DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O profesor de Belas Artes protagoniza unha exposición na Sala Rekalde, da Deputación de Biscaia

Jesús Pastor traslada a Bilbao a súa reflexión sobre o plano pictórico

A mostra reúne 40 obras do catedrático de Debuxo, tanto recentes como dos últimos 25 anos

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI 07/04/2014

Unha selección de preto de 40 obras de Jesús Pastor, que comprenden tanto a súa produción máis recente como unha pequena representación do traballo que desenvolveu ao longo dos últimos 25 anos, exhíbense ata o 4 de maio na Sala Rekalde de Bilbao, onde o profesor da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo própón unha reflexión “sobre a capacidade de existencia do plano pictórico como elemento de creación”. Non en van, a pesares de que nesta mostra hai espazo para traballos “formalmente moi diferentes”, no conxunto da exposición subxacen as súas principais “preocupacións artísticas”, que, como el mesmo recoñece, teñen o seu eixo fundamental “no estudo do plano como lugar de residencia do coñecemento artístico”.

Comisariada por Miguel Fernández-Cid e organizada en colaboración coa Fundación Gonzalo Torrente Ballester, esta exposición individual de Jesús Pastor foi presentada desde a Sala Rekalde, pertencente á Deputación Foral de Biscaia, como unha mostra que “confronta a súa produción máis recente cunha selección de obras anteriores”. Non obstante, o profesor do Departamento de Debuxo deixa claro que non se trata dunha retrospectiva. “Había 25 anos que non expuña en Bilbao e incluíronse na exposición sete pezas moi significativas desa ampla marxe de anos, pero a mostra non trata de amosar a evolución do meu traballo, senón achegar unhas notas informativas en forma de obras de como se foi desenvolvemento o meu labor durante todo este tempo”, afirma Pastor.

Pinturas de pedra, ferro ou cristal

O uso nas súas obras de materiais como a pedra, o ferro ou o cristal foi outro dos elementos salientados da exposición de Pastor, que recoñece que aínda que “empregue materiais historicamente vinculados á escultura”, non enmarca formalmente o seu traballo dentro deste xénero artístico. “En moitos casos, as miñas pezas derivan do gravado e por determinados críticos foron defendidas como pintura, aínda que estean constituídas por elementos moi matéricos”, recoñece o artista, para o que emprazar a súa produción nun campo ou outro constitúe un debate posterior ao proceso de creación. “Á hora de xerar imaxes, un non pensa tanto se está no terreo da escultura ou da pintura, senón en que os materiais acheguen datos cos que poder resolver problemas, e o meu problema é o plano, o que me sitúa dentro da creación que emprega o plano pictórico”, engade Pastor.

De volta a casa

Natural de Santurtzi e licenciado en Belas Artes pola Universidade do País Vasco, Jesús Pastor exhibiu a súa obra nos últimos anos en espazos como a Fundación Telefónica de Madrid, a Fundación Pilar i Joan Miró de Palma de Mallorca ou o Círculo de Belas Artes de Madrid. Mais as súas creacións só puideron ser vistas en tres ocasións no seu Euskadi natal, a última delas, no Museo de Durango en 1990. Por iso, a exposición foi presentada desde a Sala Rekalde como un percorrido pola obra deste artista, premio nacional de gravado en 1997. De feito, el mesmo recoñece que ademais do “atractivo que supuña a posibilidade de expoñer cunha certa amplitude nunha excelente sala”, o feito de que que este espazo expositivo estivese en Bilbao, “evidentemente, axudou a decidirse”.

Actividades paralelas

A exposición inaugurada no mes de febreiro deu pé nas últimas semanas a outra serie de actividades centradas en afondar nos conceptos clave da obra do profesor de Belas Artes, como unha visita de estudantes de máster e doutoramento que tivo como guía ao propio Jesús Pastor e que permitiu “falar dos problemas xerais da creación”. Así mesmo, a mostra tamén levou ao artista a dar unha conferencia na Universidade de Deusto e a acompañar na Sala Rekalde a un grupo de profesores universitarios chegados de diferentes puntos de España, nunha visita que deu pé “a reflexións moi interesantes, co meu traballo como pretexto, e das que aprendín moito”, admite Pastor.