DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Fai balance dos seus catro anos de xestión

Jesús Hernández, vicerreitor do campus de Pontevedra: “É lóxico que o campus medre ás dúas marxes do río e tamén se mesture coa cidade”

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Esmeralda L. Castro DUVI 16/06/2010
Jesús Hernández Sánchez remata esta semana o seu período como vicerreitor do campus de Pontevedra para darlle paso a Antonia Blanco. Define os últimos catro anos como unha etapa dura, pero frutífera, na que se conseguiu consolidar unha estrutura e un equipo propios para o campus, coa Casa das Campás como ponte entre a cidade e a Universidade. Con todo, marcha cunha espiña cravada, “non ter acadado os obxectivos estrela, por causas alleas”, en referencia ao Edificio das Artes. “Voume coa espiña de non ter empezado, pero coa satisfacción de non telo esquecido”, subliña. Asegura que xa non hai volta atrás e que o lóxico é que o campus siga medrando ás dúas beiras do Lérez e con dependencias non docentes no centro da cidade. Con respecto á nova etapa que comeza, sinala que “agora toca descansar” e que aproveitará para gozar da docencia en Belas Artes e potenciar a súa faceta como creador artístico.

O resultado das eleccións revalida o traballo feito, foi unha etapa dura?
Si, pero a pesar ter sido o campus máis atacado pola oposición, a nivel interno sóubose valorar o gran traballo feito para crear unha infraestrutura propia; a pesar tamén de non ter alcanzado os obxectivos estrela, pero por causa allea. Logrouse con creces crear unha estrutura e un equipo, pero faltaron os proxectos máis espectaculares.

A Casa das Campás asentouse como unha ponte entre a Universidade e a cidade?
Paréceme indubidable. Veu ocupar un espazo de oferta cultural alternativa que non tiña Pontevedra. Gañou perfectamente o seu propio espazo na cidade.

A Vicerreitoría está no centro, a residencia estará no outro extremo da cidade... tendo en conta que o espazo da Xunqueira está chegando ao seu límite, cal considera que debe ser o ámbito de espallamento do campus?
O lóxico sería que fose na outra beira do río Lérez, é o mellor para a Universidade e para a cidade. De feito, con Tafisa xa ía ser así. Logo certas dependencias non docentes poden quedar máis estruturadas dentro da cidade. No caso da residencia, é mellor estar ás aforas ou no centro, cando falamos dunha cidade na que o seu radio supón media hora camiñando? Agora abriuse tamén a posibilidade de situar Enfermaría no Hospital Provincial. Iso non quita que o gran núcleo estea ás dúas marxes do río, pero tamén que se mesture coa cidade noutras instalacións. Enfermaría ten que estar moi preto dos hospitais; no caso da residencia pode levar asociado un centro social que me parece que é bo que estea imbricado coa cidade; e a Casa das Campás, evidentemente tamén. Xogar cun modelo mixto paréceme o máis intelixente.

Diría que a falta de espazo é un dos principais problemas do campus?
Non só. Dende logo é un handicap, que propiciou que o esforzo se dirixise a paliar esa carencia de infraestruturas. É evidente que o cuartel de San Fernando é absolutamente insuficiente para Belas Artes, que somos o único campus sen residencia, que as instalacións deportivas son inexistentes... Son cousas que hai que ir conseguindo, pero hai outros problemas. Por exemplo, é fundamental organizar toda a investigación e as sinerxías entre titulacións, sobre todo en período Boloña, para fixar a oferta de posgraos.

Á marxe das eivas, cales son as potencialidades do campus?
Ten unhas liñas curriculares exclusivas non só dentro da Universidade de Vigo, senón no ámbito galego. Arte, Publicidade, Comunicación e Deseño supón unha vía tan inmensa para potenciar, que creo que é algo que non debe demorar máis. Cómpre reunir aos centros e comezar a trazar a identidade do campus. É un traballo en equipo para optimizar a nosa capacidade a nivel de recursos humanos, técnicos e infraestruturais.
A outra liña curricular que hai que potenciar é a de deporte e saúde. Tendo en conta que na Coruña tamén existen Fisioterapia e Ciencias da Actividade Física e do Deporte, quizais haxa que curricular xa máis expansivamente dentro de Galicia e desde aquí colaborar para potenciar unha liña de acordo coas outras universidades.

