DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A deseñadora gañou o Debut'09 co seu proxecto de fin de carreira "Voces Búlgaras"

Isabel Mastache, ex alumna de Esdemga, presentará a súa colección en El Ego de Cibeles

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Esmeralda L. Castro DUVI 27/01/2010
Por cuarta vez consecutiva e cos precedentes de Alba Blanco, Marta Montoto ou Amai Rodríguez (Premio L’Oreal 2009), Esdemga volve estar representada este ano na sección El Ego da pasarela Cibeles. A quenda é agora de Isabel Mastache, gañadora do premio fin de carreira do Debut’09, quen considera que isto “é un síntoma de que a escola vai ben, de que saen cousas interesantes dela e que está recoñecida como unha das mellores en España, o que fai que sexa directamente a organización de El Ego a que se interese polo que se está facendo aquí”. Déronlle a noticia de que estaba seleccionada dous días antes de Noiteboa, polo que aproveitou o Nadal para celebralo. Agora ultima a contrarreloxo os 18 estilismos que presentará en Madrid, 10 máis engadidos á colección Voces Búlgaras que amosou en Pontevedra e que está inspirada na tradición musical de Bulgaria e Romanía. O seu pase xa ten día, hora e lugar. Será o xoves 18 de febreiro ás 17.00 horas na sala Lancia do IFEMA, compartindo espazo con Carlos Doblas, colaborador habitual de David Delfín.
Lola Dopico, a directora de Esdemga, fai unha valoración moi positiva desta presenza en El Ego, que sinala que “vén a ratificar que a escola vai polo bo camiño”. “Consolidar a presenza de alumnado noso en cada convocatoria é moi gratificante, sobre todo por ver que os nosos estudantes son capaces de desenvolver un proxecto así”, engadiu Dopico, que considera que cada vez están complicando máis o certame e pedindo un número maior de estilismos, polo que os participantes teñen que asumir un risco maior. A directora afirmou que o proxecto de Isabel Mastache é “brillante” e que amosa un perfil “moi profesionalizado”.

Lanzadeira para os novos deseñadores

Os novos deseñadores galegos semellan seguir un patrón, ademais de para confeccionar as prendas, para darse a coñecer no mundo da moda. Logo de debutar con Esdemga buscan un oco en Cibeles e moitos conségueno. É o caso de Isabel Mastache, que afirma que se presentou a El Ego porque lle apetecía seguir traballando na colección que preparou para o proxecto de fin de estudos, para ampliala e darlle unha nova orientación. Igualmente, indica que lle apetecía que coñecese o seu traballo outro tipo de público, polo que espera que a través desta pasarela, que funciona como unha lanzadeira para os novos deseñadores, a xente do sector se interese polo que fai.
Voces búlgaras é unha colección masculina moi traballada, con moitos detalles e realizada con tecidos grosos, na súa maioría procedentes de mantas antigas que Mastache foi recompilando ao longo do tempo. A deseñadora sinala que encarga a xastrería nunha fábrica e a partir de aí ela dálle personalidade á colección cun traballo feito completamente a man. “O que recibo é unha base sobre a que eu realizo os acabados a man, con aplicacións, bordados, etc.”, precisa. Ademais, os complementos son unha parte moi importante dos seus deseños, polo que elabora sombreiros, tocados, panos, colares e pulseiras tamén a man, pois pensa que “é aí onde o mercado está en alza e o que máis se está vendendo”. Con esta revisión Isabel Mastache asegura que a súa colección está evolucionando, polo que promete sorpresas no desfile de El Ego.