DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Programa de intercambio de estudantes con USA

ISEP ou como estudar nos Estados Unidos a prezo reducido

Teñen ata o 17 de decembro para presentar unha solicitude para algunha das prazas ofertadas

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
Noemí Rey DUVI 26/11/2010

Evitar a burocracia e reducir significativamente as taxas universitarias para estudar nos Estados Unidos. Estes son dous dos principais beneficios que o alumnado da Universidade de Vigo pode acadar participando no programa ISEP (International Student Exchange Programme), unha rede na que están involucradas sete universidades españolas e 143 norteamericanas que ten por obxectivo facilitar a mobilidade física de estudantes dos últimos anos e de posgrao e co que o custo dun cuadrimestre ou dun ano académico completo nos Estados Unidos queda reducido a preto dunha décima parte. Se un programa de estudos anual nun campus norteamericano ten un importe mínimo duns 30.000 euros, a través do ISEP coa Universidade de Vigo o pago é de 3600 euros, polo que dende o campus “se financia o 60% do programa”, explicou a técnica superior da Oficina de Relacións Internacionais, Eva Garea, ao alumnado interesado no programa.

A universidade americana proporciona o aloxamento, normalmente nunha residencia estudantil dentro do campus, e a manutención. Os gastos a maiores, ademais dos billetes de avión de ida e volta ao destino elexido, son un seguro médico do ISEP obrigatorio de 56 euros ao mes, os 350 euros das taxas de tramitación e conseguir o visado tras unha entrevista de tres minutos na embaixada de Estados Unidos en Madrid. O pago farase entre xaneiro e marzo de 2012 porque “ademais de dar tempo a reunilos cartos ou solicitar as bolsas habituais ao Ministerio de Educación, entre agosto e outubro a Universidade de Vigo negocia con Xunta, Bancaja e Grupo Santander axudas coas que sufragar polo menos unha parte dos gastos”, asegurou Garea. Ata o de agora estanse conseguindo uns 2000 euros por estudante.

Tes dúbidas?

A recomendación para ter máis posibilidades de ser unha das persoas seleccionadas para cubrir as entre 14 e 28 prazas, dependendo de se son anuais ou cuadrimestrais, que se ofertarán é ser flexibles á hora de elexir universidade, xa que iso eleva ata o 95% as posibilidades de ser chamado polo ISEP. “Todos queremos ir a California, Florida ou Nova Iorque, pero hai outros destinos moi interesantes nos que mellorar o inglés e completar a formación académica e nos que se teñen máis posibilidades”, recorda Eva Garea.

Só hai que superar o bo anaco que leva cubrir todos os impresos e perderlle o medo a estar fóra todo un curso: outra das cousas que dan puntos é querer ir un ano enteiro porque a experiencia di que o que vai por catro meses sempre quere prolongar a estancia e despois xa é moi tarde para negociar co ISEP os trámites necesarios. “Non teñen que obsesionarse tampouco co recoñecemento académico. Se non conseguen aprobar o 100% das materias, o calendario americano con cursos de agosto a maio incluso permite recuperar algunha antes de rematar o curso académico aquí. Eu anímoos a participar porque a experiencia americana merece a pena”, recalcou Javier Pérez, director da Área de Profesorado.

A importancia do idioma

Un dos papeis máis importantes á hora de facer a solicitude é o certificado coa nota sacada no TOEFL, o exame que mide a fluidez e os coñecementos de inglés para persoas que non teñen este idioma como primeira lingua. Se non se ten feito aínda, haberá que firmar un documento comprometéndose a pasar a proba antes de aterrar nos Estados Unidos. Agás no caso de Porto Rico, a nota é moi importante para entrar nunha facultade ou noutra. Ollo, porque ten truco. “É unha proba bastante diferente feita a través do ordenador na que se lles pedirá que escriban, lean, falen e escoiten e xa vin en persoas que falan inglés con soltura sacar un 40, o que é un fracaso total. É moi importante facer algún test de práctica para familiarizarse co exame”, apunta Hillary Hartley, responsable de ISEP para España.