DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Encontro ‘Poetas galegas/voces irlandesas’

Irlanda volve a ollada cara dez poetisas galegas de todos os tempos

Manuela Palacios e Mary O’Donell recollen en ‘To the winds our sails’ poemas galegos para traducilos

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Noemí Rey DUVI 16/11/2010

Soamente o 3% da poboación fala gaélico a cotío en Irlanda, sen embargo as aventuras culturais non se esquecen de vencellar esas terras celtas con Galicia. A última chámase To the winds our sails: Irish writers translate Galician poets, un libro posto en marcha entre Manuela Palacios e Mary O’Donell no que poetas irlandeses traducen ao inglés e ao irlandés parte da obra de 10 poetisas galegas de todos os tempos: Luz Pozo Garza, Xohana Torres, María do Carme Kruckenberg, Marilar Aleixandre, Luz Pichel, Chus Pato, Ana Romaní, María do Cebreiro, María Lado e Xiana Arias. Unha mirada única ás obsesións imaxinarias, sociais, ecolóxicas e persoais destas artistas que xurde “tras un traballo de diálogo continuo por correo electrónico no que participaron 35 persoas”, explicou a profesora da Universidade de Santiago de Compostela Manuela Palacios no encontro Poetas galegas/voces irlandesas organizado polo departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá xunto co Mestrado en Tradución e Paratradución da Universidade de Vigo.

Presentado no Instituto Cervantes de Dublin hai apenas uns meses, a iniciativa pretende unir as preocupacións lingüísticas e culturais que Irlanda e Galicia levan compartindo ao longo da súa historia. “Foi un proxecto de investigación que comezou en 2006 despois de que O’Donell lera no prólogo dunha publicación unha reflexión sobre que había un interese claro de Galicia por todo o que pasaba en terras irlandesas e que era necesario que esa ollada fora correspondida. Non dubidou en propoñerme o proxecto”, recorda Palacios. O traballo convertiuse nunha odisea na que a primeira traba era o idioma. Traducido ao español por unha experta, os poetas irlandeses mudaban a partir de aí cinco poemas ao inglés e un escollido pola propia autora ao gaélico. Aínda que as peculiaridades lingüísticas fixeron que Palacios tivera que especificar cuestións tan comús para os galegos como que é un percebe e onde se colle. “As preposicións que empregaban daba a sensación de que había que subir para collelos e houbo que explilcarlle á tradutora que estaban na parte baixa das rochas... Pasounos tamén un caso curioso cun poema no que a autora galega empregaba a expresión cabaleiro amable evocando aos tempos de cabalerías, pero que a irlandesa traducíu como se fora un anuncio de clasificados de sexo dun xornal. Non houbo problema, a poetisa fíxolle tanta gracia que preferíu que quedara así”, recorda a profesora da USC.

Triunfando en Estados Unidos

A liberdade interpretativa era unha das premisas coas que traballaban os transcriptores dos poemas a pesar de que as instruccións de partida eran que non podían inventar outro poema, senón que tiñan que versificar o que tiñan diante. “Pero falamos con artistas, así que houbo marxe para que interviñeran segundo lles parecera, polo que no libro hai versións máis fieis e outras máis interpretativas. O exemplo máis claro é un poema de María do Cebreiro no que fala de Virginia Wolf e que na tradución non aparece este nome por ningún lado”, esclarece. O motivo non era outro que a tradutora entendía que no contexto anglosaxón era máis que evidente que a obra referíase a esta escritora.

O resultado foi un libro que “sae adiante polo empeño persoal” das autoras e dos poetas e que ten unha recepción moi boa en Galicia, “aínda que en Irlanda o interese pola tradución vai máis de vagar”. Un dato que o confirma: a obra vendeuse máis nos Estados Unidos que no país celta, en parte porque a editorial ten una aposta moi clara por abrir a cultura irlandesa ao resto do mundo.