DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Gañou 74-0 ao CRAT da Coruña tras tres encontros nos que non encaixou nin un só punto

O Iveco, coa Copa Xunta baixo o brazo tras arrasar en Pontevedra

O equipo vigués culmina unha tempada espectacular impoñéndose no campionato tamén na categoría xuven

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
DUVI 06/06/2011

Non podía rematar a temporada doutro xeito: arrasando na Copa Xunta. O Iveco Universidade de Vigo de rugby ven de facerse co trofeo logo dunha espectacular competición na que non encaixou nin un só punto nos tres encontros disputados ante o Ferrol RC, o Lalín RC e, xa onte, ante o CRAT da Coruña, ao que avasalou cun contundente 74-0 no marcador. Aínda que non empezou con bo pé: non conseguía coller a vantaxe suficiente con apenas 3 ensaios no primeiro parcial, 15 puntos que foron suficientes para comezar a sentenciar aos coruñeses. Xa na segunda parte e despois de que o adestrador do Iveco, David Monreal, corrixira algúns erros ofensivos, os vigueses foron gañando pulo e facendo gozar ao público que se achegou ata o novo campo pontevedrés de Monteporreiro con xogadas de gran calidade.

Coa confianza do traballo ben feito e unha tempada impecable, Monreal aproveitou o partido para dar minutos no campo a varios xogadores que aínda non se estrearan este ano. En total, 12 ensaios con 7 conversións que deron aos vigueses a Copa Xunta, colofón final a un ano brillante no que o Iveco logrou un histórico ascenso a Primeira División, converténdose no primeiro equipo galego que xogará na máxima categoría do rugby español.

Con este trofeo o equipo segue demostrando que fixo unha tempada de vertixe e histórica, xa que ao gañar a Copa Xunta sen perder nin un só partido e cunha media de 60 puntos por encontro o Iveco termina o ano invicto en casa, con tres partidos amigables, sete de Liga, unha eliminatoria dos play-off e o torneo a sete.

Traballo de base

Os do Iveco son logros que veñen de abaixo, dende o coidado e mimo da canteira. Por iso non sorprende que o Universidade de Vigo xuvenil conseguira tamén facerse coa Copa Xunta da categoría ao gañar por 36-10 ao Lalín RC, o que amosa que os novos xogadores veñen pisando forte e tomando trazas para manter os méritos deportivos do primeiro equipo.

Mentres, o sábado, o Iveco tamén participou no torneo de rugby a sete que se disputou en Vigo e no que logrou imporse 30 a 0 ao CRAT de A Coruña, un resultado que lle leva a dominar o Circuíto Galego con 58 puntos, catro por riba dos coruñeses.