DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun proxecto de innovación financiado polo Colexio Oficial de Educadores Físico Deportivos

Investigadores da UVigo deseñan un dispositivo de avaliación para as oposicións a policía ou bombeiro

Permite valorar a correcta execución dunha ‘dominada’

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Pontevedra 16/02/2024

Investigadores do grupo de investigación Remoss e do Laboratorio de Rendemento Deportivo, Condición Física e Benestar (Sports Perfomance Lab), da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, participaron no deseño e desenvolvemento dun dispositivo dirixido a mellorar a avaliación dunha das probas físicas que habitualmente forman parte dos procesos selectivos para o acceso aos corpos policiais ou de bombeiros. No marco dun proxecto de innovación, promovido e financiado polo Colexio Oficial de Educadores Físico Deportivos de Galicia (Colef Galicia), Roberto Silva e Javier Carballo traballaron no desenvolvemento dunha Unidade de Control de Balanceo (UCB 2.0), dirixida a mellorar a obxectividade na avaliación da proba de flexión de brazos en barra horizontal, tamén coñecida como “dominadas”.

Trátase dun “modelo de sensor de ultrasónico, que avalía a distancia para determinar o balanceo da persoa executante e achegar unha medida fiable e obxectiva”, sinalan os creadores deste dispositivo, que, como explica Silva, permite “valorar o balanceo antroposterior” da persoa que se atopa realizando unha serie de dominadas. “O instrumento pretende resolver un problema na valoración do movemento dos aspirantes durante a execución das dominadas e achegar obxectividade á decisión do tribunal, tratando así de evitar erros nos resultados ou reclamacións por parte dos aspirantes”, sinalan os responsables desta ferramenta. Non en van, como explica Silva, na realización deste tipo de exercicios no marco dunha oposición, as e os avaliadores deben constatar que estas realízanse “flexionando só os brazos” a través da súa observación. Nesa tarefa, este dispositivo proporcionaríalles unha información obxectiva de xeito inmediato, posto que conta cunha pantalla led que se ilumina en diferente cor segundo “o balanceo da persoa que está executando o exercicio sexa ou non excesivo”. 

Resultado dun proxecto de innovación do Colef

Promovido e financiado polo Colef Galicia, o proxecto de innovación que dá como resultado esta Unidade de Control de Balanceo comezou a coordinarse no ano 2022 da man do Grupo Profesional de Valoración de Probas Físicas (Valuofis) deste colexio profesional, que traballa no estudo, preparación, valoración e servizos de peritaxe en procesos profesionais de acceso e certificados de probas físicas. A través dun convenio entre o Colef e a Universidade de Vigo, establecéronse sinerxías cos investigadores de Ciencias da Educación e do Deporte, que permitiron o desenvolvemento dunha ferramenta que, situada a un máximo de catro metros da persoa que executa os movementos, detecta o seu desprazamento cunha precisión de ata tres milímetros. Como apunta Silva, o prototipo desenvolvido foi probado xa tanto con alumnado da facultade e con profesorado en activo, como con persoas que se atopan preparando actualmente oposicións para o acceso aos corpos policiais. Non obstante, as e os participantes neste proxecto pretenden continuar traballando no seu desenvolvemento ata finais de 2024, co obxectivo de acadar nova información coa que “facer reaxustes nos estándares de calibración do instrumento e dos seus protocolos de aplicación”.