DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Do 14 ao 17 setembro no campus

A IX Reunión Nacional de Óptica contará coa participación do Premio Nobel de Física William D. Phillips

Tamén acudirá ao congreso J. Ignacio Cirac, Premio Príncipe de Asturias

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 22/06/2009

A IX Reunión Nacional de Óptica (RNO) converterá a Ourense dende o 14 ao 17 de setembro no punto de referencia científico. Ata o momento son máis de 300 os investigadores e representantes de empresas que se achegarán á cidade das Burgas para asistir ao evento, todos eles pertencentes ao sector das tecnoloxías relacionadas co láser, que van “dende as coñecidas intervencións cirúrxicas oculares ata as comunicacións por fibra óptica, pasando por aplicacións industriais como o corte e soldadura de metais ou a manipulación de células vivas con luz”, explica Humberto Michinel, presidente do comité organizador e profesor da Facultade de Ciencias.
Precisamente, con motivo da celebración deste congreso, estará na cidade o Premio Nobel de Física, William D. Phillips. Este estadounidense recibiu o prezado galardón no ano 1997 “polos seus experimentos sobre arrefriamento de átomos con láser”, premio que compartiu co francés de orixe arxelina Claude Cohen-Tannoudji e o tamén estadounidense de orixe china Steven Chu, actual ministro de enerxía da administración do presidente Barack Obama.
Phillips será o encargado de ofrecer a charla inaugural que dará comezo a RNO o 14 de setembro no salón de actos do Edificio Politécnico e, ademais, “visitará as instalacións do laboratorio de óptica da Facultade de Ciencias, onde se prepara actualmente o primeiro experimento español de atrapamento de ultrafríos con láser”, proxecto dirixido polo propio Michinel.

Tamén acudirá J. Ignacio Cirac

Ademais de Phillips, a Reunión Nacional de Óptica tamén contará coa participación no acto inaugural de J. Ignacio Cirac, Premio Príncipe de Asturias de Investigación Científica e Técnica 2006. Cirac é coñecido internacionalmente polas súas teorías sobre computación cuántica; actualmente é director do Instituto Max Planck de Óptica Cuántica en Garching, Alemaña. Ademais, tamén colabora nun proxecto co campus, “traballamos nunha teoría sobre novos tipos de líquidos cuánticos xunto con David Novoa, un dos meus estudantes, que precisamente estivo en Garching de estancia con Cirac”, sinalou Michinel.