DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As Xornadas de Automatización Industrial celebraranse do 12 ao 16 de novembro

As JAI contan con 470 preinscritos e 230 profesionais rexistrados

Os asistentes terán facilidades para acceder ás bolsas de Novacaixagalicia de inserción laboral

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 30/10/2012
Con máis de 470 preinscritos, 230 profesionais rexistrados e con empresas colaboradoras da relevancia de ABB, Kuka, Rockwell Automation, Siemens ou Schneider Electric, as Xornadas de Automatización Industrial comezan a súa particular conta atrás para a celebración da súa quinta edición. Nestes días, a organización segue pechando alianzas e colaboracións, a última delas coa Fundación Novacaixagalicia, que porá a disposición dos asistentes as maiores facilidades para acceder ao programa de bolsas de iniciación laboral da entidade bancaria.

As xornadas desenvolveranse entre o 12 e o 16 de novembro, exceptuando o día 14, para o que está convocada unha folga xeral, no Centro Social Novacaixagalicia. Neste foro, que chega á súa quinta edición, trátase de poñer en contacto ao alumnado coa empresas do sector da automática, de favorecer a interacción, a inserción laboral e o coñecemento das necesidades destes eido tan relevante da industria. Robótica e automática teñen cada vez máis peso nas plantas industriais e é preciso que formar futuros profesionais preparados para un mercado en constante evolución e coñecedores das necesidades e tendencias do sector. Para isto, o contacto directo coas empresas durante estes catro días é unha achega dun enorme valor.

Detrás deste evento está o profesor Ignacio Armesto, que explica que está dirixido a todo tipo de perfís relacionados coa automatización e comprende un total de 30 horas de conferencias nas que “se abordarán temas relacionados coa enerxía eólica, a eficiencia enerxética, a xestión de versións en programas de control industrial ou as máquinas do futuro, sempre dende a máxima actualidade xa que iso é o que esperta o interese do público”.
Para os que non poidan asistir, as JAI2012 serán retransmitidas en directo a través de UvigoTv.

Colaboradores de relevancia

Nesta quinta edición das JAI colaboran 13 empresas do eido da automática (ABB, Beckhoff, Harting, Imatia, Kuka, Mdt Software, Omron, Phoenix Contact, Rockwell Automation, Schneider Electric, Siemens, Weg e Wonderware), ás estas hai que sumar outras entidades participantes como Base2, DNET, Logitek, Macraut, Solidq, así como asociacións nacionais como o Comité Español da Automática, a Sección Española da International Society of Automation e internacionais como OPC Europe e PLCopen. Ignacio Armesto destaca tamén a participación de catro egresados das antigas escolas de enxeñería industrial, como José Manuel Pazo Paniagua, socio consultor de Enermed e general advisor de Eurus Energy; Óscar Fernández Besteiro, responsable de automatismos e manutención dos centros de produción de PSA Peugeot Citroën en Vigo e Mangualde; Alfonso García Cerezo, catedrático da Universidade de Málaga e Antonio Casal Lago, director do centro de operacións de ENCE Pontevedra.

Bolsas de iniciación profesional

Este programa de bolsas trata de poñer en valor o talento e o desenvolvemento profesional dos mozos e mozas galegos con titulación universitaria. A idea é que os egresados ou estudantes de último curso poidan poñer en práctica os seus coñecementos, adquirir experiencia e ampliar as súas relacións profesionais, ao tempo que favorecen o desenvolvemento de proxectos de carácter innovador e medioambiental en empresas galegas. Así, a través das JAI tanto o estudantado como as empresas participantes poderán tomar parte neste programa de axudas que ofrece un total de 40 bolsas dinamizando outros tantos proxectos xeradores de valor e competitividade.