DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Comezan a preparar a Copa Xunta que se disputará en abril

O Iveco Universidade de Vigo volve pouco a pouco á realidade

O Celta foi o último en homenaxear ao club polo seu ascenso

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Anabel Vila DUVI 04/03/2011
O Iveco Universidade de Vigo comeza a volver á realidade. Aínda que seguen recibindo homenaxes, a temporada non rematou e por diante quedan compromisos aos que facer fronte. O primeiro era o Partido de Campións, unha final para decidir, entre os dous equipos recentemente ascendidos, ao gañador da División de Honra B. A data prevista era esta fin de semana, pero os vigueses trataron de pospoñela, xa que o conxunto que adestra David Monreal está baixo mínimos tras a marcha de Maxwell a Nova Celandia e as lesións de xogadores tan importantes como Carlos Blanco. O Getxo, o seu rival nesta cita, non estaba de acordo co cambio de data e a Federación Española de Rugby decidiu non aprazar o encontro e concederlle o título ao club vasco. O certo e que no Iveco pensaron, “ata o último momento, que se podería xogar antes de comezar a próxima tempada”, segundo explica Miguel Ángel Martínez, responsable de comunicación do club, pero “non puido ser”.

Agora no calendario do equipo universitario está marcada a Copa Xunta, que se celebrará ao longo do mes de abril. Para entón Monreal confía en ter recuperado aos lesionados, aínda que a prioridade nestes encontros será dar minutos aos xogadores da canteira, como premio á boa tempada que tamén eles firmaron. O que si é seguro é a renuncia a disputar a Copa do Rei. A clasificación para este torneo case podería considerarse un caramelo envelenado para os vigueses. Supón un recoñecemento, pero leva consigo uns gastos que aínda que son asumibles agora, dende a directiva prefiren aforrar. “Se non tivéramos ascendido non teríamos dúbida, porque así poderíamos xogar contra equipos de elite, pero agora xa o faremos durante toda unha tempada así que non vamos participar”, asegura o presidente, Ramón González-Babé, que xunto co resto da directiva xa está a traballar na planificación do próximo ano.

Homenaxe en Balaídos

Ata o deporte rei recoñeceu a xesta do Iveco e no partido disputado polo Celta contra o Huesca aproveitaron o tempo de descanso para renderlle a súa particular homenaxe. O club celeste fixo saltar ao centro do terreo de xogo de Balaídos a todo o equipo, a súa directiva e ao reitor, Salustiano Mato, que os acompañou nesta cita, para facerlles entrega dunha placa conmemorativa do seu ascenso á máxima categoría do rugby nacional. Un ascenso que o equipo que adestra Paco Herrera tamén quere para si.