DUVI

Diario da Universidade de Vigo

En colaboración con científicos do Imperial College de Londres

Investigadores vigueses desenvolven unha proba capaz de detectar enfermidades nunha fase moi incipiente

O estudo, publicado por Nature Materials, financiouse con dúas subvencións do Consello Europeo de In

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 19/09/2012
Investigadores do grupo de Química Coloidal da Universidade de Vigo en colaboración con científicos europeos do Imperial College de Londres desenvolveron de xeito conxunto unha proba ultrasensible capaz de detectar indicios da presenza dunha enfermidade nunha fase aínda moi incipiente. “Falamos dun novo concepto que ten gran importancia na detección e diagnose de patóxenos e marcadores da enfermidade presentes en fluídos complexos como o sangue, a saliva ou a ouriña”, explica o científico Ramón Álvarez Puebla, un dos autores do estudo.

A investigación, publicada na portada da na revista Nature Materials, a referencia neste eido, financiouse en parte con dúas subvencións do Consello Europeo de Investigación e unha bolsa das accións Marie Curie do Séptimo Programa Marco (7 PM) da Unión Europea no marco dos proxectos Naturale (Materiais bioinspirados para labores de detección e medicina rexenerativa), dotado con fondos por valor de 1,6 millóns de euros e Plasmaquo (Desenvolvemento de detección de quórum mediante plasmóns para comprender as relacións entre bacterias e células eucariotas), dotado con 2,25 millóns de euros.

Mellores resultados no tratamento de distintas enfermidades

O equipo foi que de desenvolver unha nova proba diagnóstica en sangue para detectar un biomarcador denominado antíxeno específico da próstata (PSA), cuxo control é clave para obter un diagnóstico precoz, en especial nos casos con concorrencia de cancro de próstata, pois os actuais métodos de detección non posúen suficiente sensibilidade para realizar este tipo de analíticas con precisión.

O feito de permitir detectar enfermidades nunha fase moi inicial resulta vital para lograr acadar mellores resultados no seu tratamento, xa que contar cun diagnóstico claro nunha etapa tan temperá daríalle ao paciente a oportunidade de tratar a enfermidade antes de que empeoren os seus síntomas. “Ademais, no caso de moitas enfermidades buscar indicios prematuros coa tecnoloxía actual é como buscar unha agulla nun pallar” afirmou a profesora Molly Stevens do Departamento de Materiais e Bioenxeñaría do Imperial College de Londres e autora sénior do estudo, que insiste en que “a nosa proba é quen de dar coa agulla”.

Estudan maneiras de comercializar o produto

A elevada sensibilidade acadada por esta nova proba logrouse mediante a enzima glucosa oxidasa (GOx) que controla a velocidade a que se cristalizan os ións de prata para favorecer a nucleación ou o crecemento de nanocristais sobre nanosensores plasmónicos “coñecidos como nanoestrelas de ouro e que foron un dos elementos clave da investigación”, subliña Álvarez Puebla que explica que ata o de agora centraron os seus esforzos nunha única enfermidade, o cancro de próstata, pero que podería aplicarse a moitas outras tamén en fase moi inicial.

A técnica desenvolta por este equipo de investigadores permitiu detectar PSA ata concentracións do orde de 10-18 g/mL “é dicir, unha concentración mil millóns de veces máis diluída ca o límite dos ensaios por inmunoabsorción ligados a enzimas (ELISA) que se usan habitualmente nos hospitais”, explicou o investigador.
Publicado o estudo, o equipo realizará máis ensaios clínicos para corroborar a eficacia do biosensor na detección de varios biomarcadores asociados a distintas enfermidades como o SIDA e, ademais, estudarán maneiras de comercializar o seu produto.