DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A candidatura de Nova Universidade céntrase nas persoas, nos campus e noutros cinco eixos programáti

Jaime Cabeza traza o seu programa de goberno en clave de austeridade, calidade e compromiso co medioambiente

A dotación de infraestruturas, o Edificio das Artes e a residencia son as prioridades para o campus

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Esmeralda López Castro DUVI 20/04/2010

Cumprindo a promesa de presentar o seu programa de goberno en Pontevedra, Jaime Cabeza, o candidato a reitor por Nova Universidade, deu a coñecer hoxe no campus as liñas estratéxicas do proxecto co que concorrerá ás eleccións do vindeiro 20 de maio. “Estou aquí porque creo que cómpre salientar máis aos campus de Pontevedra e Ourense”, sinalou ao respecto, antes de pasar a debullar un programa trazado en torno a tres aspectos: os propios campus, as persoas e cinco eixos programáticos, aos que se engaden tres ideas clave que son a austeridade, a calidade e o compromiso co medio ambiente. “A universidade ten que ser austera e axustarse ás súas necesidades mesmo en períodos de bonanza económica e non embarcarse en proxectos suntuosos”, declarou Cabeza, insistindo na súa aposta por “unha calidade harmónica para acadar unha Universidade máis xusta con todos”. Con respecto ao medio ambiente subliñou que se creará unha vicerreitoría específica.
Jaime Cabeza quixo incidir tamén na intención do seu programa de ser “dinámico e interactivo”. “Presentamos primeiro o equipo e logo o programa porque é un traballo feito desde a coherencia e a colectividade, coa implicación activa de todos os membros do proxecto”, afirmou. Neste camiño indicou que “o plan estratéxico da Universidade debe ser tamén unha ferramenta dinámica, cunha reactualización constante”.

Maior participación do alumnado e bolsas e axudas exprés

No relativo ao primeiro dos eixos do seu programa, as persoas, Jaime Cabeza fixo especial fincapé no alumnado, que considera que “é o colectivo máis esquecido e instrumentalizado da Universidade”. Co obxectivo de “ampliar, mellorar e motivar” a súa participación nos órganos de representación propón crear o Consello de Estudantes da Universidade de Vigo, “un elemento integrador de todas as súas formas de representación”. Adaptar os servizos universitarios ás necesidades do EEES dende a perspectiva do alumnado e non do PDI, crear liñas de axuda e bolsas de atención inmediata para casos urxentes e crear a Oficina de Cooperación ao Desenvolvemento e Voluntariado son outras das iniciativas de Nova Universidade para os estudantes.
Con respecto ao PDI, Jaime Cabeza apuntou “a necesidade de medidas para compatibilizar a actividade docente e investigadora, pois agora hai unha parte do traballo que non se recoñece. Así mesmo, hai que establecer un marco estable nas políticas de contratación, promoción e consolidación”, engadiu. No caso do PAS dixo que “urxe dotar dunha estrutura suficiente unha situación na que impera a desorde”. Definir un modelo estable de carreira administrativa, vertical e horizontal, e ampliar os servizos deficitarios da biblioteca, a OTRI e o CACTI son outras das propostas de Nova neste senso.
Englobando o interese polas persoas do seu programa, Cabeza priorizou as políticas de benestar e igualdade. “Promoveremos políticas de conciliación e corresponsabilidade, sobre todo pensando nas familias monoparentais, e crearemos a Oficina de Atención á Diversidade, pois os actuais campus son hostís coas persoas con discapacidade”.

Cinco eixos programáticos: da investigación á cultura e o deporte

Como segundo bloque do seu programa Jaime Cabeza citou cinco eixos programáticos: investigación e transferencia; titulacións; proxección internacional e social; cultura, comunicación e deporte; e proxectos estratéxicos.
“Promover máis transparencia nas políticas de investigación, incrementar a competitividade internacional e a interación co tecido empresarial e social, simplificar e as xestións e elaborar criterios específicos para cada ámbito” son, segundo sinalou Cabeza, as claves do primeiro deses eixos.
No relativo ás titulacións Nova Universidade propón ampliar o mapa de graos e encetar o de posgraos, “que non existe” e para o que se creará o Centro Internacional de Posgrao, así como definir unha oferta de mestrados estratéxicos tendo en conta as demandas da sociedade. Cabeza citou tamén a creación do Primeiro Foro de Colaboración Proactiva entre Universidade e Empresa como xeito de garantir a proxección internacional. Ademais, falou “da consideración estratéxica da cultura e do deporte para incentivar o seu potencial” e da “promoción e prestixio da lingua galega como idioma científico”. Por último, como proxectos estratéxicos citou o Centro de Recursos para a Aprendizaxe, que aglutinará os recursos de biblioteca, teledocencia e formación de profesorado; e a Administración Única e a Administración Electrónica para simplificar todos os trámites.

Maior descentralización para os campus

A política de Nova Universidade para os tres campus basearase, segundo Cabeza, nunha maior descentralización. Neste sentido citou a última acta aprobada polo Consello do campus de Pontevedra, con data de 2007, o que ao seu ver “é indicativo de que as institucións descentralizadas non funcionan para nada neste momento”. Así mesmo, considera que “hai unha vicerreitoría totalmente afastada do campus da Xunqueira”, polo que propón trasladala alí e destinar a Casa das Campás a “un uso máis institucional e de transferencia coa sociedade”, entre os que figura ser residencia dos docentes convidados.
Preguntado polos xornalistas a cerca das carencias do campus de Pontevedra salientou en primeiro lugar as infraestruturas. “En dotacións imos insistir en temas postergados, basicamente de instalacións deportivas como a piscina, que ten que ter unha orientación múltiple para Fisioterapia e Ciencias do Deporte”, destacou. Falou tamén do Edificio das Artes, “un compromiso que hai que resolver primeiro entre as autoridades públicas, para logo impulsar a súa construción”. Por último, citou a necesidade dunha residencia, localizada na Escola de Maxisterio e non no colexio da ONCE como se ten previsto actualmente.
Jaime Cabeza aborda os campus como núcleos aglutinadores en canto a temáticas, polo que lle atribúe ao de Ourense o proxecto de Campus do Medio Ambiente e a Pontevedra o de Campus do Deporte. Con respecto á posible implantación do Grao de Enoloxía dixo que “ten que habelo pero como posgrao e sen rivalidades xeográficas”.
No caso de Vigo pretende avanzar na integración do campus na cidade e na provincia e sinalou como prioridade a súa humanización “para covertelo nun espazo máis agradable que permita traballar en condicións dignas”.