DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Actualmente traballa na selección española de fútbol e anteriormente no Real Madrid

Javier Miñano comparte a súa experiencia como preparador físico cos alumnos de Ciencias da Actividade Física e do Deporte

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Camino Carballeira DUVI 15/01/2009

Dúas Ligas de fútbol, dúas Ligas de Campións, unha Copa Intercontinental, 2 Supercopas de España e unha Supercopa de Europa. Un palmarés envexado por moitos futbolistas profesionais pero que pertence a Javier Miñano, preparador físico da selección española e ex preparador físico do Real Madrid, que este xoves ofreceu aos alumnos e profesores da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte unha charla na que narrou a súa deriva profesional e sinalou as diferencias entre o traballo nun club e nunha selección nacional.
Miñaño, que tamén interviu na clase de Alto rendemento de fútbol I, considerou que “gañar a confianza do xogador” é un dos retos máis importantes dos preparadores físicos e desgranou para os alumnos as vantaxes e inconvenientes do traballo na selección, onde apenas poden traballar cos xogadores unha vez ao mes, en concentracións duns tres días, ao longo da temporada de Liga. Confesou “botar moito de menos o día a día no campo” pero engadiu que o seu traballo na Real Federación Española de Fútbol é “máis rico do que parecía”. Un aspecto fundamental neste novo labor é conseguir “a maior información posible” sobre o estado dos cincuenta xogadores preseleccionados polo técnico para “mellorar o seu rendemento cando está con nós e ter coidado cos procedementos delicados, como pode ser a recuperación dunha lesión”. Desde o equipo técnico da selección, Miñano abriu vías de comunicación con tódolos preparadores físicos para “non cometer errores” cando os xogadores estean nas súas mans. Ese labor e a elaboración de informes de seguimento e control de tódolos partidos da Liga e do resto de competicións centran o seu día a día na RFEF.
A etapa máis coñecida para o gran público de Javier Miñano foron os once anos que pasou no Real Madrid e, en concreto, as dúas etapas que traballou no primeiro equipo canda Vicente del Bosque, actual seleccionador nacional. Xogadores como Zinedine Zidane, Luis Figo ou Raúl estiveron baixo os seus coidados nun club que é “o mellor sitio para traballar, se gañas; pero se perdes é o peor”, confesou. Sen embargo a súa carreira profesional tamén pasou polo Rácing de Santander que lle fixo decatarse “das diferentes esixencias de cada xogador segundo o seu club” ou o “reto profesional” que supuxeron os oito meses en Turquía, traballando no Besiktas.

O recoñecemento dos preparadores físicos

Javier Miñano foi precursor da Asociación Española de Preparadores Físicos de Fútbol, da que sinalou a José Ángel García como “motor” e destacou a España como o país onde “maior respaldo” se lle dá a esta figura. A través da asociación, Miñano organiza cursos específicos, como o de adestrador de porteiros ou másters de preparadores físicos ou adestradores. Segundo afirmou a “necesidade de renovarse periódicamente” estivo detrás da creación destes proxectos. Miñano tamén lles aconsellou aos estudantes saír da facultade “con moita humildade” xa que aínda que traballarán “con técnicos que non teñan o mesmo nivel de coñecementos” ca eles, esta postura fará máis doado o traballo en equipo e reflexarase no campo.