DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os vigueses impuxéronse ao CRC Madrid por 11-6 na ida da fase de ascenso

O Iveco Universidade aférrase ao espírito do 'Podemos!

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Anabel Vila DUVI 14/02/2011
Cando a televisión acuñou o famoso “Podemos!”, na Eurocopa de fútbol de Austria-Suiza de 2008, ninguén prevía o poder que ía ter. Hoxe, case catro ano despois, converteuse no grito de guerra de todos aqueles deportistas que creen nas súas posibilidades nos partidos complicados. E cumpre. Onte domingo o Iveco Universidade impúxose 11-6 ao CRC Madrid no primeiro encontro da fase de ascenso á División de Honra. Medíronse ao único equipo que finalizou a liga regular sen coñecer a derrota, pero agora xa sabe o que é perder grazas ao bo xogo despregado polos de David Monreal que souberon darlle a volta a un marcador adverso na primeira metade e meterse no peto 5 importantes puntos e un ensaio de vantaxe de cara ao partido de volta, a vindeira fin de semana en Pozuelo de Alarcón.

O tempo non acompañaba, pero a ocasión merecíao e as gradas do campo de rugby da Universidade presentaban un bo aspecto na primeira final do Iveco. O rival partía como favorito, pola súa historia, e tamén polo físico dos seus xogadores internacionais. Pero como repetiu o presidente do conxunto vigués durante toda a semana, “o equipo non son só tres xogadores”, e no Universidade a mellora chegou da man das fichaxes galácticas que souberon facer que o seu rugby se reflectise no resto de compañeiros.

Os de David Monreal dominaron o encontro, tanto territorialmente como en posesión do balón. Eles levaban o peso do partido, aínda que o resultado, ao descanso decantábase cara ao conxunto rival. Pero a iniciativa era local e na segunda metade, co adestrador no terreo de xogo, foron rompendo a sólida defensa madrileña de xeito que a 20 minutos do final adiantábanse no marcador por 8 a 6. O Iveco seguía atacando e nos últimos intres do encontro o apertura Arrizabalaga recibiu o balón e converteu un drop que suporía o definitivo 11-6.

Agora o conxunto universitario ten por diante unha dura semana de traballo coa mente posta no partido de volta e no soño de alcanzar a máxima categoría do rugby nacional. Unha meta que ao inicio de tempada non estaba nin no maxín dos máis optimistas pero que agora está a un paso, a 80 minutos. “Aínda temos un 50% de probabilidades”, sentenciaba Monreal.

Cos pés na terra

“Despois do partido desatouse un pouco de euforia”, recoñecía o adestrador do Iveco Universidade que xa ten a mente posta no partido de volta. “Ninguén daba moito por nós, penso que nin o CRC”, aseguraba Monreal, que disputou 20 minutos no encontro do domingo. “En primeira liña estivemos moi xustos toda a tempada e ademais necesitabamos un pouco de experiencia”, explicaba. O certo e que as lesións castigaron aos vigueses este ano, incluso onte, cando aos cinco minutos de partido o capitán, Chema Fernández, tivo que abandonar o terreo de xogo cun forte golpe nun ombro. “Parece que finalmente non é nada moi grave e que poderemos recuperalo”, confiaba o preparador do conxunto vigués. Agora, xunto con Norm Maxwell ten por diante unha longa semana de traballo para poder “formular un partido coma o de onte”. Enfronte terán un rival complicado, ferido no seu orgullo e co apoio do seu público. Iso si, os vigueses tampouco estarán sos. Os afeccionados do Iveco están a organizarse para acompañar ao equipo e de momento xa encheron un autobús.