos na Antártida e estas condicións que farían que moitas persoas desistisen de desenvolver ningunha actividade, non impiden que outras afirmen que “é un privilexio estar traballando aquí e hai que sacarlle o maior partido”.
Quen así fala é Elsa Vázquez, profesora do departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal e vicerreitora de Investigación da Universidade de Vigo que acompañada doutros oito investigadores da institución participa ata principios de febreiro a bordo do buque Hespérides no proxecto Acoplamento físico-biolóxico no rango da mesoscala arredor das Illas Shetland do Sur (COUPLING). Xunto a estudosos das universidades de Las Palmas e Cádiz e do Centro de Investigaciones Marinas de Andalucía-CSIC, os investigadores da Universidade de Vigo traballan na recollida de mostras no Estreito de Bransfield e no tan temido, pola súas tormentas, Paso de Drake. Este proxecto multidisciplinar no que participan oceanógrafos, físicos, químicos e biólogos coa finalidade de estudar o ecosistema da zona céntrase, segundo explica Elsa Vázquez. “na influenza das distintas masas de auga, correntes e turbulencias na distribución dos organismos que viven na columna de auga, desde as bacterias e fitoplanton al zooplancton como o krill e as larvas de animais. Ademais estudamos a cadea trófica nestas augas”.

A pegada daUniversidade de Vigo na Antártida

Tras varios anos de traballo a Universidade de Vigo confírmase como unha das institucións académicas que máis científicos está achegando ao programa de investigación polar español o que se traduce ademais nun incremento no número de publicacións e teses de investigación. “Este traballo” sinala Elsa Vázquez “fainos cada vez máis visibles internacionalmente “ ao tempo que considera que “así estamos achegando cada un o noso grao de area no coñecemento do funcionamento do ecosistema antártico”.
No proxecto que se desenvolve ao longo deste mes de xaneiro de 2010 e que suma o terceiro na Antártida para o grupo multidisciplinar integrado polas universidades de Las Palmas, Cádiz, Vigo e o Centro de Investigaciones Marinas de Andalucía-CSIC, os investigadores vigueses encárganse da recollida dos datos de temperatura, salinidade e velocidade das correntes para describir a parte física. “Tamén recollemos mostras de auga de mar e as analizamos para ver que bacterias e microalgas se atopan aí, así como a súa calidade como alimento para os pequenos animais que forman parte do plancton”, relata Elsa Vázquez desde a Antártida. Facer mostraxes do zooplancton con redes especiais que arrastra o Hespérides e que recollen as mostras a diferentes profundidades desde os 400 metros ata a superficie é outra das actividades desenvolvidas ao longo das semanas que dura o proxecto que tivo o seu inicio cando os investigadores embarcaron en Punta Arenas (Chile) o 3 de xaneiro que e finalizará o 4 de febreiro en Ushuaia.

Ritmo de traballo intenso e climatoloxía adversa

Nesta época do ano na rexión da Antártida onde se desenvolve o proxecto só hai dúas horas de noite nas que a luz non chega a desaparecer de todo. Así, o traballo dos investigadores desenvólvese ao longo de quendas de 24 horas ao día, sete días á semana. “O ritmo de traballo é moi intenso, sen xornadas de descanso, salvo cando a mar está moi mal e non se poden largar aparellos á auga e hai que buscar abrigo dalgunha illa ou simplemente poñer o barco proa ao vento, mantendo a posición á espera de que mellore o tempo”, relata Elsa Vázquez que insiste na dificultade de conseguir un proxecto antártico e o privilexio que supón para calquera investigador ter a posibilidade de traballar no Hespérides.
Aínda así a vicerreitora de Investigación non oculta as dificultades de traballar sobre a cuberta do barco durante horas “cun vento frío que se mete por toda a roupa e produce unha sensación térmica de moito frío. Para min o peor son as mans porque non podemos ter luvas moi grosas para poder traballar e manexar ao tempo os aparellos”.
O proxecto Acoplamento físico-biolóxico no rango da mesoscala arredor das Illas Shetland do Sur (COUPLING) está financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación e conta para o seu desenvolvemento co apoio da Unidade de Tecnoloxía Mariña pertencente á área de Recursos Naturais do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC).