DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este xoves actuará o grupo 3Azoteas e o veneres Maquinaria Pesada

Jazz sen prexuízos e teatro humorístico, propostas desta semana na Casa das Campás

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Camino Carballeira DUVI 01/04/2009

A véspera da fin de semana trae o swing e os sons intensos do jazz e lembra unha mítica serie de televisión dos anos 60. E é que mañá e pasado a Casa das Campás volve aliarse coa música e o teatro alternativo nos seus ciclos da programación de primavera xa que 3Azoteas e Maquinaria Pesada traerán as súas propostas ao campus pontevedrés.
Mañá, ás 21.00 horas o grupo formado polo pianista Iago Mouriño, o baixo Pablo Pérez e o batería Miguel Queixas ofrecerán un concerto que amosará a sinerxía na que se unen estes tres músicos referentes do novo panorama galego. E é que como o seu propio nome indica, o grupo naceu como un espazo para dar cabida ás inquedanzas musicais dos seus integrantes, tomando o jazz como punto de partida pero sempre desde un perspectiva aberta.

O venres chegan As vingadoras

O venres, o destino da sociedade galega quedará en mans de Isabel Risco e Marián Bañobre, que terán que resolver un caso de vital importancia en As vingadoras. A divertida e innovadora montaxe destas dúas actrices baixo a dirección do prestixioso director teatral británico, John Wright, está inspirada na mítica serie británica dos anos 60, The avengers, que lles serve para desenvolver o seu rol de aventureiras clown. O espectáculo, ademais, introduce un terceiro personaxe, interpretado por José Losada, que completa o trío humorístico.
Tanto Campus Jazz como Campás Teatro tomarán un respiro con motivo das vacacións de Semana Santa pero os dous programas volverán tralo parón. Campus Jazz farao o 14 de abril co cuarteto A Tempo Jazz, que agrupa a catro músicos de moi diversas procedencias: Carlos Calviño, Óscar Rodríguez, Noli Torres e Sarunas Pupelis. Pola súa banda, o teatro volverá á Casa das Campás da man de Nut Teatro que en Peep Show presentarán a catro mulleres performers dentro dun espazo de cristal que agardan a chegada do espectador.