DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Entrevista co candidato de Nova Universidade no Duvi

Jaime Cabeza, candidato a reitor: “A alternativa somos nós e non eles”

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 13/05/2010

Tras unha época na que afirma “partíamos como vítimas propiciatorias”, Nova Universidade, segundo o candidato a reitor, Jaime Cabeza, chega á recta final da campaña electoral “coa seguridade de que vai a haber un cambio”. Moi crítico coa xestión desenvolvida os últimos catro anos polo goberno de Alternativa Universitaria que asegura estivo presidido pola “desorde”, Cabeza avoga polo benestar, “que non comodidade”, aclara, ao tempo que explica que nos vindeiros catro anos “o cemento non pode ser unha prioridade”. Totalmente identificado coa historia de Nova Universidade amósase rotundo ao asegurar que “que se chame Alternativa Universitaria alguén que leva 12 anos no poder e quere estar catro anos máis, se parece moito a estes mexicanos do Partido Revolucionario Institucional que levaban 70 anos no poder e seguían chamándose revolucionarios. A Alternativa somos nós e non eles, está claro”.

Cando resta unha semana para a celebración das eleccións a reitor ve posible ese cambio que Nova Universidade utiliza como lema da súa campaña?
Teño moita seguridade en que vai haber ese cambio. Se alguén mira as caras do noso equipo verá os sorrisos que reflicten o que estamos vivindo, unha sensación de cambio progresivo. Na campaña fomos sumando máis vontades e masa crítica e o que hai meses era unha posibilidade e en precampaña pasou a ser unha probabilidade, paréceme que en campaña se está completando ese cambio que é o que a Universidade necesita.

Nestes días que levamos de campaña que o están a levar por escolas e facultades dos tres campus, vostede transmite as súas propostas programáticas, pero a cambio, que lle achega a vostede esta experiencia?
En precampaña estivemos en todos os centros. O noso é un programa proposta- resposta, é dicir que recolle moito traballo previo de falarmos con moitísima xente que está canda nós e mesmo con xente que non é do noso grupo e que ao principio nos miraba con reticencia, pero que aportou cousas moi substantivas. O máis bonito que ten ser candidato é coñecer mellor e máis criticamente e poñer en valor todo o que ten de bo esta comunidade universitaria. Así que a verdade é que si que este proceso de escoita e de esculca é moi importante.

Ademais dunha campaña explicativa das súas propostas, desde Nova Universidade tamén están a manter unha postura moi crítica cara ao actual equipo de goberno de Alternativa Universitaria. Cales considera que foron os seus principais erros neste últimos catro anos?
Eu falaría dunha expresión: desorde, que cuantifica e cualifica todo o que se fixo mal estes catro anos. Desorde no PDI no que non hai rigor, criterio nin expectativas; falta de orde no mapa de titulacións, especialmente no posgrao; desorde co alumnado, non sabemos nada dos nosos egresados , cando curiosamente agora outros falan de empregabilidade cando parece que nos últimos 12, oito ou catro anos non importaba. Eu falo dunha expresión que é benestar que non é comodidade, senón cuestións aprioritísticas para desenvolver mellor o noso traballo e ser máis produtivos. Eu non quero herdar se son o seguinte reitor, unhas infraestruturas moi premiadas, senón unha estratexia universitaria baseada en graos e posgraos ortodoxos, un cadro de persoal docente e investigador e de administración e servizos previsible, lóxico e prestablecido e quero herdar sobre todo unha universidade moito máis achegada á realidade. Eu recoñezo que Domingo Docampo foi un reitor que puxo esta universidade no mundo, pero o que deixamos de facer nestes últimos catro anos foi tan brutal que a sociedade civil da nosa contorna non nos coñece para nada e é máis, non está interesada e nós.

A pesar desa postura crítica e quen de recoñecer acertos na xestión do goberno que será relevado a partir do 20 de maio?
Cando entra un novo goberno non se pode facer derrubo de todo. Hai un Plan Estratéxico que non imos negar, pero queremos poñelo en marcha, cousa que estes dous últimos anos non se fixo. É certo que se mellorou en criterios de investigación, pero é certo tamén que isto foi posible por que hai catorce anos alguén conseguiu que os PDI desta Universidade tivesen carreiras profesionais e ese alguén non foi de Alternativa Universitaria. Que se chame Alternativa Universitaria alguén que leva 12 anos no poder e quere estar catro anos máis se parece motoi a estes mexicanos do Partido Revolucionario Institucional que levaban 70 anos no poder e seguían chamándose revolucionarios. A Alternativa somos nós e non eles, está claro.