Con relación as titulacións, como se xestou o proceso de adaptación a Boloña?
De maneira espectacular. As únicas titulacións que implantaron o grao en bloque estaban neste campus. Primeiro foi Belas Artes, incluso como pioneira, e despois Fisioterapia. Os cambios fortes na Universidade, como en calquera orde da vida, son traumáticos, por iso canto antes se fagan mellor. Para os centros foi un período moi complexo e de moito traballo. Hai que valorar ese esforzo e darlles a noraboa, porque están obtendo o resultado apetecido.

Con relación ao Edificio das Artes, nos últimos meses comezamos a escoitar que xa se ve a luz ao final do túnel. Foi o proxecto que máis dores de cabeza lle causou?
Foi a miña gran desilusión como vicerreitor, un desexo sen cumprir. Creo que debería terme dado máis dores de cabeza, é dicir, se o empezásemos. Cando se asinou o protocolo no ano 2004, era impensable que se puidese retrasar seis anos. Tiñámolo orzamentado para podelo construír nese período. Pode ser que a desilusión veña agora pola crise. Non nos enganemos, pois haberá que buscar financiamento. Ademais, antes de asinar o convenio de cesión da parcela e encargar o proxecto, aínda haberá que resolver as dúas cuestións pendentes: a súa modificación puntual, que aínda ten que ser aprobada pola Xunta, e a urbanización de todo Tafisa.

Seguirá traballando dende a facultade a prol deste proxecto?
Traballei a prol del desde 2003. Quero facer memoria, este proxecto propúxollo este vicerreitor daquela como decano de Belas Artes ao reitor naquel momento, Domingo Docampo. Era moi ambicioso e abranguía un gran centro onde albergar todo o ensino universitario do acto creador, das artes tanto plásticas como escénicas, dentro dun contexto que orixinase sinerxías. Parte diso foise ao traste porque neses seis anos de espera sucederon cousas e tomáronse decisións políticas. A escola de danza ponse nun sitio, a de cinema noutro, etc. Vaise diseminando sobre o territorio galego algo que sería moi produtivo non só para Pontevedra e a Universidade, senón para a emerxencia cultural de toda Galicia. Voume coa espiña de non ter empezado, pero coa satisfacción de non telo esquecido. Orzamentalo unha e outra vez en cada exercicio foi tamén en pos de obrigar e recordarllo ao Concello, senón eu creo que xa estaría esquecido.

Precisamente para coordinar as actuacións urbanísticas que competen ao Concello e á Universidade creouse en outubro unha comisión mixta, está resultando produtiva?
É necesaria polos temas que lle competen a ambas institucións no que é campus-cidade. Foi público e notorio que esa comisión naceu dunha crise institucional entre Concello e Universidade. De algunha maneira xurdiu para que, como eu adoito dicir, non houbese desencontros nos encontros. Con esta comisión, que ademais inclúe aos técnicos, algo que me parece moi importante, os proxectos van adquirindo primeiro concepto, logo categoría e logo forma. Creo que é moi produtiva e sen ela estes últimos avances non terían sido tan harmónicos.

Agora comeza unha nova etapa, con que enerxía afronta a volta á docencia?
Se hai algo que te atrapa e te fascina e que é capaz de facerche revivir os teus propios anquilosamentos é a docencia. Boteino moito de menos os dous últimos anos, porque os primeiros seguín dando clase. Un tamén aprende cando está ensinando. É absolutamente asombroso darlle clases a xente que está en plena ebulición, entre 18 e 22 anos, que está exultante porque descobre un novo mundo e ese novo mundo o pon en práctica a través da creación. Para min iso é sentirme vivo.

E xa para rematar, contempla a volta á xestión?
De momento non. Que dúbida cabe que se levo quince anos continuados en postos de responsabilidade de xestión académica, primeiro é porque che toca e logo porque cres en certas cousas, ao menos eu creo na universidade. Se a min, co meu grupo gobernando, se me encomenda unha tarefa, desde logo aceptarei encantado, pero valorarei moito se é produtivo para a Universidade e tamén para min como persoa. Agora toca descansar. Son profesor e intentarei facer o mellor posible esa tarefa. Dedícome tamén ao acto creador e ao mellor é o tempo de potenciar esa faceta.