DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Enfróntase ao Barcelona este domingo, ás 12.00 horas, nas instalacións deportivas do campus

O Iveco Universidade de Vigo busca unha praza na fase de ascenso á División de Honra

Dende o club fan un chamamento ao público para que acuda a apoiar ao equipo nesta cita clave

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Anabel Vila DUVI 27/01/2011

A primeira final do Iveco Universidade, “a final con maiúsculas”, segundo o seu presidente Ramón Babé, xógase este domingo ás 12.00 horas no campus de Vigo. O equipo enfrontarase ao Barcelona no último partido da liga regular na División de Honra B. A importancia do choque reside no feito de que o gañador desta cita acabará a tempada como segundo clasificado, posto que permite xogar a fase de ascenso á División de Honra. A outra praza, a primeira da táboa, xa está nas mans do Getxo, que na pasada xornada alzouse matematicamente co título na categoría de prata do rugbi nacional.

A distancia entre os vigueses e o conxunto visitante é mínima, xa que tan só os separa un punto na táboa, e ademais os locais chegan á cita cos deberes feitos nas últimas xornadas, nas que gañaron os seus partidos con amplos resultados, como sucedeu no último, ante o Uribealdea no que colleitaron un contundente 0-62. Todos estes precedentes fan que o Iveco Universidade de Vigo afronte esta cita con ilusión. “O equipo está moi motivado. Foi importante o final de liga que tivemos, con tan bos resultados, que nos permite chegar ao partido clave con opcións e, ademais, xogando en casa”, recalca Babé.

Agora, os vigueses confían no apoio do seu público para conseguir esta importante vitoria na última xornada de liga. Por iso, dende o club, fan unha chamada a toda a comunidade universitaria para que acudan ao partido que se disputará no campus. “Gustaríanos ver as gradas cheas, que a afección se anime e veña ata aquí”, sinalaba o presidente.

Colaboración solidaria

Ademais, dende o Iveco Universidade quérenlle dar un sentido solidario a este encontro e fan un chamamento ao público para que acuda ao partido con algún alimento non perecedoiro que será entregado ao Banco de Alimentos de Vigo. “Hai que aproveitar o tirón desta cita para que sexan tamén os afeccionados os que colaboren nas accións sociais coas que traballamos dende o club”, recoñece.