DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ao abeiro dun convenio entre a Consellería do Medio Rural e as dúas universidades

Investigadores da UVigo e USC deseñan un inventario forestal en constante actualización

Unha xornada abordou os traballos para o seu desenvolvemento

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Medio Ambiente
  • Reitor
  • TIC
  • Investigación
DUVI Pontevedra 25/05/2021

As particularidades que presenta en Galicia a superficie forestal, caracterizada pola existencia de milleiros de parcelas de pequenas dimensións nas que se producen cambios con maior rapidez que noutras áreas xeográficas, fan que o “mapa forestal” dunha comunidade na que o 69% da superficie é forestal requira dunha continua renovación. Ese é un dos obxectivos do traballo que investigadores das universidades de Vigo e de Santiago de Compostela desenvolven xunto coa Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia para a elaboración do Inventario Forestal Continuo de Galicia, no marco do convenio asinado entre as dúas institucións académicas e a administración autonómica. Os traballos que se levan a cabo para o desenvolvemento deste inventario, que combina as medicións físicas en parcelas con ferramentas de teledetección, foron presentados este martes nunha xornada promovida por Medio Rural no Pazo de Quián, no municipio coruñés de Boqueixón.

Este encontro foi inaugurado polo conselleiro José González, xunto cos reitores das Universidades de Vigo e Santiago de Compostela, Manuel Reigosa e Antonio López, e contou coas intervencións de investigadores da Escola de Enxeñaría Forestal do campus pontevedrés, da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo, da Consellería do Medio Rural e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). Como indicou a Consellería, o obxectivo deste proxecto, que se estende ata 2022, é establecer “unha folla de ruta conxunta que permita, por unha banda, facer un seguimento da cantidade e do estado das masas arboradas e, por outra, crear unha estratexia de apoio ás decisións en materia de política forestal mediante un sistema de monitoraxe continuado”. Para iso, combinarase o desenvolvemento de sistemas capaces de caracterizar diferentes tipos de plantacións a partires de imaxes por satélite, traballos que coordina Armesto, coas medicións físicas en parcelas, que centran o traballo dos investigadores da USC. A estes súmase un traballo, coordinado por Picos, director da EE Forestal, de “caracterización socioeconómica” que dote ao inventario de información non só das hectáreas que ocupa unha determinada especie, senón tamén da súa propiedade e explotación. 

Na súa intervención, José González puxo en valor a importancia deste Inventario Forestal Continuo para avanzar cara un monte innovador, ordenado e xestionado activamente ao abeiro do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 e lembrou tamén que este proxecto cumpre coas recomendacións do Ditame da Comisión especial non permanente de estudo e análise das reformas da política forestal, de prevención e extinción de incendios forestais. Manuel Reigosa, pola súa banda, puxo de relevo a importancia da cooperación entre diferentes institucións e Antonio López sinalou a obriga da universidade de transferir o coñecemento á sociedade.

Do uso de satélites á definición da propiedade

Nunha xornada que contou tamén coas intervencións do investigador da USC César Pérez; do director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan; do subdirector xeral de Recursos Forestais, Jacobo Aboal, e do xerente de proxectos de Medio Rural e Mar da Amtega, Manuel Barcón, Picos e Armesto foron os encargados de presentar o labor que levan a cabo na EE Forestal xunto cos investigadores Laura Alonso e Andrés Rodríguez. Por unha banda, Armesto afondou no traballo de definición dese mapa forestal do conxunto de Galicia empregando as imaxes de satélites, tanto de media como de alta resolución. Para estes traballos estanse a empregar tanto imaxes do satélite WorldView, "o que implica traballar con 19.000 millóns de píxels no mapa de toda Galicia”, como as xeradas polos satélites Sentinel da Axencia Espacial Europea. O obxectivo, explicou, é desenvolver algoritmos que permitan “automatizar” a interpretación destas imaxes, de tal xeito que sexan capaces de identificar unha serie de variables, como a especie presente en cada superficie, á vez que ir actualizando a información ao longo dos anos. 

De xeito paralelo, os investigadores da USC levan a cabo unha medición de diferentes variables nunha mostraxe de parcelas, de tal xeito que, a partires de modelos matemáticos, poidan extraerse datos extrapolables ao conxunto de Galicia. Por outra banda, unha vez definido o inventario realizarase cada ano unha medición do 20% das parcelas da mostraxe, o que permitirá ir actualizando a información de xeito continuo. De xeito paralelo, esta mostraxe será empregada para levar a cabo, a través de enquisas, “unha caracterización socioeconómica”, que comprenda datos relativos ao tipo de propiedade, o tamaño da parcela e a súa explotación. Deste xeito, “caracterízase non só o recurso, senón tamén o que hai detrás”, salienta Picos dun ámbito de análise que se inclúe “por primeira vez” nun inventario forestal.

O “ambicioso” obxectivo da actualización continúa

A diferencia do Inventario Forestal Nacional, que se actualiza cada dez anos, este proxecto prevé unha continua actualización que permita dar resposta ás características do monte galego. Nunha comunidade, “na que o 80% das parcelas son de menos de media hectárea e na que cada ano hai máis de 80.000 solicitudes de corta de madeira, hai moitas pequenas cousas que cambian moi rápido”, sinala Picos, que recoñece que, “tecnicamente, ser capaz de detectar eses cambios é un reto”. De aí que o director da EE Forestal poña o acento no “ambicioso” dun proxecto que ademais constitúe “un bo exemplo do traballo de coordinación, tanto en docencia como en investigación, entre as dúas escolas forestais de Galicia”. Nese mesmo senso, Picos pon o acento en que o Plan Forestal de Galicia “incorpora tamén o papel que as dúas escolas teñen para o desenvolvemento da transferencia do coñecemento ao sector”.