DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A licenciada en Belas Artes presentou a concurso a súa obra ‘Imaxe desdobrada IV’

Irma Álvarez-Laviada consegue o Premio de Pintura Joven de Xixón

A peza pasará a formar parte dos fondos artísticos que posúe este concello asturiano

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Iolanda Fernández DUVI 12/11/2013
O cadro Imaxe desdobrada IV da artista Irma Álvarez-Laviada, licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo, conseguiu impoñerse, hai tan só un par de días, a outras 21 pezas no Premio de Pintura Joven de Xixón 2013 que promove a Fundación Municipal de Cultura. A peza galardoada forma parte da serie Escenarios de produción, un proxecto no que esta alumna de doutoramento da Universidade de Vigo comezou a traballar hai pouco máis dun ano ao abeiro dunha estadía de formación na Academia de España en Roma. Segundo explica a propia pintora, “a obra premiada non oculta unha certa herdanza dos artistas do expresionismo norteamericano que exploraron a cor e os seus campos”. Con todo, este acrílico sobre papel de 250x155 centímetros é tamén “unha moi arriscada proposta” na que esta promesa da arte española, formada no campus pontevedrés, esquece as formas xeométricas botando man de texturas, rugosidades ou dobreces que lle dan ao cadro gañador “unhas características moi especiais”.

A crítica de arte e redactora xefa da sección de Cultura do xornal ABC, Laura Revuelta, o presidente da Asociación Española de Críticos de Arte, Tomás Paredes, e o director do Museo de Belas Artes de Asturias, Alfonso Palacio, foron os tres integrantes dun xurado que elixiu por unanimidade o traballo realizado por Irma Álvarez-Laviada como o mellor de entre todos os presentados nesta última edición do concurso de pintura. Ao saberse gañadora, a artista asturiana amosouse entusiasmada ao tempo que aproveitou “eses minutos de gloria” para reivindicar a importancia de promover concursos coma este, “unhas iniciativas que lamentablemente están a desaparecer por falta de financiamento”.

Intensa actividade profesional dunha alumna de doutoramento

Filla do finado pintor Enrique Álvarez-Laviada, o amor á arte venlle a Irma dende moi pequena, tal e como ela mesma subliñou. Na actualidade, a artista segue vinculada á Universidade e á Facultade de Belas Artes onde está a realizar a súa tese de doutoramento co baleiro como despregue auto reflexivo da propia obra. Ao longo destes últimos anos Irma Álvarez-Laviada foi bolseira en Cajastur, a Fundación Antonio Gala ou no Colexio de España en París. A maiores, durante todo este período, a pintora ten participado en numerosas mostras colectivas e feiras de arte como poden ser a Feira Internacional de Arte Contemporáneo de Madrid (ARCO) ou a Exposición Fotográfica CIRCA. De xeito individual, a pintora tamén amosou unha escolma da súas obras tanto en cidades españolas como poden ser Oviedo ou Madrid e noutros países coma Porto Rico.