DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O traballador, con Síndrome de Down, exerce de auxiliar de instalacións deportivas

Jacobo Rey regresa ao campus como un exemplo de integración no ámbito laboral

Foi o primeiro en beneficiarse do convenio entre Down Ourense e a Vicerreitoría

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Noelia V. Vilanova DUVI 16/06/2009
Apostando pola integración e a igualdade, Jacobo Rey, a primeira persoa con Síndrome de Down que traballou no campus de Ourense, volve de novo a ocupar un posto, desta volta, no Pavillón de Deportes. Grazas a un convenio de colaboración entre o campus e a asociación Down Ourense, Rey traballa desenvolvendo as tarefas propias dun auxiliar de instalacións deportivas cinco días á semana durante catro horas.
No día a día, Rey amosa a súa capacidade para desenvolver o seu labor e tamén aprende cousas novas que lle servirán para o seu futuro laboral. Dende o Servizo de Deportes amósanse moi satisfeitos co seu traballo, “é moi responsable, cumpridor e moi atento”, comenta Rodrigo Alberte, responsable do servizo.
Para Rey é todo un orgullo poder traballar no pavillón, xa é a segunda vez que desenvolve esta tarefa e anteriormente tamén estivo no campus, realizando prácticas na conserxería do Edificio de Ferro, pero sen dúbida este é o posto que mellor lle acae, “gústame moito porque son afeccionado ao deporte e aquí hai un pouco de todo”, explica Rey. “Entrei por sorte, grazas a colaboración do campus coa asociación e este ano repito, estou moi contento e con moitas ganas de traballar”, engade.
Durante seis meses, que rematarán a finais de decembro, Rey desenvolverá a súa tarefa profesional no campus e, a pesar de que está moi contento, xa pensa no seu futuro e agarda que a través da asociación poida seguir traballando, “quero probar outras posibilidades e aprender cousas novas”.

O día a día

De martes a venres en horario de tarde e os sábados pola mañá, Rey realiza no pavillón as súas tarefas como auxiliar de instalacións deportivas. “Reservo as pistas, entrego o material deportivo para as actividades como camisetas e balóns, preparo as canastras de baloncesto...”, explica Jacobo. Ademais tamén se encarga de atender ao teléfono, levar o control de acceso ao pavillón e comprobar os carnés e facer a recompilación de datos da xente que acude ao centro para posteriormente realizar estatísticas.

Down Ourense

Dende esta asociación e coa colaboración da Concellería de Emprego púxose en marcha un proxecto baseado na metodoloxía de emprego con apoio. A través de convenios de colaboración, como o que ten co campus, a asociación pretende incorporar ao mundo laboral ás persoas con Síndrome de Down, maiores de 16 anos, da provincia de Ourense que desexen traballar.
Inicialmente asociación recibe as ofertas e con elas realiza unha valoración das tarefas a desenvolver no posto e dos candidatos idóneos para desempeñar o cargo. Posteriormente, unha vez incorporado o traballador á empresa faise un adestramento no lugar de traballo e un seguimento global do seu labor.