Como avaliaría o traballo de oposición desenvolvido por Nova Universidade nos derradeiros catro anos?
Eu teño a responsabilidade de coordinar Nova desde hai un ano e un mes, pero me identifico totalmente coa nosa historia. O noso anterior coordinador foi unha belísima persoa que fixo un labor moi calado e moi humilde de oposición que está nas actas e que logo aparece nunha frase do Claustro ou do Consello de Goberno, pero eu diría que somos máis recoñecibles como esquema de proxecto de universidade precisamente por iso, por que os eixos básicos son constantes desde que os discutimos e mesmo cando vivía o noso anterior líder Pepe Tojo. A oposición é complexa, é dura, calada e isto non é a política porque nós vivimos das nosas carreiras docentes e investigadoras, pero dentro das nosas posibilidades coido que Nova Universidade fixo unha oposición leal e construtiva. Nos grandes temas sempre contaron co noso consenso como no caso do Campus do Mar.

Nova Universidade sufriu unha profunda remodelación se tomamos como referencia as anteriores eleccións a reitor. Vostede xa formara parte da candidatura de José Luis Legido e cando este decide que deixa de liderar a formación, por que acorda vostede dar un paso adiante para poñerse á fronte de Nova Universidade?
Por que no fondo levo moitos anos criticando un modelo. Que un estea en Nova ou en Alternativa é moi continxente, eu teño moi bos amigos en Alternativa e quero moito á xente de Alternativa, pero eu basicamente estiven na oposición pola configuración das preferencias deste equipo porque para min as persoas e as carreiras son o primeiro. Houbo un proceso de diálogo en Nova e había persoas moito máis capacitadas, pero humildemente penso que Nova mirou en min ese cambio, esa renovación que penso que é o meu único valor.

Os cambios profundos en Nova Universidade tamén se perciben na súa candidatura. Que lles pediu Jaime Cabeza aos homes e mulleres que forman parte dese equipo de goberno de Nova Universidade? O feito de ser oposición foi un problema á hora de conformar ese equipo porque había menos persoas dispostas a embarcarse nunha aventura destas características ou non?
A conformación do equipo foi máis doado do que parece. Houbo unha época na que nós partíamos como vítimas propiciatorias, cando en setembro e outubro empezamos a facer campaña, a nosa candidatura enxergábase desde fóra como unha candidatura perdedora. Nós tiñamos a sensación de que había que facer un traballo desde moi atrás para sermos cribles. Eu era dos que cría que non tiñamos por que perder estas eleccións, e xa entrado este ano, a xente vai crendo que podemos gañar . A min se me pediu renovación e esa renovación hai que poñela en práctica visualmente. Quixemos representar exemplos de moitas cousas como a nosa arela investigadora con alguén de primeiro nivel como Armando Caballero. Tamén hai xente tradicionalmente adscrita ao noso grupo como é Manolo Ramos e logo vas sumando vontades porque a xente tamén quere cambiar as prioridades desta Universidade que eu penso que se centraron en cousas accesorias.

Ténselle criticado desde as filas de Alternativa por manter o actual número de vicerreitorías cando ao tempo vostede falaba da necesidade de ser austeros nunha época de crise como a actual. Falta de coherencia súa ou críticas inxustificadas dos adversarios?
No mes novembro eu dixen que levaría once vicerreitorías. Pediría que se fixeran contas do que costa cada vicerreitoría e do que custan outras estruturas. Nós imos ter 22 direccións de área , na actualidade hai 35. A min me gustaría que o meu rival se comprometera a unha redución permanente de direccións de área , porque se levan unha vicerreitoría menos, pero non se comprometen a baixar direccións de área, o que está é enganado e presumimos que comprando favores políticos con direccións de áreas. E algo máis. El non leva un equipo completo. Nós demandamos que diga quen vai levar a Xerencia. Que pasa, que alguén que leva a xefatura de persoal e que fai a proposta de orzamentos non é membro do equipo de goberno? Que mire como se estrutura o equipo de Alberto Gago e verá a Xerencia forma parte dese equipo.

