DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O candidato a vicerreitor, Enrique Barreiro, aposta por potenciar o Consello de Campus

Jaime Cabeza traballará para que a voz do campus “sexa soberana” na Universidade

Escoitou as inquedanzas e peticións dos docentes, investigadores e PAS

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Raquel Feijóo DUVI 14/05/2010

Que o campus de Ourense se sinta parte integrante da Universidade de Vigo “con políticas de descentralización xustas e equitativas que permitan que a súa voz sexa soberana” e que o Consello de Campus “sexa un órgano vinculante”. Son dúas das propostas que o candidato a reitor por Nova Universidade, Jaime Cabeza, propuxo este venres durante a súa visita ao campus para reunirse con docentes, investigadores, estudantes e persoal de administración e servizos, exporlles o seu programa e escoitar as súas inquedanzas e peticións. Dúas medidas sobre as que tamén fixo moito fincapé Enrique Barreiro, actual director da Escola Superior de Enxeñaría Informática, que asumiría o cargo de vicerreitor do campus de Ourense no caso de que Nova Universidade gañe as eleccións do 20 de maio. Segundo as súas palabras, “unha das medidas máis importantes que habería que pór en marcha é a de potenciar o Consello de Campus porque, na actualidade, o noso campus non ten voz a través deste órgano”, afirmou. O acto de campaña de Jaime Cabeza no campus serviu tamén para coñecer as propostas de Manuel Ramos para acceder á Vicerreitoría de Persoal Docente e Investigador e Formación.
Jaime Cabeza presentouse como “un profesor que quere dirixir esta Universidade durante catro anos, non un político que vai saltando de cargo en cargo” e asegurou que, na actualidade, “a verdadeira alternativa somos nós”. Nesta liña situou a administración única como un dos principais retos do seu programa de goberno co obxectivo de reducir a burocracia. O candidato amosou a súa aposta “por unha Universidade ambiciosa e implicada na investigación e na docencia” e desvelou a súa aposta polas persoas da institución “fronte esa chea de inauguracións virtuais a esgalla á que vimos asistindo nos últimos tempos”. Ofrecer aos estudantes unha formación completa “que nos permita ter os mellores profesionais” e protexer os mestrados estratéxicos son outras propostas de Cabeza para conseguir o que definiu como “unha Universidade eficaz, eficiente, xusta e ética”.

Medidas a aplicar no campus

Enrique Barreiro aproveitou a súa intervención no acto de campaña de Jaime Cabeza para subliñar unha serie de medidas a aplicar no campus como a creación de cadros docentes estables, a desconcentración de servizos, o deseño dun programa estratéxico para a captación de alumnado e ofrecerlle aos estudantes unha formación completa que os anime a pór en marcha as súas propias iniciativas empresariais. Segundo explicou, “a Universidade ten que ser o motor da provincia e, sen embargo, a realidade dinos que o 70% dos estudantes queren ser funcionarios. Penso que dende primeiro curso e en todas as titulacións deberiamos fomentar nos nosos alumnos e alumnas esa actitude e vocación emprendedora”, declarou. Falou tamén Enrique Barreiro do proxecto A porta de Galicia, unha iniciativa de reordenación do campus de Ourense promovida pola Universidade de Vigo e auspiciada polo Concello de Ourense que reformula a relación entre a cidade e a Universidade en todos os seus aspectos ao propor a integración de usos urbanos e empresariais no recinto universitario e a creación de espazos de encontro e transición. Barreiro recoñeceu que conseguir moitos obxectivos deste plan “é hoxe unha utopía”, pero amosou o seu apoio ao mesmo “por ser unha folla de ruta fantástica a seguir na que o Consello de Campus debería marcar a orde das actuacións a levar adiante”.

Seis meses para deseñar un regulamento do profesorado

O profesor Manuel Ramos, que asumiría a Vicerreitoría de Persoal Docente e Investigador e Formación, falou na súa intervención das necesidades deste colectivo propondo a creación dun regulamento do profesorado, "que estaría listo en seis meses", e dunha relación de postos de traballo. Manuel Ramos revelou que unha das principais preocupacións da candidatura á que pertence “é que o persoal que traballa na Universidade de Vigo se sinta a gusto desenvolvendo o seu labor aquí” e propuxo “aplicar algunhas medidas que xa funcionan noutras universidades como por exemplo a redución da carga docente por idade”. Unha maior atención aos profesores xubilados e un maior coidado e formación dos novos profesores son outros dos seus obxectivos. “Moito se fala nos últimos tempos de: un ordenador, un estudante, pero ao mellor temos que falar primeiro de: un profesor, un ordenador, porque hai que dotar aos docentes dos medios básicos para que poidan facer o seu traballo e coidar tamén a súa formación”, declarou.