DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Imparte un seminario no Máster de Investigación en Comunicación

Jordi Xifra descobre as lagoas da investigación nas relacións públicas a estudantes de CCSS e da Comunicación

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Camino Carballeira DUVI 07/10/2009

O panorama de investigación científica ten nas relacións públicas, especialmente aquelas non relacionadas cos medios de comunicación, unha das súas lagoas. Unha eiva que poida cubra o alumnado que cursa o Máster de Investigación en Comunicación e que nestes días atenden o seminario que imparte Jordi Xifra, profesor da Universidad Pompeu Fabra. Ao longo destes días, o estudantado traballará en proxectos reais de relacións públicas nos que a investigación resulta vital. Así, segundo explica, “os alumnos traballan sobre un briefing real nunha situación de oportunidade para unha empresa: a de lanzar un selo de calidade”. Como pode influír isto no deseño dunha campaña xeral de comunicación e ir do xeral ao concreto é o camiño que seguirán no seminario.
Xifra sinala que “en temas de comunicación, as empresas automédicanse moito, non invisten en comunicación e actúan por intuición”. Isto, en ocasións, pode dar resultado, “porque un sempre sabe máis ou menos como está a súa reputación” pero pode resultar fatal en situacións de crise ou nun contexto de problemas.

Razóns históricas dunha lagoa na investigación

A falta de investigación en relacións públicas, cando menos naquelas parcelas non referidas aos medios de comunicación, ten unha razón histórica que Xifra desvela. “Temos unha licenciatura, agora grao, en Publicidade á que se lle engadiu a coletilla de Relacións Públicas cando se creou. En realidade a maioría dos profesores eran de publicidade e non existían investigadores", sinala. Este feito explica que a investigación se teña centrado “nas relacións cos medios e no estudo da imaxe a través de criterios relacionados con eles” cando existen outros aspectos como “problemas de comunicación interna, as relacións con inversores, o trato das empresas coa comunidade local ou cos poderes públicos” nos que hai moito que traballar.
Jordi Xifra é autor de boa parte dos manuais que se empregan nos estudos de relacións públicas e o seu pai foi o introdutor en España dos estudos en Relacións Públicas. Ao longo da súa carreira, ten abordado o tema desde diferentes perspectivas como as situacións de crise económica, a comunicación política, a relixión civil ou os medios de comunicación pero confesa que actualmente hai tres temas que concentran o seu interese. Un deles é a socioloxía das relacións públicas ou como “os grandes sociólogos do século XIX e XX xa recollían teorías das relacións públicas”. Na busca desas conexións traballa con outros colegas a nivel internacional ao tempo que volve aos seus inicios para investigar sobre os lobbys e os think tank, organizacións “que inflúen na toma de decisións a través das súas estratexias de comunicación”. A diplomacia pública ou, o que é o mesmo, a “creación de imaxe exterior de país ou territorio” é outro dos seus intereses, así como debullar as estratexias que entidades sen unha estrutura gobernamental desenvolven para crear marcas e “saír da comunicación como un instrumento técnico exclusivo das empresas”.

Catro áreas de investigación

Deste xeito, bota a andar o Máster de Investigación en Comunicación, pioneiro entre os específicos en comunicoloxía adaptados ao Espazo Europeo de Educación Superior, logo de que Javier Díaz Noci, catedrático de Periodismo de la Universidad Pompeu Fabra, impartise a sesión inaugural.
O cadro de profesorado está integrado por catedráticos de comunicación que atenden a algunha das catro áreas que dividen o programa do máster: métodos de investigación en comunicación, investigación en medios dixitais, investigación en medios de comunicación de masas e comunicación institucional, garanten unha boa ensinanza, con varios sexenios de investigación como os profesores da Universidade Susana Domínguez, Aurora García, Daniel Martí, Fernando Ramos e Mercedes Román; Paul Capriotti, da Universidad Rovira i Virgili; Josep Mª Casasús, Javier Díaz Noci, Manuel Martín Algarra, da Universidad de Navarra; Alfonso Méndiz, da Universidad de Málaga e Luis Núñez Ladeveze, da San Pablo CEU de Madrid.
O estudantado tamén terá a posibilidade de afondar no estado das investigacións en comunicación noutros contextos como o portugués grazas aos profesores Yolanda Espiña e Joao Paulo Meneses, o italiano da man de Daniel Arasa e Jorge Milán, ou estadounidense, representado polo teórico da comunicación McCombs.