DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Itziar Ezquieta presenta a súa visión sobre o amor na mostra “YOu”

A mostra da ex-alumna de Belas Artes permanecerá aberta ao público ata fin de mes na Galería Sargade

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Camino Carballeira DUVI 04/02/2009

Os nosos ollos ven corazóns, cadeiras, bolboretas ou paxaros. A nosa sensibilidade percibe o amor, a fraxilidade ou a ausencia que transmite cada un destes símbolos. Así se recolle na exposición de Itziar Ezquieta Llamas, que traballa na Sala X da Facultade de Belas Artes e ex alumna, que a partir de este mércores está aberta na Galería Sargadelos (r/ Oliva, 24).
A mostra leva por título YOu e recolle “o tema do amor e da indagación no individuo”, segundo explica a artista. “Non falo de min mesma, non é unha autobiografía”, apunta, “senón de todo o que hai fóra”. Ademais o título, que responde tanto ao you inglés como ao yo en español presenta os xogos de palabras que Ezquieta adoita facer nas súas obras “sacando a dualidade dos termos”.
Nos últimos tempos o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra inclúe entre as súas actividades a apertura dunha exposición, relacionada co tema de cada edición do evento. Este ano o fío condutor é o amor na literatura, e Ezquieta foi a artistas seleccionada, xa que a súa obra casa á perfección con esta temática.
As pinturas expostas, que poderán visitarse ata fins de febreiro en horario de 9.00 a 13.30 pola mañá e de 16.30 a 20.30 pola tarde, están realizadas sobre papel e hai pezas de pequeno, mediano e gran formato, estas últimas realizadas con acrílicos e técnica mixta. As súas figuras de homes e mulleres representados só coas vestimentas remiten á idea de ausencia, os corpos fragmentados que crean unha fronteira entre as vísceras e o corazón, que dominan as paixóns, e o razonamento propio da cabeza ou o espazo de espera e tránsito representado polas sillas, son motivos frecuentes nas súas obras. As pezas expostas foron realizadas no último ano e Ezquieta sinala que nalgunha delas xa que comeza a “explorar a tridimensionalidade nos cadros” e a necesidade de crear volumes.

Varias exposicións e premios

Anteriormente Itziar Ezquieta expuxo as súas obras, canda Jaime Lorente, na Galería María Prego e en xuño o espazo Amor á arte, de Porto, acolleu unha mostra individual da artista. Ademais o ano pasado recibiu o segundo Premio Arte Xove Galega e en 2007 foi Premio adquisición María José Jove. Tamén foi unha das artistas seleccionada para a mostra Lancôme con Grelos da Facultade de Belas Artes.