DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O porriñés presentouse como parte de American Pérez xunto con Natalia Pérez

Jorge Bolado, ex alumno de Belas Artes, gaña o Premio L’Oreal de El Ego

Isabel Mastache convence coa súa colección inspirada nas culturas centroeuropeas

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Esmeralda L. Castro DUVI 19/02/2010

A representación galega chega de novo pisando forte á pasarela El Ego, a plataforma dos novos talentos da moda, incluída na Cibeles Madrid Fashion Week. Entre os dez deseñadores seleccionados, volveron ocupar un lugar destacado os procedentes de Galicia, como a coruñesa Sala Coleman que repetía por segunda vez e foi a encargada de abrir os desfiles da primeira xornada. Pola súa banda Isabel Mastache, presentou a súa colección avalada polo premio fin de carreira de Esdemga no Debut’09, mentres que American Pérez, o tándem creativo formado polo porriñés Jorge Bolado e Natalia Pérez, alzáronse co Premio L’Oreal á mellor colección.
O deseñador porriñés que estudou Belas Artes en Pontevedra amosou a súa satisfacción pola concesión deste galardón, dotado con 6.000 euros, que valora como “un apoio máis para afrontar a seguinte colección”. “Un queda moi a gusto con este recoñecemento logo de seis meses de traballo para unha colección que o público ve en 15 minutos”, asegurou. Considérao un bo punto de partida e un aliciente máis para seguir traballando, polo que cre que agora o importante é “non esperar a ver que pasa e estar mañá no estudo para preparar o seguinte proxecto”.

Da fotografía á dirección de arte en moda

Logo de licenciarse en 2008 na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, Jorge Bolado combinou dúas bolsas de mobilidade, unha Séneca en Valencia e unha Erasmus en Bruxelas. Tras realizar a especialidade de fotografía de moda decatouse de que o que realmente lle interesaba era a dirección de arte en moda e o estilismo. Para isto cursou un máster en Barcelona e comezou a colaborar neses eidos con diferentes deseñadores. Foi así como coñeceu a Natalia Pérez e empezaron a traballar xuntos. Polo momento, só desenvolven propostas baixo encarga, pero entre os seus plans para este ano está o de facer unha produción propia para vender como American Pérez e facelo tamén a través de Internet, cunha páxina de venta on line.
Nesta ocasión presentaron en El Ego un proxecto inspirado na serie de televisión Twin Peaks e titulado A woody place. “Finalmente centrámonos na personaxe de Laura Palmer, unha adolescente que busca o amor e o atopa nos lugares máis escuros”, explicou Bolado. Engadiu que é unha colección “pouco pretenciosa artisticamente, moi poñible e pensada para unha moza doce e optimista”.
Describiu o ambiente de El Ego como “moi estresante. É unha carreira contra reloxo, na que tes que atender a moitas cousas cun equipo pequeno e estás preocupado porque todo saia á perfección”, dixo, ao tempo que recoñeceu que ter participado nunha edición anterior lle serviu para saber levalo con máis calma, gañar confianza e sentirse menos novato.

Éxito de crítica para Mastache

A viguesa Isabel Mastache chegou a El Ego avalada polo premio Tesoira 2008 e polo galardón ao mellor proxecto fin de carreira Debut’09. A ex-alumna de Esdemga estreouse cunha colección atrevida e experimental baseada nas culturas centroeuropeas, en particular na música búlgara e romanesa, que non deixou indiferente a ninguén pola súa laboriosidade. Incluíndo outras reminiscencias étnicas que van da India a Galicia, empregou tecidos grosos, mohair, algodón, saris e tergal para elaborar traxes de chaqueta e pantalón con sorprendentes acabados e complementos de todo tipo feitos a man, desde os zapatos ata grandes tocados, entre os que mesmo se atopa a máscara dos peliqueiros.
Foi un dos desfiles máis aplaudidos e con mellores críticas. “Ao rematar moita xente veu felicitarme, mesmo algúns deseñadores importantes, e moitos dixéronme que había tempo que non vían algo tan bo”, relatou a deseñadora. “Das coleccións de El Ego a miña foi a única integramente masculina”. Sinalou que isto axudou a que destacase o seu traballo..
Mastache describe o ambiente de Cibeles cunha primeira impresión: “El Ego é Madrid”. A súa sensación polo público asistente e todo o que rodea ao certame é que a pasarela é un reflexo do movemento da cidade. Ante ese tumulto sinala que os nervios para os debutantes se concentran media hora antes do desfile. “Todo vai moi rápido, tes que vestir e peitear aos modelos en quince minutos e logo cando te das conta xa rematou o desfile”.
Entre o que menos lle gustou da convocatoria cita a busca do espectáculo, “onde se lle dá moita importancia ao ‘personaxe’ do deseñador”, ou tamén o afán por fomentar máis as marcas que a creatividade. Para ela o primordial é seguir traballando desde o punto de vista máis artístico, sen priorizar a comercialización e valorando o artesanal.
A súa próxima cita coa pasarela será no Festival de Moda e Fotografía de Hyéres (Francia), que se celebrará entre o 30 de abril e o 3 de maio. É a única representación española entre os 10 deseñadores seleccionados.

Blusas de seda e pantalóns de feltro, a opción de Coleman

Pola súa parte, Sara Coleman, que foi patronista de Roberto Verino, buscou a funcionalidade nos seus deseños presentados en El Ego, neste caso unha colección de moda feminina, cunha patronaxe meditada e cargada de movemento. Marcan o seu estilo os tecidos sen costuras e as súas habituais tiras de la modeladas sobre a figura conformando labirintos de buracos tridimensionais. As gasas de seda nas blusas completaron o dinamismo da súa proposta, acompañando saias, vestidos e pantalóns de feltro de tons violeta, negro, gris e verde auga.
A sección de novos valores de Cibeles abrangue tamén un showroom no que participan outros trinta creadores. Logo da xornada de apertura cos máis novos, ata o vindeiro martes pasarán por Cibeles Madrid Fashion Week 51 deseñadores consagrados, entre os que figuran os galegos Adolfo Domínguez, Kina Fernández, María Barros e Roberto Verino.