Vostede pola súa banda ten atacado ao actual equipo de goberno polo que considera unha excesiva aposta pola política do cemento. Cómpre reconsiderar as infraestruturas que se van a acometer a partir de agora?
Estamos moitas veces convivindo con premios arquitectónicos e auténticos buratos para traballar. Cando nós falamos de infraestruturas falamos de espazos dignos e adaptados aos modelos europeos de educación superior porque este é o reto infraestrutural, de adaptación. E logo, nestes vindeiros catro anos o cemento non pode ser unha prioridade, esta Universidade non se pode permitir o luxo de facer políticas keynesianas porque me parece que non podemos ser unha entidade epatante como a administración pública.

Benestar e igualdade; investigación e transferencia; titulacións; proxección internacional e social; medioambiente e cultura, comunicación e deporte, son as liñas estratéxicas do seu programa que sitúa ás persoas (alumnado, PAS e PDI) e aos campus como eixos fundamentais. Debullando esas liñas estratéxicas do seu programa, que entende Nova Universidade por benestar e igualdade no ámbito universitario e en que se debe traducir?
Hai moitas contradicións e a realidade é que a xente na Universidade vive menos ben do que parece e nós queremos que haxa benestar para que se traballe máis e mellor. Como son as políticas de prexubilación nesta Universidade? Por que inauguramos virtualmente garderías? Por que aínda non están na realidade. Por que o PDI non pode coller vacacións en agosto? Por que nós temos que adiantar gastos de asistencia sanitaria no estranxeiro? Por que non temos un fondo de pensións de emprego digno como teñen outras entidades? Por que o noso fondo de acción social é tan cativo? Nós concibimos que nunha universidade que se centre máis en políticas de benestar se vai traballar máis e mellor. En canto a igualdade o que ocorre me parece o mesmo que pasaba co goberno de Felipe González nos anos 80 cando había unha ministra de Cultura que ademais levaba temas de igualade. A vicerreitora de Extensión Universitaria, coa que ademais teño moi boa relación, leva Extensión Universitaria e Igualdade. A igualdade ten que ser o centro das políticas neurálxicas desta Universidade e nós levamos unha vicerreitoría para políticas de benestar e igualdade e de calidade, porque a computadora central ten quer estar ao servizo da igualdade que no é unicamente xénero, senón tamén discapacidade.

No caso da investigación e transferencia cales son os obxectivos a acadar nos próximos anos e cales os medios para conseguilos?
Esta Universidade ten grupos de investigación moi referenciais, froito de que temos xente moi valiosa e que se fixeron boas políticas, pero hai que equilibrar e pór a toda a comunidade universitaria a render máis. Temos xente moi valiosa que está totalmente agachada e hai que pór máis en valor todo isto e ter moito máis esforzo para a investigación, pero un esforzo colectivo e equilibrado. Por exemplo, os programas de grupos referenciais son inxustos porque deixan fóra a moita xente moi valiosa. O sistema de puntuación é inxusto porque prima moitas condicións ás que moitos grupos non poden chegar. O noso sistema de éxito nas teses é menor que noutras universidades porque temos peor oferta de bolsas predoutorais, porque no noso sistema está predominando o ingreso na universidade por contratos de investigación e esquece a canle dos axudantes que para moitas persoas é moi importante. Nós temos un programa moi esixente en investigación e o que temos que facer é corrixir desaxustes e plantexar a idea previa de que todo o mundo ten capacidades, non unicamente uns poucos.

Xunto ao financiamento, as titulacións son outro gran cabalo de batalla na relación entre as universidades galegas e coa Xunta de Galicia. Considera que a Universidade de Vigo nos seus tres campus ten unha boa oferta de titulacións ou compre mellorada e se así, en que dirección?
Paréceme que titulacións reflicte parte do peor do goberno dos últimos catro anos. Eu demando un mapa de titulacións, por suposto de grao, pero tamén de posgrao. Nestes catro anos foi a lei das silveiras e o que sucedeu foi que un conseguidor de cartos montaba un posgrao que ademais non é dos centros, senón do propio conseguidor. Hai que cambiar as prioridades que pasan por estruturar o mapa de titulacións. No grao non vai haber grandes novidades estes catro anos, hai que aproveitar as sinerxías que ten esta Universidade, pero eu o que lle pido á Xunta e aos compañeiros de Coruña e Santiago son dúas cousas, primeira: sentido no mapa de titulacións a nivel galego, e dúas: lealdade institucional. Medicina non pode ser unha prioridade, xa quixéramos, e desde logo o que temos é que traballar por unha oferta clara, específica e sinérxica de graos e posgraos.

