DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Determinante na detección precoz de enfermidades como a das vacas tolas ou a Creuzzfeldt-JaKob en hu

Investigadores vigueses deseñan un novo sensor capaz de detectar proteínas infecciosas no sangue

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 03/05/2011
Determinar a presenza de proteínas infecciosas chamadas prións no sangue antes dos primeiros síntomas, un avance que permitirá, cunha simple analítica sanguínea, detectar enfermidades como o mal das vacas tolas ou a de Creutzfeldt-Jakob en humanos. Esta é a principal aplicación dun novo sensor óptico desenvolto por un equipo de investigadores do grupo de Química Coloidal en colaboración con científicos das universidades de Michigan e Rice en Estados Unidos.

O sistema, baseado nunha estrutura cristalina de nanopartículas de ouro, é froito dun proxecto de investigación cuxos resultados acaba de publicar a revista Proceedings da Academia Nacional de Estados Unidos (PNAS) nun artigo no que se destaca o deseño dun supercristal capaz de actuar coma unha “nanoantena” que identifica a “pegada dactilar” dunha molécula. “Os prións son proteínas infecciosas que teñen alterada a súa estrutura secundaria e o sensor que agora presentamos o que fai é detectar ata un total de 10 prións por cada litro de sangue”, subliña o investigador Ramón Álvarez Puebla, que coordinou o estudo dende o grupo de investigación en Química Coloidal, unidade asociada do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) na Universidade de Vigo.

O método consiste en mergullar o supercristal cun sensor óptico nunha mostra de plasma ou sangue centrifugada. Logo o sensor xera un campo eléctrico extremadamente alto na superficie de cristal, “ e isto fai que obteñamos a sinal que rebota nos prións de forma ampliada e, deste xeito, é doado cuantificar a súa presenza”, explicou o autor.

Cambio radical de actuación ante un caso de “vaca tola”

Entre as aplicacións directas do novo sensor, os autores do estudo destacan a análise “eficiente e regular” do gando bovino e ovino, vulnerable a enfermidades de orixe priónico como o coñecido mal das vacas tolas. Este feito muda radicalmente o panorama actual, no que só mediante un análise post mórtem se pode confirmar se un animal está ou non afectado e, caso de resultar positivo, suporía, por motivos de seguridade, o sacrificio de todos os animais da explotación, aínda sen saber se estaban ou non afectados.

Ao mal das vacas tolas habería que engadir tamén o seu homólogo en humanos, a enfermidade de Creutzfeldt-JaKob, outra patoloxía neurodexenerativa causada polos prións con carácter transmisible e evolución clínica fatal.

Porta aberta en Alzheimer e Párkinson

“Hoxe sabemos que o Alzheimer e o Párkinson comparten tamén orixe priónico”, apunta Álvarez Puebla, ao tempo que explica que, a partir do sistema desenvolto, poderían deseñarse métodos de diagnose temperá para estas enfermidades, ao igual que para outras que teñan a mesma orixe. “Isto suporía todo un avance xa que permitiría detectar a enfermidade antes de que aparezan síntomas”, indica o investigador que, á pregunta de si pensaron xa en patentar o sensor, responde “de momento non tivemos tempo, pero é un proceso que si iniciaremos, pois é a mellor vía para que poidan acceder a el as empresas interesadas”.

Un éxito máis para o grupo de Química Coloidal

O desenvolvemento deste novo método de análise supón un éxito máis para o grupo de Química Coloidal, un equipo no que levan a cabo o seu labor máis de trinta investigadores liderados polo catedrático Luis Liz Marzán, recentemente galardoado co Premio Dupont da Ciencia e o Humboldt en recoñecemento á súa traxectoria, ademais de acadar o pasado mes de xaneiro un dos máis esixentes e competitivos contratos europeos, o Advanced Grant, cun financiamento de preto de 2,3 millóns de euros para os vindeiros cinco anos.

Entre estes investigadores do grupo atópase Ramón Álvarez Puebla, quen chegou a Vigo despois de traballar varios anos para o goberno de Canadá no desenvolvemento de novos sistemas de biodetección e biodiagnose . A morriña do seu país, como el mesmo sinala, fíxoo volver a España e, aínda que é palentino, elixiu Vigo como cidade de retorno polos seus contactos co profesor Liz Marzán “un dos maiores especialistas do mundo en facer as nanopartículas fotónicas que eu preciso para desenvolver os meus sensores”, puntualiza.