DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizado polo grupo de investigación SiDOR

O ISNI 2008 reunirá en Vigo a destacados expertos internacionais no ámbito dos métodos estatísticos non paramétricos

Os días 5, 6 e 7 de novembro na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Lucía Costas DUVI 03/11/2008

O debate dos últimos avances que ofrece a estatística, nunha das súas vertentes máis modernas, centrarán o congreso internacional ISNI 2008 que se celebrará do 5 ao 7 de novembro no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. Os métodos de inferencia non paramétrica será a cuestión a tratar no Seminario Internacional de Inferencia Non Paramétrica, organizado polo grupo de investigación en inferencia Estatística, Decisión e Investigación Operativa (SiDOR) da Universidade.
17 expertos internacionais presentarán as últimas novidades relacionadas con temas como o tratamento estatístico de datos, a inferencia con datos funcionais, a selección de variables explicativas dun fenómeno, a modelización de extremos ou a análise de supervivencia multivariante.
Calquera ámbito científico que fundamente parte do seu coñecemento na observación de fenómenos, na recollida de datos, na análise dos mesmos e na toma de decisión, baseadas en modelos cuantitativos, bebe sen dúbida da estatística. Os métodos de inferencia non paramétrica convertéronse nunha moderna alternativa á inferencia estatística clásica de Fischer, que se baseaba na normalidade das poboacións. “A virtude dos métodos non paramétricos é a súa flexibilidade ou universalidade, no sentido en que permiten a toma de decisións a partir dos datos sen facer presupostos estruturais sobre os modelos poboacionais”, explica Jacobo de Uña, membro do SiDOR e organizador responsable. As contribucións deste campo a distintos problemas foron numerosas nos últimos tempos, así “estudos de series financeiras, análises de datos de xenes ou predicións de fenómenos de impacto ambiental botaron man dos métodos non paramétricos”, continúa Jacobo de Uña.

Un programa científico e social

O evento, que sitúa á Universidade na vangarda científica internacional, está composto por un programa científico e outro social.
O programa científico do congreso inclúe un total de 17 relatorios de especialistas de referencia a nivel mundial neste ámbito, entre os que destacan Peter Hall, da Universidade de Melbourne; Hans George Müller, da Universidade de California; Ingrid Van Deilegom, da Universidade de Louvain; e Jan Swanepoel, da Universidade de Sudáfrica. Xunto a eles, máis dunha vintena de conferenciantes exporán as súas propostas para un mellor aproveitamento da información estatística.
O programa social consta dunha recepción municipal no pazo Quiñones de León, á tarde noite do mércores; dunha excursión, na tarde do xoves, pola ría de Vigo; e da cea de clausura, o venres, no parador de Baiona.

A Organización e colaboradores

O congreso, organizado polo grupo da Universidade SiDOR, é cofinanciado cos fondos do Ministerio de Ciencia e Innovación, as Consellarías de Educación e Ordenación Universitaria e de Innovación e Industria da Xunta de Galicia, a Vicerreitoría de Investigación da Universidade e a Interuniversity Attraction Pole do Goberno Belga. Ademais, contan coa colaboración do Institute of Mathematical Statistics, a Sección de Estatística Non Paramétrica da American Statistical Association, a Sociedade Bernoulli do International Statistical Institute e as Sociedades Española e Galega de Estatística e Investigación Operativa.
Máis información na web do congreso http://www.isni2008.com