DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O ex alumno de Esdemga gañou a Pasarela Internacional de Jóvenes Diseñadores do Ifevi

Jandro Villa á procura da semiótica da indumentaria

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Esmeralda L. Castro DUVI 11/11/2009

“O exceso de imaxes, o entusiasmo pasaxeiro, determina que cada vez haxa máis estrelas e menos investimento emocional nelas, os revival son fenómenos de ‘nostalxia decretada’ ideados como estratexias de márketing por algún executivo dunha compañía multimedia”. En torno a esta sentencia de Jean Baudrillard xira a última colección do deseñador vigués Jandro Villa, ex alumno de Esdemga e da Facultade de Belas Artes. Leva por título Yankee O e con ela Villa gañou o primeiro premio na Pasarela Internacional de Jóvenes Diseñadores celebrada no Ifevi de Vigo a comezos de novembro, impoñendose aos 30 participantes, e tamén o terceiro premio na pasarela DEBUT08 de Esdemga, o que o converte nunha nova promesa da moda.
Yankee O naceu a partir do seu proxecto final de estudos e baséase nunha crítica á sociedade americana, “non desde o punto de vista político, senón a partir da idea da cultura do desperdicio e tamén da acumulación de iconas”. Para a elaboración desta serie centrouse na figura de Jackie Kennedy e no seu traxe de chaqueta de Chanel, “unha prenda marcada pola traxedia”, en referencia ao asasinato do presidente estadounidense J.F. Kennedy, “que ao día seguinte se converteu nun éxito de vendas”. É unha colección que se remonta a unha época, os 60, pero coa vista e a ironía postas na sociedade americana actual e no seu fervente capitalismo.

Tres influencias: o minimalismo, os países nórdicos e a xastrería

“As miñas son coleccións de concepto, as prendas están trazadas como pezas, con corte de xastrería”, sinala Jandro Villa. Afirma, ademais, que todo o seu traballo está moi influído polas teimas da sociedade americana, polo minimalismo, os países nórdicos e a xastrería, que o conducen a traballar coa “deconstrución e a desubicación”. Sempre emprega cores neutras e sobrias, centrándose na grama de grises e brancos e evitando os estampados.
Con anterioridade a Yankee O desenvolveu a colección Finlandia, durante un intercambio de estudos neste país. Nesa ocasión centrou o seu traballo no personaxe de George Mallory, o primeiro expedicionario inglés en subir o Everest, e por iso todas as prendas están rematadas con nós. Mesturou deste xeito un estilo “montañeiro e militar” con outro máis “sport e casual”, pero sempre partindo de prendas clásicas. Segundo Villa, “esta colección agocha tamén certa ironía cara a sociedade finesa polo predominio do gris, a cor que empregan alí os militares”.

Na busca da semiótica da indumentaria

Jandro Villa entende a moda como “algo pautado, que non pode perder a súa funcionalidade, pero que ao mesmo tempo ten unha proxección exterior que encadra as persoas en diferentes grupos”. O que lle interesa é esa “semiótica da indumentaria, o que fai que escollamos unha vestimenta para cada ocasión, e non o que marcan as tendencias do momento”.
Aínda que soe paradoxal, estudou Belas Artes como complemento para dedicarse á moda, “coa sorte de que despois abriu en Pontevedra a Escola de Deseño Téxtil e Moda, Esdemga”, na que sinala que puido finalmente especializarse. “Belas artes abriume o campo cara a moitas doutrinas: estética, psicoloxía da percepción, crítica, arquitectura, espazo natural, fotografía...”. Considera fundamental para todas as disciplinas do deseño ter formación en todos os eidos creativos para abrir moitas frontes.
A súa traxectoria profesional comezou coa colaboración no deseño do vestiario da compañía de teatro Sísifo. Nas dúas últimas edicións de El Ego de Cibeles traballou como asistente da galega Marta Montoro e, anteriormente, de Lydia Delgado. Neste momento exerce como asistente de deseño da firma barcelonesa Jesús Peiró e está pensando xa en poñer en marcha a súa vindeira colección propia.