DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ata o 10 de decembro

O ISEP abre aos universitarios as portas de América

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Romina Vázquez DUVI 19/11/2007

Quen estea matriculado no segundo ciclo dun programa de doutoramento ou posgrao terá a posibilidade de estudar durante o próximo curso nunha das 137 universidades dos EEUU que participan no programa ISEP (International Student Exchange Program). Para o curso 2008 - 2009 a Universidade convoca quince prazas anuais ou trinta semestrais que os interesados poderán solicitar ata o 10 de decembro na Oficina de Relacións Internacionais.
Para poñer ao día aos interesados sobre os requerimentos, trámites e obxectivos, o vindeiro 29 de novembro celebrarase unha xuntanza informativa na sala I do Edificio Miralles a partir das 13.00 horas.

Programa ISEP

Trátase dunha iniciativa de intercambio recíproco, non dunha beca, que ten o obxectivo de facilitar aloxamento e manutención gratuítos aos estudantes e eximilos do pago de taxas de matrícula no centro receptor, ademais de garantir o recoñemento dos estudos cursados no estranxeiro. A Universidade, en colaboración coa organización do ISEP, encárgase tamén da maior parte dos trámites burocráticos e facilita a entrada do alumnado nas institucións estadounidenses, e recibirá igualmente un grupo de estudantes norteamericanos que cursarán parte dos seus estudos en centros dos tres campus.