Nun mundo globalizado e competitivo, que propón para acadar unha maior proxección internacional e social da Universidade de Vigo?
Foron tantas as veces as que acudín como precandidato a algunha reunión e dicíanme que era a primeira vez que un candidato acudía a falar con eles que me pareceu sorprendente. Isto ten moitos eixos de traballo. Nós temos que recibir a achega da empresa no asesoramento do mapa de titulacións, na xestión dos nosos egresados , na empregabilidade da nosa xente e temos que darlle ao mesmo tempo servizos. Co ámbito pre universitario da educación esta Universidade non se dá a coñecer e fai máis política institucional de captación de alumnado Santiago no noso ámbito xeográfico que nós. Dicir que hai unha relación satisfactoria coa contorna é un descoñecemento absoluto da nosa realidade.
Aquí hai que preguntarlle a cada axente polo seu papel na Universidade e desde logo o que hai que facer é máis esforzo para proxectar á Universidade como unha entidade que é un axente máis da vida social de Vigo, Ourense e Pontevedra e de toda a súa contorna territorial.

En canto a cultura, deporte e comunicación, cara onde considera que debería dirixirse a Universidade nos próximos anos?
A cultura e o deporte é moito máis que ocio e hai que ter en conta o moi relevante papel que ten a Universidade nestes dous eidos onde temos grandes profesionais que están facendo un labor da proxección deportiva e cultural moi importante. Moitas veces falta visibilidade de todo este labor que se fai, por iso nós conxugamos comunicación con cultura e deporte por este tema de visibilidade. Creo que en xeral en Extensión Universitaria se fixo un traballo moi intenso e moi extenso, non quero falar da xestión da vicerreitoría, pero si dos profesionais e penso que se está a facer moi bo traballo, pero escurecido na realidade.

En canto a financiamento, que expectativas e que postura considera que debe manter a Universidade de Vigo na negociación coa Xunta e as outras dúas institucións académicas galegas?
Neste tema hai que ter os pés no chan. Estamos na realidade na que estamos e ademais cunha administración autonómica bastante pouco sensible ás necesidades das universidades. Eu podo ser moi conflitivo coa Xunta na negociación do Plan de Financiamento pero teño a case seguridade de que o plan non vai ser todo o satisfactorio que nos quixeramos. A min me dan gargalladas canto alguén di que vai conseguir non sei cantos millóns de euros. O que eu digo é, imos ser conflitivos, imos ser belicosos e imos pelexar e imos realizar unha análise de que somos para pelexar mellor por esta torta do financiamento que temos que compartir cos compañeiros de Coruña e de Santiago. A partir de aí o financiamento pasa por que nós diversifiquemos as nosas fontes. A transferencia xeral de coñecemento ten que multiplicarse exponencialmente. Logo está a concorrencia a proxectos competitivos internacionais que ten que ser unha prioridade absoluta no noso contexto. Nós temos éxito nas convocatorias internacionais , aínda que non o que mereceríamos que creo que ten que ver con como está dotado o tecido de persoal de administración de servizos. Esta Universidade non ten dotación de recursos nas oficinas de transferencia, nas de investigación que están pragados de bolseiros, de eventuais, con pouco persoal e cunha RPT totalmente avellentada desde hai moitos anos.

Tal e como lle formulei ao candidato de Alternativa Universitaria, que mensaxe dirixiría vostede ás persoas indecisas explicándolles por que debería votar a Nova Universidade e non a Alternativa Universitaria?
Por que precisamos dunha universidade que eu cualificaría con catro adxectivos: máis eficaz, máis eficiente, máis transparente e máis xusta e ademais por que alguén que está renegando do seu pasado, como está facendo Alternativa Universitaria co programa que está presentando que é un absoluto choque e trens co seu pasado, non pode ser crible. A credibilidade unicamente se pode acreditar defendendo desde hai moito tempo as prioridades que defendemos nós de prioridade polas persoas , pola ortodoxia, pola academia e pola investigación. Os outros son recén chegados a estes obxectivos.