DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Celebrarase entre o 10 e o 12 de maio no Pazo da Cultura de Pontevedra

O IV Congreso Internacional de Ciencias do Deporte dará a coñecer 200 traballos de investigación

Segundo os organizadores, é un dos simposios que máis produción científica xera

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijóo DUVI 25/04/2012

Por oitavo ano consecutivo a cidade de Pontevedra volverase a converter, entre o 10 e o 12 de maio, na capital oficial do deporte coa celebración do IV Congreso Internacional de Ciencias del Deporte y la Educación Física, organizado polo Concello pontevedrés e a Formación Deportiva Sportis co respaldo académico e investigador das universidades de Vigo e A Coruña. Durante tres días, o Pazo da Cultura será o punto de encontro para profesionais, investigadores e alumnado procedentes de todo o mundo que debaterán sobre as principais novidades científicas e técnicas do ámbito deportivo. Na presentación pública desta cuarta edición internacional, Víctor Arufe, secretario xeral do comité organizador e profesor da universidade coruñesa, e Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, quixeron salientar a vertente científica do congreso “no que se presentarán 200 traballos de investigación, superando os 170 rexistrados no pasado ano”.

Este volume de comunicacións “converte a este congreso nun dos máis importantes en canto a produción científica”, sinalou Arufe, o que facilita que a cidade sexa recoñecida internacionalmente "como firme defensora da investigación deportiva", grazas ás mencións nas referencias científicas das publicacións presentadas. Pola súa banda, José Luis García Soidán, presidente do comité organizador e profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, destacou o interese que o encontro esperta entre a comunidade investigadora universitaria “contando desta volta con 400 asistentes a pesar dos momentos de crise, cunha nutrida presenza de profesorado e alumnado de universidades de Brasil, Portugal, Romanía, Italia, Francia, México, Colombia...”. Como en anos anteriores, o simposio integra seis áreas temáticas relacionadas coa saúde, ocio e tempo libre, didáctica da educación física, rendemento deportivo, xestión e ciencias sociais e psicoloxía, “de interese para estudantes de outras titulacións máis aló da de Ciencias da Actividade Física e do Deporte”. Dada a súa multidisciplinariedade, os estudantes da Universidade de Vigo e A Coruña que participen neste encontro serán recoñecidos con dous créditos de libre configuración.

Congreso a distancia

Un dos principais obxectivos da organización nesta oitava edición é potenciar a modalidade a distancia do congreso, permitindo a presentación por videoconferencia dos traballos aprobados polo comité científico e “facilitando así a participación de investigadores de outros países con escasos recursos ou que non poden asistir a Pontevedra neses días concretos”, apuntou Soidán. Esta fórmula tivo “un notable éxito” na edición anterior do simposio “polo que esperamos que este ano conte cun maior número de participantes”.

Outro dos puntos fortes do congreso son os obradoiros impartidos por profesionais do deporte, “un dos apartados formativos de maior éxito do congreso”, aclarou o presidente do comité organizador. 12 talleres de tres horas cada un permitirán aos asistentes formarse en distintas especializades dende a aprendizaxe motora en nenos, pasando pola rehabilitación cardíaca, actividades recreativas, socorrismo, primeiros auxilios, prevención de lesións ou preparación de dietas para deportistas. Un total de 12 conferencias completan a oferta teórica, nas que, entre outros, intervirán membros do Ministerio de Deporte de Brasil que afondarán na educación psicomotriz; Jesús Bernardo García, do Comité Olímpico Español, “que dada a proximidade dos Xogos Olímpicos, achegará cal é a mellor alimentación no deporte olímpico”; Jesús Marque, xefe dos servizos médicos do Xacobeo Lobelle, ou Joaquín Dosil, profesor da Universidade de Vigo “con prestixio internacional no eido da psicoloxía deportiva”.

Ademais de potenciar o intercambio de coñecementos entre os participantes, o comité tamén organizará unha visita cultural por Pontevedra “para que coñezan a cidade”, comentou Arife, achegando beneficios económicos a outros sectores "como o da hostalería e o da restauración”, engadiu.