DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Trátase do programa de código aberto MyBrain-Seq

Investigadores da UVigo e do IDIS desenvolven un software para estudar as enfermidades neuropsiquiátricas

Analiza datos epixenéticos para descubrir biomarcadores psiquiátricos e mellorar a diagnose

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Investigación
  • Saúde
  • TIC
  • Investigación
DUVI Ourense 26/04/2023

Investigadores da Universidade de Vigo e do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) desenvolveron un software para estudar as enfermidades neuropsiquiátricas, como a depresión, a esquizofrenia, o párkinson ou o alzhéimer. O programa, chamado MyBrain-Seq, analiza datos epixenéticos para atopar biomarcadores psiquiátricos nas enfermidades mentais e mellorar así o tempo de diagnóstico e a súa precisión e a personalización do tratamento dos pacientes.

O software foi desenvolvido por Daniel Pérez, no marco da súa tese de doutoramento no Programa en Metodoloxía e Aplicacións en Ciencias da Vida da Facultade de Bioloxía da Universidade de Vigo, e polos seus directores de tese: Hugo López, profesor do Departamento de Informática e investigador do grupo SING (Next Generation Computer Systems Group) do campus de Ourense, tamén da Universidade de Vigo, e Roberto C. Agís-Balboa, investigador sanitario do Grupo de Investigación Traslacional en Enfermidades Neurolóxicas (ITEN), do citado IDIS.

Biomarcadores potenciais

Segundo explican os investigadores, as enfermidades neuropsiquiátricas supoñen un gran desafío debido á demora en obter un diagnóstico preciso e o acceso a tratamentos efectivos, lembrando que o tempo de espera para recibir un diagnóstico pode variar desde semanas ata anos. A maioría das enfermidades mentais, como a depresión, indican, son multifactoriais e non teñen biomarcadores claros para o seu diagnóstico biolóxico. Por este motivo, detallan, as e os psiquiatras están abocados a facer unha suposición sobre o que lles sucede ao paciente segundo a súa sintomatoloxía, para logo medicar, observar e repetir ata que haxa unha resposta favorable por parte do paciente.

Neste contexto, os investigadores da UVigo e IDIS propuxéronse atopar biomarcadores potenciais en microARNs a través da epixenética. Así, o programa MyBrain-Seq utiliza pequenos fragmentos de ARN, microARNs, que “funcionan como pequenos interruptores dos xenes, modulando a súa expresión para adaptar o organismo á nosa dieta, ao exercicio que facemos, ás horas de sono que durmimos ou ao estrés”. Segundo apuntan os responsables do software, un crecente número de estudos buscan nestes microARNs biomarcadores para este tipo de trastornos neuropsiquiátricos.

Concretamente, MyBrain-Seq permite ás e aos investigadores analizar datos xenéticos de microARNs, cunha alta estabilidade na análise, unha alta especificidade e un funcionamento sinxelo que favorece a reproducibilidade dos resultados. Segundo detallan os seus responsables, grazas a este programa, un investigador poderá, por exemplo, saber os cambios epixenéticos que ocorren en pacientes con depresión, identificar a eses pacientes entre persoas sas e ter unha imaxe dos mecanismos que se alteran no corpo durante un episodio depresivo. “Un psiquiatra obterá así uns marcadores biolóxicos concretos que diagnostiquen a enfermidade do seu paciente, máis aló dos síntomas que el lles describa”, sinalan. O programa  permite clasificar ás e aos pacientes en función da expresión das súas microARNs e suxerir roteiros biolóxicos que estean alterados.

MyBrain-Seq xorde como proxecto código aberto, polo que está aberto a achegas da comunidade e a súa última versión foi recollida nun artigo publicado na revista Biomedicines.