DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As 30 persoas inscritas percorrerán Atenas, o Peloponeso e Macedonia

A IV Viaxe de Estudos Arqueolóxicos terá como destino Grecia

A iniciativa está organizada polo Laboratorio de Arqueoloxía e a Delegación de Alumnos do centro

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 22/10/2012
En 2012 foi Inglaterra, en 2011 Turquía, en 2012 Alemaña e en 2013 será o momento de Grecia. O Laboratorio de Arqueoloxía da Universidade de Vigo e a Delegación de Alumnos da Facultade de Historia do campus de Ourense veñen de escoller ao país helénico para a realización da súa IV Viaxe de Estudos Arqueolóxicos. Serán, como en anteriores edicións, unha viaxe de baixo custe que lle permitirá aos estudantes participantes coñecer Grecia, a súa historia e a súa arqueoloxía, máis alá do que amosan os tradicionais circuítos turísticos. A convivencia, a ollada histórica e a aventura serán os principais alicientes desta iniciativa.

“A viaxe segue a mesma filosofía das anteriores edicións, é dicir, unha viaxe de estudos arqueolóxicos autoxestionada, organizada por nós, que propón un itinerario alternativo no que nos moveremos en furgonetas alugadas, durmiremos en albergues e visitaremos lugares non especialmente turísticos pero si de moito interese histórico e arqueolóxico”, explica Fermín Pérez, director do Laboratorio de Arqueoloxía. Nesta ocasión o destino elixido é Grecia porque, destacan os organizadores da excursión, se intenta ir alternando cada ano un país do norte con outro do sur de Europa.

De Atenas a Tesalónica

A IV Viaxe de Estudos Arqueolóxicos celebrarase do 8 ao 17 de febreiro, coincidindo coa celebración do Entroido en Ourense en nun momento no que o alumnado goza de días de vacacións. O percorrido por Grecia comezará na súa capital, Atenas, onde os inscritos visitarán algúns dos lugares máis representativos da súa historia, como a Acrópole, o Museo Arqueolóxico Nacional, a Ágora grega e romana, o Teatro Dioniso ou a Biblioteca de Adriano. Os estudantes continuarán logo a súa viaxe polo Peloponeso, visitando os xacementos de Epidauro, Tirinto, Micenas e Corinto, e pola Grecia central e Macedonia, onde visitarán Delfos e os seus xacementos, o Monte Olimpo e Tesalónica. Nesta última cidade grega deteranse a ver algúns dos seus restos arqueolóxicos, como as murallas, o Arco Galerio e as igrexas bizantinas.

“A experiencia de participar nestas excursións é marabillosas pola convivencia, polo que vemos e como o vamos a ver e polo punto de aventura que teñen. É algo totalmente diferente ás viaxes tradicionais que se poidan facer”, destaca Marta López, membro da Delegación de Alumnos organizadora e estudante que ten acudido a todas as edicións destas viaxes de estudos arqueolóxicos. “Non é facer turismo por facer turismo, é coñecer máis a fondo un lugar e a súa historia, algo que un axencia de viaxes non te vai a amosar”, engade Roberto Rodríguez, tamén da Delegación de Alumnos.

A piques de rematar o día 28 de outubro o prazo de preinscrición nesta iniciativa, os organizadores salientan que quedan moi poucas prazas libres. “O éxito da convocatoria amosa que cada ano é maior a implicación do alumnado do centro nesta iniciativa e que a Delegación de Alumnos de Historia cumpre moi ben a súa función de dar servizo aos estudantes desta facultade”, subliña Fermín Pérez. Entre os xa inscritos, destaca o docente, non só están persoas que participaron en anteriores edicións, senón tamén alumnado de primeiro curso que non se quere perder esta cita.