DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A vitoria ante o Uribealdea vasco (0-62) deixa aos vigueses terceiros

O Iveco Universidade xa está a un paso da loita polo ascenso

Terceiro triunfo consecutivo do equipo vigués na Liga Galega de xadrez

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Anabel Vila DUVI 24/01/2011
A fase de ascenso á División de Honra está a un so partido, o do vindeiro domingo ante o Barcelona, despois de que o Iveco Universidade de Vigo lograse unha contundente vitoria ante o Uribealdea por 0-62, con 10 ensaios apoiados aos que se sumaron seis conversións e conseguiron un punto bonus.

O resultado final, aínda que contundente, non reflicte a oposición realizada polo equipo vasco, que “non baixou os brazos en ningún momento”, asegura Miguel Ángel Martínez, directivo do clube. “Era un encontro clave, ante un rival frouxo, pero o partido hai que xogalo e eles son un equipo que sempre dá batalla”, recoñece. Unha das mellores mostras do bo facer no partido foi que o público local terminou por aplaudir as boas xogadas do equipo vigués.

Agora o conxunto da Universidade “está coa moral alta. Xogouse moi ben”, explica Martínez, quen recoñece que ese vai ser un factor decisivo no encontro ante o Barcelona, o segundo clasificado, que só ten un punto máis. “Eles tiñan un partido a priori tan sinxelo coma o noso, e costoulles. Estiveron a piques de perder, lograron a vitoria no último segundo”, asegura.

O partido clave será o vindeiro domingo, 30 de xaneiro, ás 12.00 horas, no recinto deportivo do campus de Vigo. O vencedor disputará a fase de ascenso á División de Honra, a partido de ida e volta, ante o CRC Madrid ou ante o Les Abelles, líderes do Grupo II da categoría.

O Universidade, segundo na liga galega de Xadrez

O Universidade de Vigo impúxose ao Alexandre Bóveda na terceira xornada da Liga Galega de Xadrez. O equipo que capitanea Pablo García acadou unha contundente vitoria por 1.5 a 4.5 ante o que era o líder da categoría nun encontro marcado polo triunfo do vigués Manuel Pena, coas pezas negras, fronte o Gran Mestre montenegrino Aleksa Strikovic. A súa senda seguírona Diego Guerra, Roberto Paramos e Pablo García. Mentres, o canteirán Samuel Villar, tamén con negras, acadou un importante empate ante Xosé Larrosa, un dos referentes galegos nos anos oitenta, que consolida a súa traxectoria no primeiro equipo. A cruz da xornada foi a derrota de Rafael Rodríguez.

A xornada deixa aos vigueses segundos clasificados, a só medio punto do líder, o Círculo Ferrolano A, e deixando tras de si a un dos equipos máis fortes da categoría, o Marcote A, co que empataron no primeiro encontro da tempada. Ese partido supuxo que “estivésemos abaixo na táboa, pero despois desta vitoria demos un golpe enriba da mesa. Era un encontro clave para definir a onde imos”, asegura o capitán, quen está moi satisfeito co traballo de “Manuel e de Samuel. Foi excelente. Acadaron importantes triunfos contra xogadores moi fortes, iso demostra o gran estado da canteira”, subliña.

O vindeiro rival será o Círculo das Artes de Lugo, na zona baixa da táboa clasficatoria, que visitará o campus vigués o sábado 29 (17.00 horas, sala de xadrez do Servizo de Deportes da Universidade).

Vitoria do equipo escolar en Primeira División

Pola súa parte, o equipo escolar sumou a súa terceira vitoria na liga, esta vez ante o Peña Recreativa-Pera. O conxunto ourensán tratou de plantarlle cara aos vigueses, pero nada puido facer ante o bo traballo de Ricardo Baldwin, José Luis Cebrián, Jorge Iglesias e Bieito Sousa, aínda que este último cedeu ante o local Cristian Maldonado. A súa próxima cita será o 29 de xaneiro, en Vigo, ante o Alekhine Correduría Tempu.