DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As V Xornadas de Automatización Industrial desenvolveranse na cidade ata o venres

As JAI arrancan reivindicando o tecido industrial como motor económico de Vigo

Reúnen a 500 asistentes, 230 profesionais e 13 empresas do sector

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 12/11/2012
A quinta edición das Xornadas de Automatización Industrial é a da consolidación desta iniciativa que reúne profesionais, empresas e estudantes deste eido da enxeñería ao longo desta semana en Vigo. Tras o éxito de edicións anteriores, este ano a organización viuse obrigada mesmo a deixar fóra algunhas empresas ante o elevado número de solicitudes, como explica José Ignacio Armesto, profesor da Escola de Enxeñería Industrial e organizador do evento. “Trátase dunhas xornadas multimarca que teñen por obxectivo difundir conceptos técnicos innovadores e dar a coñecer a parte máis humana da tecnoloxía de man dos seus propios artífices”. Así, trece empresas entre as que se atopan Kuka, ABB, Imatia ou Scheider Electric presentan algunhas das súas últimas innovacións. Paralelamente terán lugar relatorios e conferencias que se centrarán en temas como a enerxía eólica, robótica, automoción ou aforro enerxético.

Tras catro edicións, Armesto percibe un salto cualitativo, un “certo selo calidade avalado polos propias empresas participantes, que son realmente as que dan contido ao evento”. O acto de inauguración que tivo lugar este luns e abre unha semana de actividades, contou coa presenza o alcalde de Vigo, Abel Caballero; a delegada da Zona Franca de Vigo, así como representantes da propia EE Industrial, Novacaixagalicia, o IGAPE ou Asime. O alcalde destacou a importancia do tecido industrial, en especial o naval e a automoción, para a recuperación económica de Vigo e de Galicia e puxo en valor as tecnoloxías e a automatización industrial para o bo funcionamento do sector, cualificando as JAI como “unha boa fórmula para sentar o futuro da automatización na industrial local”.

As autoridades apelaron á colaboración entre institucións e empresas para frear a marcha da xeración de profesionais mellor formados na procura de emprego alén das nosas fronteiras. Así, o acto de apertura serviu para reivindicar a industria como motor de Vigo e para demandar que se recuperen as claves que converteron á cidade nun polo industrial dos máis importantes de España.

Cifras récord de participación

En total o número de preinscritos sobrepasa os 500, boa parte deles estudantes de enxeñería, superando as cifras da anterior edición celebrada en 2010. A estes hai que engadir arredor de 230 profesionais que afondarán nun dos obxectivos deste evento: poñer en contacto tanto ás empresas entre elas como aos futuros profesionais coa realidade do sector. Armesto apunta que “a robótica e a automática teñen cada vez máis peso nas plantas industriais e é preciso formar futuros enxeñeiros para un mercado en constante evolución”. Deste xeito, as JAI reúnen tamén ao tecido empresarial co mundo da universidade, unha sinerxía imprescindible para avanzar no coñecemento e na innovación científica, tecnolóxica e industrial e que sempre estivo presente na Escola de Enxeñería Industrial.

A automática na industria

A relevancia das JAI radica na importancia que a automática e a robótica teñen no tecido industrial. Na actualidade, apunta Armesto, non se conciben as fábricas do futuro sen automatización industrial, "incluso nos países que contan con man de obra barata estase integrando nas súas plantas produtivas un número cada vez máis elevado de autómatas e robots industriais”. Por iso considera que a automatización industrial é un sector que seguirá tendo o seu nicho,” aínda que eu aposto por profesionais máis multidisciplinares”, engade. Para o profesor, o perfil mecatrónico, entendido como a fusión de coñecementos sobre mecánica, informática, comunicacións e automática, “é o adecuado para traballar hoxe en día neste sector”.

Participantes

Ao longo de 30 horas de conferencias afondaranse en temas como a enerxía eólica, especialmente no tocante ao mantemento, a eficiciencia enerxética, a xestión de versións en programas de control industrial, a auga, as máquinas do futuro, sistemas de información e xestión para a industria, automatización en condicións extremas de temperatura ou humidade, así como sistemas MES ou novas tecnoloxías RFID. A pesar da concreción dos temas, Armesto destaca que as conferencias polo xeral non profundizan excesivamente na vertente técnica, senón que abordan os temas dende unha perspectiva de "cultura xeral", pensando en calquera “estudante tecnolóxico con curiosidade polo funcionamiento da industria”.

Nesta quinta edición das JAI colaboran 13 empresas do eido da automática: ABB, Beckhoff, Harting, Imatia, Kuka, Mdt Software, Omron, Phoenix Contact, Rockwell Automation, Schneider Electric, Siemens, Weg e Wonderware. Todas as conferencias poderán seguirse a través de UvigoTV. Ademais, a empresa ABAMobile, especializada en mobilidade corporativa desenvolveu para este evento unha aplicación para as xornadas que permite consultar todas as ponencias, a xeolocalización do recinto onde se celebra o evento e consultar a conversación en tempo real.