DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Xogará o 12 de febreiro a ida da fase de ascenso á División de Honra

O Iveco afronta a recta final cara o seu partido máis decisivo

O Universidade de Vigo de xadrez logrou a súa cuarta vitoria da temporada na Liga Galega

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Anabel Vila DUVI 01/02/2011
O deporte universitario deulle aos afeccionados unha grande alegría a pasado fin de semana. Á vitoria do Iveco ante o Barcelona, que lle permite xogar a fase de ascenso á División de Honra do rugby nacional, sumouse un novo triunfo na Liga Galega de xadrez. Ademais, algúns dos xogadores do Universidade de Vigo desta disciplina formaron parte do equipo co que o Academia de Gaia se impuxo no Campionato Nacional Activo por Equipas de Portugal.

Agora xa todos pensan na vindeira xornada, que no caso do Iveco non se xogará ata o 12 de febreiro. Será o primeiro partido da fase de ascenso á División de Honra, esa meta que parecía inalcanzable para os vigueses pero que agora está a só dous partidos, os que o enfrontarán ao CRC Madrid. “Son eles os que parten como favoritos, para nós xa é un éxito ter chegado ata aquí”, aseguraba David Monreal, adestrador do conxunto vigués. O certo é que o Universidade comezaba a liga co recordo de xogar a pasada tempada ata o último partido loitando pola permanencia, polo que este ano se presentaba como o da consolidación na categoría. Pero o equipo “foi de menos a máis; aínda que houbo altibaixos soubemos aprender das derrotas para logo non fallar nos encontros decisivos, como foi o do Barcelona”, recordaba Monreal.

“Isto é un premio”, sinalaba o adestrador catalán, quen recoñeceu o bo momento “físico e anímico dos xogadores”. Este ano o Iveco reforzouse coa chegada de Norman Maxwell, Riki Tukaki, Cameron 'Bubba' Eyre e Carlos Blanco, que viñeron dende as antípodas. O porén, o técnico salientaba o feito de que “todos se integraron á perfección. Somos un equipo, esa é a clave do éxito”. De feito, incluso o propio Monreal chegou a xogar nalgún partido. “Estamos esperando á evolución dalgunhas lesións pero se é necesario volverei saltar ao campo”, afirmaba.

O que si esperan dende o club é volver encher al gradas do campus. “Foi moi importante ver o apoio que nos brindou o público fronte ao Barcelona”, recoñecía o adestrador vigués, quen anima aos afeccionados a acudir a ver un deporte “que é o terceiro máis visto no mundo, so por detrás dos Xogos Olímpicos e dun Mundial de Fútbol. Nel teñen cabida xogadores de todos os tamaños e os encontros son moi dinámicos”, salientaba o catalán.

O Universidade de Vigo segue na loita polo título

Na Liga Galega de Xadrez a igualdade entre os primeiros clasificados está a marcar unha tempada na que o Universidade de Vigo loita por colarse no máis alto da táboa. O equipo que capitanea Pablo García logrou ante o Círculo das Artes A unha nova vitoria (4-2) que o deixa no terceiro posto da clasificación. Tanto o propio García, como Diego Guerra e Rafael Rodríguez, todos eles Mestres Internacionais, venceron nos seus encontros, pero o máis importante foi o debut de Jorge Iglesias, unha das novas promesas. “Tivo unha partida moi complexa e aínda así estivo loitando sempre”, recoñecía o capitán.

A xornada tivo ademais outra boa nova para o conxunto vigués, xa que Manuel Pena, Miguel Senlle e Roberto Paramos, alzáronse co Campionato Nacional de Portugal ao participar nesta cita nas filas do Academia de Gaia. “Colaboramos co Academia e como lles demos descanso a algúns dos nosos xogadores aproveitaron para ir co equipo portugués. O mellor, ademais do resultado, é ver que a nosa política de apoio aos rapaces funciona” afirma Pablo García.