DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Universidade, empresas e administración danse cita na inauguración das xornadas

As JAI 2010 poñen de manifesto que o futuro económico de Galicia pasa polo desenvolvemento da competitividade

Cun récord de participación, desenvolveranse ata o vindeiro venres no Centro Social Caixanova

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Romina Vázquez DUVI 15/11/2010
“Lograremos a excelencia sendo unha fábrica de ideas e solucións para todo o mundo”. Así de rotundo se manifestou o reitor Salustiano Mato na inauguración das IV Xornadas sobre Tecnoloxías e Solucións para a Automatización Industrial, JAI 2010, unha cita que se converteu xa nun clásico da Universidade e da propia cidade ao reunir no mesmo foro a profesionais, alumnado e investigadores que dende este luns e ata o vindeiro venres compartirán experiencias, avances e retos dun sector clave para o tecido empresarial.

Ante un auditorio ateigado ata a bandeira, tanto Ignacio Rial, xefe territorial en Vigo da Consellería de Economía e Industria, como Javier Martínez, vicepresidente de ASIME, destacaron a importancia que eventos desta índole teñen para o futuro económico de Galicia, dende o punto de vista da transferencia do coñecemento. Precisamente nesta mesma idea afondou o reitor ao sinalar que as JAI se converteron nun símbolo de prestixio e confianza nas relacións das empresas coa Universidade. Con iniciativas deste tipo, apuntou, “estanse rompendo as barreiras existentes entre ambos eidos, avanzando así cara a internacionalización por medio da transferencia de coñecementos, capacidades e habilidades”.

Formuladas dende os seus inicios como un encontro entre a Universidade e as empresas, as JAI, ofrecen ao alumnado un primeiro achegamento ao ámbito laboral, pois “nelas está representada a triple hélice”, explica Ignacio Armesto, coordinador das xornadas, que engade que “temos profesionais que achegan as súas experiencias, estudantes tomando nota e a sociedade atendendo a todos eles”.

Unha aposta decidida pola innovación

A competitividade de sectores como o metal e a automoción, que en Galicia teñen carácter estratéxico, “pasa pola innovación e, moi especialmente, pola automatización”, segundo palabras do vicepresidente de Asime, que entende que para saír da etapa de recesión na que nos atopamos resulta imprescindible apostar pola investigación tecnolóxica.

Pola súa banda, Ignacio Rial destacou o importante papel que as universidades, e particularmente escolas como a ETSEI, xogan neste momento de crise para crear o novo modelo de estado de benestar. “Xornadas como estas indican que imos na dirección correcta e a alta participación que rexistran ofrece esperanzas para pensar que a Galicia lle espera un bo futuro”, sinalou.

En representación da Autoridade Portuaria, acudiu ao acto de inauguración o seu director, Luis Lara, que puxo de manifesto a alta calidade dos relatorios que se desenvolverán ao longo de toda a semana e que “permitirán que nos poñamos ao día en temas de gran valor e relevancia, xa que a automatización é un reto para mellorar a competitividade das nosas empresas”, dixo. A modo de exemplo das súas utilidades, sinalou o programa de simulación de grúas que a institución que dirixe está a levar a cabo para acadar a máxima eficiencia da maquinaria coa que traballan. “A xestión dun porto ha de estar orientada á mellora das infraestuturas e ao uso das novas tecnoloxías, pois só deste xeito se poden captar novos tráficos e ofrecer confianza aos usuarios”, remarcou.

Tempus, “un bus híbrido e galego”

Tras o acto de inauguración, as JAI iniciáronse cun primeiro relatorio impartido por José Manuel González, director xeral de Castrosúa, que presentou o Tempus, primeiro bus híbrido desenvolvido exclusivamente con tecnoloxía galega. Para que este vehículo chegase a ser unha realidade, a Universidade tivo un papel destacado co deseño do seu sistema de comunicación e da planta motriz de pilas de combustible de hidróxeno.

A xestión da agua, da enerxía e do medio ambiente; a automoción; a robótica industrial e a soldadura láser son algúns dos temas que se tocarán ao longo das trinta horas de conferencias programadas.