DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Unidade de Igualdade organiza un obradoiro para favorecer o acceso das alumnas á investigación

Investigando tampouco somos iguais

O 25 de abril e o 2 de maio na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 20/04/2012
En poucas décadas pasaron de ser unha rareza a converterse, nalgúns casos, en maioría. Así podería resumirse a evolución experimentada polas mulleres na actividade científica española, un ámbito, no que, sen embargo, ao igual que ocorre na docencia e na xestión universitaria, só un mínimo acada os postos de dirección. O paso do tempo e a adopción de medidas destinadas a reforzar a presenza feminina na investigación, antóllanse, pois, como determinantes para que a muller en España ocupe o posto que lle corresponde de acordo coa súa capacidade e traballo.
Así, co obxectivo de concienciar da situación máis desfavorecedora para a muller á hora de iniciar e continuar a súa carreira investigadora e visibilizar que para calquera universidade é necesario contar co talento feminino se se quere falar en termos de competitividade, a Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo desenvolverá o vindeiro mércores 25 de abril e o 2 de maio o obradoiro Investigación en Feminino. Impartido pola experta do Instituto Europeo de Coaching e licenciada pola Universidade de Vigo, Sandra González Roig, e dirixido ao alumnado da Universidade, o obradoiro, segundo explica a directora da Unidade da Igualdade, Anabel González Penín, “tamén pretende dar pautas de empoderamento para iniciar unha carreira investigadora introducindo nocións básicas de coaching que axuden ás alumnas a definir a súa carreira profesional”.

O obradoiro que se formula como un espazo de diálogo e debate para as mulleres que queiran dedicar a súa vida á investigación permitirá ás participantes como elixir as metas profesionais que mellor se adapten aos seus talentos ou como fomentar a igualdade na carreira científica desde a responsabilidade persoal. E é que, segundo explica González Penin, “aínda que cada vez máis compartidas, as mulleres seguen sendo nunha ampla maioría as que se dedican as labores de coidado e atención familiar e doméstica, o que fai que se vexan na texitura de elixir entre a súa vida familiar e a profesional, cousa que case nunca se lle plantexa a un home” . A tardía incorporación da muller á universidade e as dificultades para conseguir recursos para financiar proxectos e ocupar posicións destacadas no ámbito da investigación, son outros factores que segundo a directora da Unidade de Igualdade que afonda nas diferenzas entres mulleres e homes.

Recoñecer o desequilibrio para enfrontar a desigualdade

Se coa celebración de obradoiros como o do vindeiro mércores na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais a Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo pretende achegar o seu grao de area na equiparación da mulleres no ámbito da investigación, son moitas as medidas que cómpre que as administracións e executivos adopten. Neste sentido Anabel González Penín, apunta que “é fundamental establecer medidas de apoio que promovan a conciliación e facilitar o acceso e o incremento das mulleres en posicións científicas e en órganos de decisión que teñan que ver co ámbito investigador”.

Sen embargo, acadar unha maior presenza feminina na investigación só será posible, segundo a directora da Unidade de Igualdade se as institucións públicas e as organizacións científicas recoñecen o desequilibrio e se comprometen a corrixilo. O impulso da participación equilibrada de homes e mulleres nos grupos de investigación e o apoio aos grupos con mulleres como investigadoras principais, son outras medidas que desde a Unidade de Igualdade se apuntan para rematar co desequilibrio existente.