DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Asegura nunha carta aberta que dedicará os seus esforzos a 'outros aspectos cualitativamente diferen

Jaime Cabeza non presentará a súa candidatura a reitor en 2014

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 12/06/2012
O candidato a reitor nas eleccións celebradas na Universidade de Vigo no ano 2010 por Nova Universidade e voceiro desta formación, Jaime Cabeza, confirma que non volverá a presentar a súa candidatura nos comicios de 2014. Nunha carta aberta á comunidade universitaria publicada nas últimas horas na páxina web de Nova Universidade, Jaime Cabeza, confirma que “non me vou postular como candidato a reitor nas eleccións de 2014”, decisión que xustifica por motivos “exclusivamente persoais”, ao tempo que sinala que “nos vindeiros anos vou centrar meus esforzos, noutros aspectos cualitativamente diferentes dos que atenderon a miña atención, penso que con forte implicación e paixón, desde o 2009 ata hoxe”. Foi en abril dese ano cando Nova Universidade elixiu ao catedrático de Dereito Laboral como voceiro da formación despois que o ata entón líder da formación, José Luis Legido, confirmase a súa decisión de non concorrer ás eleccións a reitor de 2010. Xa no mes de decembro de 2009 Cabeza era confirmado como candidato a reitor de Nova Universidade.

Tras tres anos á fronte do grupo da oposición e cando só teñen transcorrido dous anos do mandato do actual reitor, Salustiano Mato, Jaime Cabeza facía publica nas últimas horas a súa decisión de non repetir candidatura, aínda que afirma “manteño meu compromiso de liderar Nova Universidade e a oposición ao goberno da Universidade de Vigo ata que o meu grupo tome as decisións que correspondan, sen presas nen improvisacións”. No seu escrito Cabeza recoñece que “nestes meses a política universitaria non é unha das miñas primeiras preocupacións e iso debe ser incompatible cunha pretensión de ser candidato en pouco tempo”.

O ata de agora voceiro de Nova Universidade non agocha o seu rexeitamento á política desenvolvida polo actual equipo de goberno, ao tempo que entoa un “mea culpa” asegurando que “a nosa querida institución merécese algo mellor que este grupo que hoxe, por desgraza nos goberna, sen dúbida en gran parte pola miña incapacidade para transmitir un programa alternativo”.

Novo tempo para o diálogo

Tras confirmar a súa decisión de non repetir como candidato de Nova Universidade,Cabeza deixa claro que seguirá exercendo, “agás que outra cousa se decida”, como voceiro da formación, ao tempo que sinala que se abre “un novo tempo de diálogo coa comunidade universitaria, de reflexión conxunta para proxectar o futuro e un cambio que satisfaga a súa maioría e, máis en xeral, á sociedade á que nos debemos”. En canto ao futuro de Nova Universidade, Cabeza apunta que nun futuro a medio prazo establecerá sinerxías e “tenderá pontes para que as posicións críticas cuallen na presentación dun modelo de cambio e exitoso para a Universidade de Vigo”.

O catedrático de Dereito Laboral dedica parte da súa carta aberta á comunidade universitaria a dar as grazas ás persoas que “traballaron e traballan comigo no proxecto de Nova Universidade. Penso que atopei moitos compañeiros e compañeiras e hoxe teño amigos e amigas a cachón, logo desta experiencia persoalmente tan arriquecedora”. Persoas das que Cabeza destaca o seu compromiso desinteresado cun modelo de universidade máis académico e centrado no seu labor fundamental no Espazo Europeo de Educación Superior.